“Purito” fai historia en Lombardia

Joaquim Rodriguez Dominio Público Praza Pública

Elos e Canelas, o blog de ciclismo de Praza, desprazouse até Milán para cubrir in situ unha das últimas carreiras do ano na que Joaquim Rodriguez obtivo unha gran vitoria que lle permite rematar o ano como número 1 da clasificación da UCI.

O sabado amenceu escuro e chuvioso nos arredores do Lago Como. Foi coma se a meteoroloxía quixese engadir un chisco de épica á carreira. Máis de 250 quilómetros con ascensións dignas de calquera etapa de montaña dunha grande volta que incluían por primeira vez en 50 anos a ascension ao Muro di Sormano (2400 metros cunha pendente media do 12%).

Tras ter un recordo con Felice Gimondi polo seu 70 aniversario, a carreira saiu de Bergamo a unha velocidade de vertixe, empuxada polos constantes ataques para meterse na fuga do día. Pouco antes de comezar a subir a Valcava, a primeira dificultade da clásica, un grupo duns dez corredores (con homes como Romain Bardet, Emanuele Sella, Steve Morabito ou Alberto Losada) conseguía estabilizar unha pequena vantaxe con respecto ao peloton.

A velocidade e a choiva facían estragos no pelotón, que vía como un grande número de corredores ían deixando a carreira no avituallamento e durante os 12 quilómetros da subida a Valcava, nos que a vantaxe dos escapados respecto ao pelotón encabezado polo Saxo Bank de Contador nunca se ia máis aló dos tres minutos.

A expectación medraba a medida que os corredores chegaban ao cumio da Valcava e se achegaban ao Muro de Sormano, no que a pesares da choiva e o frío habia moitísimo público. Os corredores enfiaron estes primeiros metros do muro con calma, como medindo as súas forzas. Impresionaba Philippe Gilbert, moi atento no segundo lugar do pelotón, brillando coa maglia arcobaleno no medio da escuridade do día… cando de repente un latigazo de Alberto Contador puxo final a tanto tanteo.

Tanto Vincenzo Nibali como Joaquim Rodriguez respostaron ben ao ataque do de Pinto, pero Philippe Gilbert parecía pasar o peor e rematou por quedarse. O grupo de Contador, Rodríguez e Nibali voaba para distanciar ao meirande favorito da carreira, alcanzaba a maioría de corredores que quedaban por diante da fuga… e paraba cando recibía a nova de que Philippe Gilbert se fora ao chan tras arriscar demasiado no descenso de Sormano. A confusión apoderouse do pelotón porque ninguén sabía a ciencia certa a gravidade da caída do campión belga, e os favoritos ralentizaron a súa marcha ata ser absorbidos polo grupo. Despois de reincorporarse á carreira e sufrir unha segunda caída, Gilbert víase obrigado a abandoar.

O pelotón pareceu confuso, como inseguro de que facer… os favoritos xa atacaran, fixéranse as primeiras diferenzas entre os homes importantes e de súpeto a caída do máximo favorito fora como pulsar un boton de “reset” que poñía as diferenzas de novo en cero. O grande beneficiado da situación era Romain Bardet, supervivinte da escapada do día, que afrontaba en solitario a ascensioón a Madonna dell Ghisallo.

A estas alturas, Joaquim Rodríguez víase forte (“a choiva e o frío fanme sentir incómodo, pero penso que me afectan menos que ao resto do pelotón”, diría despois na zona mixta) e mandaba tirar a Alberto Losada, que marcaba unha marcha esixente que só o belga Kevin de Weert se atreveu a desafiar. O corredor de OmegaPharma-QuickStep daba caza a Bardet e afrontaba en solitario o descenso do Ghisallo.

Neste momento volveu chover, moito máis forte que durante a mañá, e o descenso voltouse algo realmente perigoso. Moitos corredores deron cos seus ósos no chan, entre outros o líder provisional Kevin de Weert ou baixadores tan reputados como Vincenzo Nibali, deixando unha carreira moi seleccionada ao pé de Villa Vergano, a ultima subida do día.

---

Podes ler o texto completo en Elos e Canelas

 

Joaquim Rodriguez Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.