Liga e clubes desenténdense do asasinato dun siareiro do Deportivo en Madrid

Imaxe tirada dunha gravación dos feitos CC-BY-SA El Diario

"Non teñen nada que ver co fútbol". Poucas horas despois da agresión que este domingo lle provocou a morte a un coruñés que viaxara para asistir ao partido entre o Deportivo da Coruña e o Atlético de Madrid ambos clubes e a Liga de Fútbol Profesional esforzáronse en desentenderse do presunto asasinato. Así, o presidente do Atlético, Enrique Cerezo, dá en argumentar que os feitos sucederon "moi lonxe" do estadio Vicente Calderón -aconteceu a apenas 600 metros, segundo fontes presenciais- e resume o sucedido en que "grupos radicais quedan, atópanse e prodúcense estas consecuencias". "Non temos nada que ver cos feitos", subliña o empresario, nun contexto no que tamén o Deportivo e a propia Liga marcan distancias. "Non eran entradas vendidas por nós. Riazor Blues é un grupo tranquilo en xeral, di Tino Fernández.

Segundo foi transcendendo ao longo da xornada a Policía Nacional detivo xa 24 persoas presuntamente relacionadas coa pelexa, iniciada ao redor das 9 desta mañá, ao chegaren a Madrid os autobuses con afeccionados procedentes de Galicia. Segundo admiten fontes policiais consultadas por eldiario.es á hora do inicio dos incidentes non estaban despregadas na zona as unidades antidisturbios, que constitúen o groso dos efectivos que adoitan actuar neste tipo de eventos. Segundo esas fontes os axentes da UIP non foran alertados pola Brigada Provincial de Información de que houbese algún tipo de risco antes do encontro.

Mentres aos detidos se lles acusa de presuntos delitos de rifa tumultuaria e, en dous casos, de atentado, resistencia e desobediencia, a investigación tenta esclarecer o sucedido e concretar responsabilidades. Un dos puntos esenciais a aclarar é o xeito en que comezou a liorta. Así, mentres que ao longo do día se veu falando de que a pelexa fora o resultado dunha convocatoria previa, algúns dos siareiros que viaxaron ata Madrid aseguran, ao seren consultados por Praza, que iso non sucedeu así, senón que foron atacados ao chegar.

"Eses asasinos case nos matan", di un siareiro coruñés desprazado a Madrid

Na mesma liña, outro dos afeccionados desprazados, testemuña dos feitos, declarou á TVG que "aos cinco minutos de baixar apareceron 200, arrancáronnos ao chegar". "Non foi unha liorta, foi unha emboscada", "eses asasinos case nos matan", sinalou a través de mensaxes -a Policía impediulle, nese momento, falar por teléfono-, nas que tamén afirmou que os membros do Frente Atlético, de tendencia neonazi, levaban "puñais", "barras de ferro" ou "coitelos". "A Policía tardou moito e os que caían polo camiño, pateábanos". "Se non corremos, matan a máis dun", lamenta, ademais de testemuñar que "ao que está grave, aínda por riba, tirárono ao río".

O coruñés asasinado foi guindado ao río, de onde o rescataron os servizos sanitarios

As propias autoridades sanitarias madrileñas confirman que o falecido, integrante dos Riazor Blues, foi rescatado do río Manzanares pola Unidade de Mergullo do Concello de Madrid. Nunha ambulancia os servizos de emerxencia comprobaron que presentaba un forte traumatismo, ademais dunha hipotermia, e que estaba en parada cardiorespiratoria. Tras varios minutos realizándolle manobras de renimación lograron sacalo da parada e trasladárono ao Hospital Clínico San Carlos, onde finalmente faleceu.

A Liga manteń que non puido suspender o encontro

Neste contexto, a LFP responde tamén ás críticas que lle veñen chegando polo feito de non ter suspendido o encontro. "A LFP foi firme na súa intención de suspender o encontro sen que fose posible", asegura nun comunicado, no que atribué esta circunstancia a que lle foi imposible contactar con ningún representante da Federación Española de Fútbol, rganismo que ten a competencia para tomar este tipo de decisións, alega.

O presidente da Liga asegura que non puido suspender o encontro e xustifica non gardar un minuto de silencio porque "non é un afeccionado normal"

Ademais, en declaracións á Cadena COPE o presidente da Liga, Javier Tebas, xustificou que non se decidise gardar un minuto de silencio nos partidos da tarde -nalgúns deles, caso por exemplo do Lugo-Tenerife, si que se fixo- porque o falecido "non é un afeccionado normal", senón "un afeccionado que veu encontarse nunha pelexa". Mentres a propia Policía advirte de que a investigación sobre o xeito en que sucederon os feitos segue aberta Tebas reduce o asasinato a "dous grupos de delincuentes que quedan para pegarse" e "dende a Liga crese que por ese feito non se debe gardar un minuto de islenico". "Hai clubes máis permisivos que outros" e "o debate é como hai xente que viaxa a sacudirse e provoca a morte dunha persoa, estas persoas non poden estar no fútbol", engade.

O Frente Atlético, de tendencia neonazi, estivo implicado no asasinato dun siareiro da Real Sociedad en 1998

Mentres, dende o Atlético de Madrid un dos seus directivos, Miguel Ángel Gil, desvincula o conxunto do Frente Atlético das agresións. "Teño amigos con fillos no fondo sur -onde se ubica ese grupo- e son xente supersana, non se pode xeralizar. O Atlético, así e todo, acumula un longo historial de pasividade ante actos violentos protagonizados por este grupo, que en 1998 xa estivo implicado no asasinato de Aitor Zabaleta, un seguidor da Real Sociedade de 28 anos por cuxa morte foi condenado un membro de Frente Atlético a 17 anos de prisión.

Condena da Xunta e do Concello da Coruña

Ao longo da xornada dende Galicia sucedéronse as mostras de condena e condolencia pola morte do siareiro coruñés. Así, a través dun comunicado o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, condenou "toda manifestación de violencia tras os graves sucesos" de Madrid e traslada "o pésame de todo o Goberno autonómico" e o seu "apoio aos familiares e amigos do falecido". Pola banda do Concello da Coruña o seu alcalde, Carlos Negreira, expresa a súa "repulsa" pola "salvaxe agresión" e reclama que se "esclareza o acontecido", ademais de instar os clubes a que "afasten" os "delincuentes" do deporte.

Dende o BNG coruñés tamén se condena o "lamentábel asasinato". Os nacionalistas pregúntanse, asemade, por que o partido non foi considerado de alto risco e lamentan que, ao contrario do que acontece noutro tipo de situacións, a reacción policial fose "morna". Dende o PSOE anunciouse, a última hora deste domingo, que reclamarán a comparecencia do ministro do Interior no Congreso dos Deputados para dar conta do operativo de seguridade e esclarecer posibles responsabilidades.

Imaxe tirada dunha gravación dos feitos CC-BY-SA El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.