'éDeporte' é un novo medio de comunicación dixital en galego que elabora pezas audiovisuais sobre o deporte en Galicia
Un novo medio de comunicación dixital, en galego e sobre o deporte galego. éDeporte aposta por "novas formas de contar historias" e inaugura a súa andaina cun documental multimedia (Detrás dos 90') sobre o traballo do Deportivo feminino, adentrándose no día a día e no interior do vestiario das futbolistas ao longo dunha semana, e que se estrea este luns ás 21 horas.
As pezas audiovisuais distribuiranse a través da páxina web do medio e das súas redes sociais nunha aposta por "narrar a historia e actualidade deportiva galega, en galego, de xeito orixinal, moderno, global e inclusivo e cunha alta calidade informativa e audiovisual".
"Tentamos concentrar á nova xeración de comunicadores e a artistas galegos nas nosas creacións para aproveitar o valor engadido resultante da nosa cooperación", explican desde éDeporte, medio que foi presentado este luns na Facultade de Comunicación tras ser o gañador da V edición da bolsa Nacho Mirás, organizada polo Colexio de Xornalistas de Galicia e Abanca.
'éDeporte' aposta por "unha estética afastada do que estamos afeitos, cun formato moderno, máis coidado e tirando ao cinematográfico"
Detrás de eDeporte traballan, Alejandro Gómez Fernández, Paula Avendaño Liste, Lucía Cancela Martínez e César Fieiras. Este último veu plasmada, xunto aos compañeiros, unha idea que levaba na súa cabeza "catro ou cinco anos xestándose". "A de contar e narrar historias do deporte galego a través de pezas audiovisuais e cunha estética afastada do que estamos afeitos, cun formato moderno, máis coidado e tirando ao cinematográfico", explica.
"Queremos que prime a historia, non un resultado deportivo, senón a parte máis persoal, o día a día dos deportistas, o esforzo, o sacrificio, a rutina de traballo"
A idea, conta Fieiras a Praza.gal, é a de elaborar pezas "menos efímeras, feitas máis de vagar e máis coidadas do que permite a actualidade inmediata". "Queremos que prime a historia, non un resultado deportivo, senón a parte máis persoal, o día a día dos deportistas, o esforzo, o sacrificio, a rutina de traballo, a perspectiva dos protagonistas...", resume.
Ademais do documental sobre o Dépor feminino, éDeporte está a traballar xa n'O noso camiño, un serial de seis microepisodios e un documental final sobre a fase de ascenso que está a disputar a SD Compostela e cuxo primeiro capítulo, Ilusión, xa está dispoñible.
O formato de éDeporte adáptase con claridade ás novas modalidades de consumo de información e entretemento e destaca por ofrecer unha selección dos temas baseada nos gustos, peticións e intereses que identifica a través das interaccións cos seus seguidores e seguidoras nas redes sociais.
O medio pretende un gran documental cada tres ou catro meses, ademais doutras pequenas pezas audiovisuais decotío
O obxectivo, explican, é que ningún deporte nin deportista quede fóra da súa axenda e, tras contar co apoio da bolsa Nacho Mirás, no futuro buscarán patrocinadores, de cada unha das pezas ou en global do seu medio, para asentar un proxecto que pretende sacar á luz un documental "cada tres ou catro meses".
Con todo, non faltarán contidos no tempo que transcorra entre cada un deses grandes documentais, xa que outro dos seus obxectivos é "debullar" os traballos xa feitos para de aí sacar material como entrevistas personalizadas, así como aproveitar o calendario deportivo para elaborar outros pequenos traballos que difundirán nas redes. "Queremos ser un medio de comunicación e queremos garantir a calidade dos contidos", remata Fieiras.