Lendoiro aférrase ao Deportivo malia o informe demoledor dos administradores

Augusto César Lendoiro, presidente do Deportivo © D. Sport

O Deportivo aínda é viable, pero só se Lendoiro e o seu consello de administración deixan de rexer o club. Nesta frase poderíase resumir o demoledor informe que os responsables da administración concursal da entidade, Francisco Prada e Julio Fernández, presentaron ante o Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña. Demoledor para os seus dirixentes e a súa xestión, pero non así para a afección que o sustenta. Malia todo, o máximo dirixente segue botando balóns fóra, ademais de abrir unha guerra aberta cos administradores. "Se alguén pode salvar esta situación é o actual consello", di, tras cualificar con "polo menos un notable" a súa xestión. "A valoración non pode ser máis que positiva", chegou a dicir.

O administrador defende a viabilidade do club se cambia a xestión e grazas á súa gran masa social

Para os administradores, o Deportivo é viable grazas, en boa parte, a unha masa social fiel e entregada que supera os 20.000 socios que amosan o apoio ao "seu" Deportivo e que o teñen convertido nun "símbolo de identidade". Tamén "ten viabilidade", segundo o informe, por ter "un amplo soporte territorial non limitado á Coruña, axeitadas infraestruturas e acreditada experiencia na atención a eventos deportivos propios do fútbol", así como unhas "instalacións idóneas" e unha marca "coñecida e recoñecida".

Para Lendoiro, iso é "grazas ao traballo feito" polo actual consello nos últimos anos e asegura que os factores que a administración destaca para defender o futuro da entidade foron conseguidos pola súa xestión e polo "grande investimento" realizado. "O club é clara e totalmente viable", insistiu. "Cando nós chegamos, había 5.000 socios", engadiu este martes en rolda de prensa.

Os administradores acusan a Lendoiro dunha "xestión allea á realidade" e dunha fuxida "cara adiante"

Pero no informe  hai poucas flores. En xeral, paus e reprimendas cara ao presidente da entidade, Augusto César Lendoiro, e ao seu consello, ao que recriminan no ter solicitado o concurso de acredores hai anos, cando tamén o fixeron tantos outros clubs de elite que agora respiran máis saneados e aliviados. “As verdadeiras causas da insolvencia están no feito de ter mantido un modo de xestión allea á realidade, asumindo gastos e investimentos por contías absolutamente afastadas das posibilidades económicas da sociedade", din os administradores nun documento que apaña todos os datos económicos recollidos e reclamados polos acredores desde hai semanas.

Lendoiro cifrara a débeda en 98,7 millóns, 34 deles a Facenda, á que acusou de afogar o club e que tamén é recriminada no informe por ter permitido a situación até estes días. Pero o devandito informe asegura que o club galego debe 156 millóns, 94 deles á Axencia Tributaria e 36 máis a Novagalicia e Banco Gallego. O presidente do club segue sen estar de acordo cos datos do informe e asegura que hai 60 millóns sen imputar a prol do Deportivo. Segundo dixo, hai ata cen diferenzas entre os datos dos 250 acredores que achegan os administradores.

Lendoiro defende a súa xestión e critica a valoración feita polos administradores concursais

“A orixe da insolvencia está en que o patrimonio esgotouse ao ser os gastos superiores aos ingresos, seguindo o ritmo como se as as débedas non houbese que pagalas ou os compromisos puidesen esquecerse nunha estratexia de fuxida cara adiante", asegura tamén o documento, que censura que Lendoiro "culpase a Axencia Tributaria ou os demais acredores", porque "constitúe un sarcasmo tras o que pretende evitar o recoñecemento do fracaso dunha política empresarial temeraria e errada", insiste.

Ante as duras críticas pola súa xestión, Lendoiro defendeuse. "Quen valora o rendemento deportivo? Quen sabe de fútbol? Estes señores, non", chegou a responder, insistindo unha e outra vez que "un club de fútbol non é unha empresa calquera". "Non se pode valorar a tempo pasado", aclarou.

O informe insiste en que "a viabilidade só será posible de producirse un cambio radical na maneira de concibir e executar tanto a estratexia como a xestión da entidade". Para logralo, pide que o club "transmita credibilidade e confianza en que, agora si, se van cumprir os compromisos" e que "limite as actividades ao que sexa posible levar a cabo cos recursos verdadeiramente dispoñibles", así como que se implante "unha política xeral de máxima austeridade". Pero Lendoiro defendeu os "250 postos de traballo" que hai no grupo de empresas do Deportivo e asegurou que non ía permitir que "houbese nin un despido". "Cometemos moitos erros, pero tamén acertamos moito", engadiu, sen aclarar que pasaría se o xuíz accede a retiralo da xestión da entidade.

Lendoiro podería ter que devolver parte do seu salario, ademais de ser inhabilitado

O que non aclara o informe é se esta viabilidade que lle ve ao club sería posible en Segunda División. O que si parece claro é que non será Lendoiro o que estea á fronte do club, ben sexa en Primeira ou non. Se o Xulgado estima a petición dos administradores, a inhabilitación é o camiño máis probable que lle agarda ao presidente dun club ao que tamén se lle lembra que a súa retribución desde hai máis de dez anos -o 1% do orzamento da entidade- é improcedente, ao non ter inscrito o Deportivo no Rexistro a variación dos estatutos que a permitían. Lendoiro debería reintegrar parte do seu salario se a Xustiza acepta os argumentos da administración, pero a súa resposta volveu ser sorprendente, ao asegurar que este mesmo martes -13 anos despois- se presentara a modificación no Rexistro. "A efectos societarios, non hai dúbida ningunha", dixo.

Ademais, queixouse de que se prestase tanto tempo no informe á retribución dos dirixentes do club e defendeu a honestidade da directiva. "Aquí ninguén levou un peso nin fixo negocios estraños; ninguén ousa dicir iso", rematou.

Augusto César Lendoiro, presidente do Deportivo © D. Sport
Os xogadores do Deportivo aplauden a afección © D. Sport

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.