A crise de Pescados Rubén deixa no aire 80 empregos na Mariña

Instalacións de Pescados Rubén © Pescados Rubén

A compañía entrou nos últimos anos nun rápido devalo que a leva á solicitude dun concurso voluntario de acredores, que a propia dirección comunicou xa ao persoal

Pescados Rubén é unha das meirandes empresas da Mariña. Con sede en Foz, facturou en 2022 44 millóns de euros e dá emprego a máis de 80 persoas, o que a convertía na quinta compañía da bisbarra en ingresos. Nese momento a empresa dedicada á venda de peixe e marisco a grandes superficies e mercados centrais xa iniciara a unha crise que a levou rapidamente á solicitude dun concurso voluntario de acredores que os sindicatos dan por seguro e que a propia dirección comunicou xa ao persoal.

O pasado mes de novembro Pescados Rubén entrou xa en preconcurso, iniciando conversas cos seus acredores -bancos e provedores- e ante a difultade de facer fronte ás débedas contraídas, semella que non esgotará os prazos legais para a solicitude formal do concurso, que deixaría nas mans dun administrador designado polo xulgado mercantil a resolución final sobre a viabilidade da compañía ou a súa posible liquidación.

Traballadoras de Pescados Rubén © Pescados Rubén

Despois de décadas de crecemento, nos últimos anos Pescados Rubén viuse afectado polo incremento dos gastos financeiros derivados do aumento dos tipo de xuro. Ademais, tivo maiores dificultades no acceso a parte da súa materia prima principal

Nestas últimas semanas foi reducindo, iso si, os pagamentos aprazados ao persoal, a través de achegas intermitentes, e neste momento só adebeda unha parte das nóminas do mes de decembro. Porén, a situación xera unha grande incerteza entre os e as traballadoras. Segundo os sindicatos, unha parte considerable do persoal -que leva moito tempo traballando na empresa- ten unha idade avanzada pero aínda se atopa lonxe da xubilación. Moitos dos empregados e empregadas consideran complicada a súa colocación noutras empresas da comarca.

A empresa está negociando a venda da súa planta central, para que en principio conta con varias ofertas. A operación podería proporcionar liquidez para aliviar parte da débeda que a compañía arrastra.

A Mariña encamíñase a un novo capítulo da súa crise industrial, despois dos casos recentes de Vestas, Albo ou a propia Alcoa

A Mariña encamíñase a un novo capítulo da súa crise industrial, despois dos casos recentes de Vestas en Viveiro, de Albo en Celeiro, ou a propia Alcoa en San Cibrao, entre outros exemplos. O futuro da planta alumineira de San Cibrao segue no aire, a pesar das promesas de enerxía barata e cun prezo estable.

Despois de décadas de crecemento, nos últimos anos Pescados Rubén viuse afectado polo incremento dos gastos financeiros derivados do aumento dos tipo de xuro. Ademais, tivo maiores dificultades no acceso a parte da súa materia prima principal, como a xarda, o xurel, a sardiña ou a pescada. Algunhas apostas recentes, coma as conservas, non deron tampouco bos froitos.

O Burela Pescados Rubén celebrou así o seu cuaerto título de Liga © Burela Pescados Rubén

A empresa está negociando a venda da súa planta central, para que en principio conta con varias ofertas. A operación podería proporcionar liquidez para aliviar parte da débeda que arrastra

A compañía naceu como unha empresa familiar de moi pequeno tamaño. Rubén Blanco fundouna no ano 1992 xunto á súa dona Cesarina Fanego e foi medrando en dimensión, distribuíndo nos grandes mercados centrais de Madrid ou Barcelona o peixe que se descargaba nos portos da Mariña. Tamén exportou durante anos peixe conxelado a Europa, América e África. Máis adiante, as vendas a grandes cadeas de supermercados levaron a empresa a un gran crecemento. 

En 2022 Rubén Blanco e Cesarina Fanego transmitiron as súas participacións na empresa, xa en crise, aos seus tres fillos.

A crise da compañía ten tamén consecuencias no mundo do deporte. A comezos de decembro anunciábase que a empresa deixaba de patrocinar o CD Burela FS, o equipo de fútbol sala da localidade, que nos últimos anos veu acadando importantes éxitos, sobre todo na categoría feminina

A crise da compañía ten tamén consecuencias no mundo do deporte. A comezos de decembro anunciábase que a empresa deixaba de patrocinar o CD Burela FS, o equipo de fútbol sala da localidade, que nos últimos anos veu acadando importantes éxitos, sobre todo na categoría feminina, levando o nome de Burela, do conxunto da Mariña e de Pescados Rubén por todo o Estado.

O CD Burela FS feminino foi seis veces campión de Liga e na tempada 2021-22 fíxose coa Futsal Women's European Champions, a máxima competición de clubs a nivel europeo. O Burela Pescados Rubén non só ocupou portadas polos seus éxitos deportivos. En 2018 converteuse no primeiro club en formalizar un convenio colectivo de xogadoras profesionais, con axudas á conciliación e á crianza. Na categoría masculina o equipo xoga na Primeira División, ocupando neste momento o 14º posto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.