Nairo Quintana: a forza da vontade

Nairo Quintana e Chris Froome Dominio Público Praza Pública

Elos e Canelas, o blog de ciclismo de Praza, analiza a figura do ciclista colombiano, revelación deste Tour e principal ameaza de Froome nas etapas dos Alpes.

Dicíamos o outro día que non parecía o Mont Ventoux o mellor sitio para darlle guerra a Froome (Sky), pois eses finais en alto con toda a etapa anterior en terreo crebado non son a mellor maneira de buscarlle as debilidades ao equipo británico (que débil está). A sensación do día foi sen dúbida o xersei amarelo, que deu mostra inequívoca de que é o máis forte, pero, como del falaremos se gaña o Tour o vindeiro domingo 21, nesta ocasión queremos deternos na meirande promesa do ciclismo colombiano, que sen dúbida está chamado a converterse nun dos predilectos de toda a afección mundial. Falamos de Nairo Quintana (Movistar).

Din os rumorosos que Nairo foi ver o Monte Calvo antes do Tour e que o seu veredicto foi "larguito, como a mi me gustan”. É que Colombia é un país quebrado polos Andes, con abruptos vales que deixan pequenos aos europeos, e Nairo é un home de montaña. Fuxindo da alta humidade e do calor ecuatorial, en Colombia o ser humano tende a vivir nas zonas altas, por iso Nairo non ten medo ás alturas: criouse a uns 2800/3000 metros sobre o nivel do mar.

De luns a venres o adolescente facía uns16 quilómetros entre o cole e a súa casa cunhas pendentes do 8%

Quintana tivo unha mocidade bastante peculiar en comparación co resto do pelotón: non quedaba prendado diante do televisor vendo as etapas do Tour, nin trataba de emular a un ídolo coa súa bici. A súa parece unha historia dos nosos avós, unha “d’antes" da guerra. Naceu no berce dunha familia humilde, estudaba e axudaba traballando na leira da casa, vendendo froitas polas portas ou atendendo o ultramarinos familiar. Eran cinco fillos e o pai impedido, vivían sen luxos e diso venlle unha austeridade que os que o tratan sempre ensalzan.

O seu sino era o exército colombiano, onde xa servía un irmán máis vello, un traballo con “paga segura". Cando empezou o Bacharelato, a familia decidiu mercarlle unha bici para ir ás aulas e reservar o carto do bus para a súa irmá. Con esforzo fixeron unha inversión de setentamil pesos (menos de 30€) para mercar unha bicicleta de montaña que resultou unha crucial inversión. Nairo tiña a súa primeira bici cando moitos dos seus colegas xa levaban un par de anos competindo en equipos. De luns a venres o adolescente facía uns16 quilómetros entre o cole e a súa casa cunhas pendentes do 8%.

Cadrou un día que Nairo voltaba a casa e atopou a uns ciclistas profesionais entrenando na estrada e medio en xogos, medio en reto, púxose a tirar con eles. Entroulle así o gusto polo deporte e empezou a competir en diferentes probas rexionais como “independente" (sen máis equipo técnico ca súa familia). O acicate era claro: gañar para poder pagar a viaxe. Pronto repararon nel e o salto a equipos de competición chegoulle hai cinco anos co Boyacá es para vivirla, e despois co Café de Colombia-Colombia es pasión, equipos da categoría Continental. En 2010 levou o Tour de L’Avenir e en 2011 gañou o maillot de montaña da Volta a Catalunya. Estes éxitos fixeron que o Movistar se decidira por facerlle unha oferta para competir entre os grandes.

Aínda que reservado, Quintana esperta a euforia en Colombia, as teles despois de retransmitir as etapas íntegras, fan tertulias deportivas por varias horas

No equipo navarro, en 2012 fíxose ca Vuelta a Murcia e unha etapa na Dauphiné que levou Wiggins preconizaba xa que podía aspirar ao Tour. A oportunidade de correr na Volta ás Galias chegou por primeira vez neste 2013 despois de gañar a Itzulia. Aínda que reservado, Quintana esperta a euforia en Colombia, as teles despois de retransmitir as etapas íntegras, fan tertulias deportivas por varias horas. Nairo únese a nomes como Urán e Henao para continuar a saga de “pedalistas" colombianos como Lucho Herrera e Fabio Parra.

De Nairo cóntase unha historia que ben podía ser un relato de Cunqueiro. Cun revistemento de chamanismo e de exotismo conta a lenda que Nairo estivo á morte de cativo

De Nairo cóntase unha historia que ben podía ser un relato de Cunqueiro. Cun revistemento de chamanismo e de exotismo conta a lenda que Nairo estivo á morte de cativo. Vítima dunha doenza provocada polos derradeiros alentos dun morto os pais levárono a curar a unha menciñeira. Nas terras de Boyacá chámanlle o "mal de difunto" ao que en Galicia se lle coñece como “asombramento" ou "aire do morto”. Non sabemos se a curandeira veu algo sobre o futuro do rapáz, pero non hai que ser moi adiviño para saber que Quintana está chamado a facer grandes cousas no ciclismo. Nairo estase a facer grande e fai aínda maior ao Tour de Francia e a este deporte tan necesitado de xente coma el.

Nairo Quintana e Chris Froome Dominio Público Praza Pública
Nairo Quintana Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.