O Burela FS consumou este domingo o seu descenso, despois de 17 tempadas na máxima categoría nas que gañou 6 ligas, 7 copas, dous trofeos continentais e nas que foi considerado dúas veces como o mellor equipo do planeta. A quebra de Pescados Rubén deixou a entidade sen recursos cos que competir ao máximo nivel
Durante anos o Burela Futbol Sala, coñecido nese tempo como Burela Pescados Rubén, foi o mellor equipo de España e mesmo de Europa e do mundo. De feito, en 2020 e 2021 foi declarado mellor equipo do planeta nos Futsalplanet Awards. Dende o ano 2009, momento do seu ascenso á máxima categoría do fútbol sala español, o club mariñán gañou 6 Ligas, 7 Copas da Raíña, 6 Supercopas e dous trofeos continentais, entre eles a Champions en 2021. Durante 17 tempadas o nome de Burela e as súas características cores laranxa acumularon éxitos.
Porén, a quebra do seu patrocinador, Pescados Rubén, a finais do ano 2024 deixou a entidade sen os recursos necesarios para competir ao máximo nivel. O apoio de Reyco permitiu a continuidade do Burela FS. Xa o final da tempada 2024-25 foi complicada, con protestas das xogadas polos atrasos nas súas nóminas. Aínda así, o equipo gañou unha vez máis a Copa da Raíña.
Nesta tempada e coa marcha da maior parte das xogadoras e unha completa renovación do plantel con fichaxes doutras categorías, a historia foi moi distinta. Este sábado as guerreiras laranxa consumaron o seu descenso á segunda categoría despois de acadar unha nova derrota (3-4 ante o STV Roldán) no pavillón de Vista Alegre.
O club foi pioneiro, ademais, en moitas cuestións. Foi o primeiro club en facerlles contratos profesionais ás mulleres e no ano 2018 converteuse no primeiro en aprobar un convenio colectivo para as xogadoras do equipo feminino
Foi, con todo, un dos mellores encontros da tempada para o equipo burelao. As burelistas adiantáronse ata en dúas ocasións ante un rival situado en postos de play-off polo título e no treito final do partido mesmo dispuxeron dalgunha clara ocasión para levar o triunfo, que finalmente foi para as visitantes.
O descenso a segunda división despois de 17 tempadas na élite supón o remate (momentáneo) dunha historia de éxitos que era case que impensable cando en 2009 o equipo ascendeu á máxima categoría. As guerreiras laranxa levaron o nome de Burela e da Mariña por todo o continente e convertéronse nun símbolo. Cunha afección, ademais, entregada ás xogadoras.
Durante anos o Burela FS fixo cotián o extraordinario. Agora ten un novo reto: a reconstrución do equipo dende a segunda división, apoiado nunha canteira que tamén traballou con dedicación durante estes anos
O club foi pioneiro, ademais, en moitas cuestións. Foi o primeiro club en facerlles contratos profesionais ás mulleres e no ano 2018 converteuse no primeiro en aprobar un convenio colectivo para as xogadoras do equipo feminino. O acordo coa Asociación de Xogadoras de Fútbol Sala Feminino (AJFSF) incluíu medidas para favorecer a conciliación e de apoio á maternidade e axudas para a compra de libros de texto ou para a matrícula en escolas infantís dos máis pequenos.
Durante anos o Burela FS fixo cotián o extraordinario. Agora ten un novo reto: a reconstrución do equipo dende a segunda división (categoría na que tamén se atopa o equipo masculino do club), apoiado nunha canteira que tamén traballou con dedicación durante estes anos.