"Recoller o mellor da tradición" para "competir e tecer lazos de irmandade". É o espírito co que nace a Liga Gallaecia, a competición de fútbol galego nada no país e auspiciada por cinco equipos. Suêvia (Compostela), Afiadoras (Ourense), Faísca (Vigo), Torques de Lugoslavia (Lugo) e Cascarilha (A Coruña) comezarán a se pasar o balón en competición ligueira dende outubro. Antes, ata o 25 de setembro, os novos clubes que o desexen aínda están a tempo de participar nun campionato que bota a andar tras un ano no que, explican os seus impulsores, "o fútbol gaélico causou furor" en diversas vilas e cidades.
A Liga Gallaecia supón o desembarco definitivo en Galicia do deporte nacional irlandés que "está a ser expandido por outras nacións celtas como Bretaña, onde xa conta con liga". Trátase, explican, dun deporte "completo, de base, non profesional e que reforza os lazos de irmandade entre as equipas que participan". No caso da liga galega, explica Odilo Carnero, de Suêvia, a estes valores engádeselle "un máis: o non segregacionismo". Trátase, engade Antón Somoza, dos Torques de Lugoslavia, de "normalizar as equipas mixtas", formadas por homes e mulleres en igualdade de condicións. Aquí "poderán xogar todas as persoas, sen discriminación de xénero".
A Liga Gallaecia recolle os valores do fútbol gaélico e "engade un máis: o non segregacionismo"
Este é o contexto no que a Liga Gallaecia se marca, di Somoza, o "obxectivo inicial de popularizar este deporte e, ao mesmo tempo, tecer e reforzar lazos de irmandade cultural con Irlanda e os países de raíz cultural céltica", unha finalidade á que contribúe a ligazón dalgúns dos equipos con asociacións culturais e centros sociais como A Gentalha do Pichel en Santiago, Cultura do País en Lugo ou Faísca, en Vigo. A liga, abonda Óscar Antón Pérez, aínda é "pequena, mais aspira a crecer e estenderse por todo o país".
Este propósito de expansión territorial procurarase centralizando a competición "cada semana nunha cidade ou vila, tentando que coincida con festas e celebracións". Quen queira aínda pode participar; asegura quen o probou que non cómpre ser deportista de elite nin ter un fondo físico de competición para dar os primeiros pasos nesta modalidade deportiva.