Da planta de Albo en Celeiro á fábrica de Vestas en Chavín hai menos de dez quilómetros e 15 minutos en coche. É máis ou menos a mesma distancia que separa as instalacións da conserveira en Viveiro do complexo en San Cibrao de Alcoa, coa actividade paralizada ata que en 2024, de cumprirse o previsto, se reactiven as cubas.
Vestas cesou a súa produción este ano, prescindindo da maioría dos 112 empregados, para converter a fábrica nun centro de servizos e formación e dar un novo golpe ao devalo da industria eólica na Mariña e no norte de Galicia, afectado tamén polo inminente peche da central térmica das Pontes. Mentres a comarca mantén a respiración polo futuro de Alcoa, o seu gran motor económico, amosa a súa indignación pola marcha da fábrica de fibras téxtiles a Palas de Rei mesmo antes de chegar. Agora, quen abandona é Albo, conserveira viguesa que decidiu tamén pechar as portas a piques de cumprir un século de actividade en Celeiro.
Nesta semana, o grupo chinés Shanghai Keichuang, propietario da conserveira Albo, confirmou a súa intención de pechar a súa fábrica en Viveiro nunha decisión que inclúe o traslado de toda a súa actividade galega á súa planta en Salvaterra de Miño.
O grupo chinés Shanghai Keichuang pecha a fábrica de Albo en Celeiro, o que supón a destrución de 45 empregos, a maioría de mulleres
Os máis de 130 traballadores que a empresa ten en Vigo trasladaranse en outubro á nova planta, a algo máis de 30 quilómetros, logo de pactar un incremento de soldo mensual ou o desprazamento diario en autobús. Pero esa opción é inviable para o persoal da Mariña, á quen a compañía presentou a documentación detallada este pasado xoves para comezar a negociación do proceso de mobilidade xeográfica a vindeira semana.
Non hai moitas opcións. A marcha de Albo supón a destrución de 45 empregos directos, ademais dalgún máis ao que se recorría temporalmente en determinadas campañas. Afecta, ademais, sobre todo a mulleres, que supoñen o 75% do persoal (34 traballadoras), tamén na súa inmensa maioría por riba dos 50 anos. Moitas de Viveiro, pero tamén de Xove, Burela ou Ferreira do Valadouro.
"Non son mozas, senón xente coa familia asentada aquí, coas súas parellas traballando na Mariña, con fillos... É impensable que marchen agora traballar a 270 quilómetros e tres horas de coche da súa casa", explica Susana Riveira, membro da executiva local da CIG, sindicato con representación na planta, que destaca, ademais, que mentres hai traballadoras a piques de se xubilar, outras non teñen suficiente cotización e quedan "nunha situación complexa".
"A xente está desanimada e decepcionada porque, aínda que pensaban que era unha das posibilidades, non agardaban a decisión tan de súpeto, sen tempo nin para buscar alternativas", insiste quen debulla agora, xunto coas delegadas sindicais, a documentación presentada por Albo ao persoal. Nela, a empresa cita entre os seus argumentos para o peche a decisión dos propietarios das instalacións de "non renovar o contrato de arrendamento" pero engade tamén as "novas normativas internacionais esixidas para a industria alimentaria" e a posibilidade en Salvaterra de conformar "un centro produtivo eficiente, ecolóxico e con aforros enerxéticos". Unha mellora, din, "a nivel produtivo, loxístico, organizativo, medioambiental e de prevención de riscos".
Coa marcha de Albo pecha a última conserveira de Celeiro, que chegou a superar as vinte nos 60 e que perdeu outra hai só seis anos
"Aquí non hai cuestión económica ningunha porque a fábrica é rendible, tanto que nos últimos anos produciuse e vendeuse como nunca, mesmo en tempos de pandemia", explican desde a CIG, que advirte do prexuízo que, "unha vez máis, supón que a lexislación permita desligar o patrimonio inmobiliario e as instalacións da marca mercantil". "Hai moi poucos anos, aquí chegaron a traballar 70 persoas", lembra Riveira. A produción roldaba os 20 millóns de latas anuais de bonito do norte e atún claro.
Agora, Albo espera iniciar no vindeiro outono a súa produción na megaplanta da Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves (Plisan) mentres a fábrica de Celeiro pecha as súas portas. Hai seis anos, Conservas Antonio Alonso, con sede na mesma rúa, fechaba tamén para trasladar toda a súa produción a Bueu e provocaba a destrución doutros 40 empregos neste porto que chegou a superar as 20 conserveiras nos anos 60.
Persoal e sindicato insisten no futuro dunha factoría situada ao carón de dous portos pesqueiros de referencia como Celeiro e Burela. "Temos o bonito, temos a pescada pero non temos conserveiras", lamenta a CIG, que busca a implicación das administracións para manter a actividade e os postos de traballo. "Nesta planta ou noutras instalacións no concello ou na comarca", di Riveira, que cre que Concello e Xunta deberían "facer o seu traballo" e buscar alternativas, "mesmo negociando co propietario da planta", que segue en mans dunha sociedade da familia Albo.
Polo momento, sindicato e traballadores traballan xa en acordar unha entrevista coa alcaldesa de Viveiro e co conselleiro de Economía na busca dunha "solución" ao que é "un novo golpe á Mariña". Unha comarca, lembran, que respondeu en masa á folga xeral que no pasado outono virou nun berro contra o abandono.
Desde a última folga xeral na Mariña, Alcoa parou, Vestas pechou e Altri decidiu marchar a Palas tras prometer a Xunta que se instalaría na comarca
Desde aquela, Vestas pechou, Alcoa parou e o proxecto da planta de fábricas téxtiles de Altri que Feijóo prometera para A Mariña acabou en Palas de Rei entre a "indignación" e o anoxo da Mancomunidade. Agora, é Albo quen decide marchar de Celeiro, a onde chegou en 1924 e onde se mantiña como a última das conserveiras. Abandonará A Mariña para se trasladar ao sur de Galicia, na contorna da AP-9, noutra viraxe económica cara á costa oeste e de costas ao norte galego.
"Aquí non nos queda nada, a comarca segue a desangrarse e déixannos sen alternativas... Todos os supostos e probables proxectos industrias acaban como acaban", lamenta Riveira, nunha frase repetida tantas veces nos últimos anos.