Manzaneda agoniza sen neve e sen un plan de futuro á vista

A estación de esquí de Cabeza de Manzaneda CC-BY-ND mömon

Manzaneda, a única estación de esquí de Galicia, segue sen neve e sen un futuro despexado. De momento, a única solución son as vontades xenéricas de salvar o complexo deportivo por parte dos implicados: Xunta, NovaGalicia Banco e concellos. A única decisión concreta foi a da Xunta de concederlle un préstamo participado de 500.000 euros para pagar a NGB 125.000 euros dun crédito anterior e as nóminas dos traballadores.

A situación financeira é asfixiante. Quedan pendentes de liquidar do exercicio 2010  a maior parte dos 241.000 da débeda. Só a Xunta abonou os 115.900 euros que lle corresponden ao ter o 48 por cento do capital de Meisa, sociedade pública que xestiona a estación, pero está pendente a diferenza que lle corresponde a NovaGalicia Banco e aos concellos da Pobra de Trives e Manzaneda. Os dous alcaldes, Francisco José Fernández e David Rodríguez,  sentados no concello de administración, teñen intención de pagar e someten esa decisión a continuidade do proxecto de estación. Ambos os dous consideran que “Manzaneda é estratéxico para o interior de Galicia e a súa desaparición sería un golpe mortal para a economía da zona”.

Tamén o desaparecido da escena política, José Luis Baltar, manifestara o seu compromiso de participar no capital da sociedade e ofrecía 1 millón de euros a cambio de coñecer os plans para o complexo. Polo que parece a súa dimisión non vai modificar a postura da Deputación  de Ourense. O seu fillo e novo presidente, Manuel Baltar, en contacto cos portavoces da oposición xa manifestou a intención de apostar por Manzaneda.

Non obstante os plans non frutifican e o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fala da necesidade de novos inversores  e dun plan de viabilidade axeitado pero sen datas concretas, nin tampouco prazos. A secretaria xeral de Turismo, Carmen Pardo, secunda as ordes do xefe e o terceiro en discordia, o baltarista e xerente da Estación, David Ferrer percorre despachos e quilómetros sen nada que ofrecer.

Segundo puido saber Praza, o nomeamento do xerente da estación de esquí foi unha aposta de Baltar, que esixiu a Feijóo o posto para Ferrer por ser fillo do antigo alcalde de Ourense e presidente da Deputación, David Ferrer. Feijóo, a través de Camen Pardo, cedeu pero só lle entregaron o despacho, xa que quedou desprovisto de competencias executivas. Ademais, as malas relacións entre o xerente e a presidenta de Meisa son visibles e o propio Ferrer queixouse e queixase aos seus colaboradores de que non lle explican nada. O último desaire tivo lugar na Feira Internacional de Turismo. Pardo e Ferrer estaban alí e a máxima responsable do Turismo galego non o saudou a pesar de que “estivemos cóbado con cóbado”.

No último consello de administración celebrado o 27 de xaneiro o xerente fixo chegar a todos un plan de viabilidade co que viña traballando nos últimos meses. Para sorpresa de todos os asistentes, Carmen Pardo, di que o documento non serve, e a Xunta decide encargar outro novo partindo dende cero. Os membros do consello quedan atónitos e asisten aos reproches públicos da presidenta cara o xerente pola pouca eficacia á hora de buscar inversores, empregando a frase: “pero non dis que non che collen o teléfono”.

Entre tanto os sindicatos asisten ao espectáculo e concéntrase periodicamente na Delegación da Xunta na cidade das Burgas. A Xunta responde que se está redactando un novo plan de viabilidade e que de momento a estación está salvada grazas ao préstamo de 500.000 de euros.

O resto dos axentes mobilízanse na medida das súas posibilidades. O alcalde de Trives, Francisco José Fernández, reclama unha xestión público privada para a estación. O alcalde nacionalista de Manzaneda, David Rodríguez, pide que a Xunta se implique. Os rexedores forman un tándem pero con pouco marxe pola falta de recursos dos concellos ao ser moi pequenos. Pola súa banda o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo aínda non lles deu cita para unha entrevista e só lles queda esperar, ademais de perdoar ás constantes débedas da estación coas súas administracións para non acabar de rematar un proxecto que ten 40 anos.

A estación de esquí de Cabeza de Manzaneda CC-BY Jsome1

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.