A finais de 2009, o daquela Ministerio de Economía e Facenda concedeu á multinacional eólica Vestas Nacelles Spain unha subvención a fondo perdido por 2,37 millóns de euros. Estaba dotada con fondos europeos e encamiñada a cofinanciar o 19% dos 12,50 millóns que a compañía prevía investir na súa fábrica de compoñentes eólicos en Chavín (Viveiro).
No ano 2017, o Goberno de España recoñeceu formalmente o dereito a recibir a subvención por parte de Vestas Manufacturing Spain, que absorbera a filial a través da que a empresa abrira a fábrica da Mariña e outra en León. Ao ano seguinte, en novembro de 2018, o Ministerio de Facenda concluíu que Vestas incumprira parte das condicións da subvención e por iso cumpría recortarlla. Pero fíxoo, segundo a Audiencia Nacional, cun erro de cálculo que agora provoca que lle teña que pagar 142.000 euros, cadrando no tempo co peche da fábrica de Viveiro e a súa reconversión nun centro lóxistico que emprega moito menos persoal.

Hai poucos días, o Boletín Oficial do Estado publicou unha nova orde para modificar formalmente o "alcance do incumprimento" de Vestas. Inicialmente, Facenda concluíra que a multinacional danesa "non acreditara o mantemento de 0,48 postos de traballo cos tipos de contrato admitidos para a creación de emprego" na súa fábrica de Viveiro "sobre os 137 esixidos" e que, ademais, só acreditara 9,35 millóns de investimento e non os 12,5 previstos. Sobre estes números, considerou que incumprira o 25,41% da subvención e tiña que cobrar 603.151 euros menos, isto é, 1,77 millóns que xa cobrou no verán de 2019.
O Estado recortou a subvención de 2,4 millóns concedida a Vestas ao considerar, entre outros aspectos que investira en Viveiro 9,35 millóns e non os 12,5 que prevera. A compañía recorreu á Audiencia Nacional, que lle deu parcialmente a razón en plena reconversión da fábrica coa súa destrución de postos de traballo
Pero, paralelamente, Vestas interpuxo un recurso ante a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional contra ese recorte e o Tribunal deulle parcialmente a razón. Fíxoo nunha sentenza no que concorda co Estado no incumprimento dos criterios laborais pero difire nos investimentos: segundo a Audiencia, Vestas acreditou que investiu en Viveiro 10,10 e non 9,35 millóns de euros. Polo tanto, incumpriu o 19,42% e non o 25,41% da subvención.
Deste xeito, expón a nova orde, o que procede retirarlle da subvención á compañía non son algo máis de 600.000 euros, senón 461.007. Dado que Vestas xa cobrou os devanditos 1,77 millóns, o Ministerio vese obrigado a abonarlle agora 142.143 euros e ademais, por orde Audiencia Nacional, a pagarlle tamén os xuros que correspondan, calculándoos dende a data do primeiro pagamento ata a data na que se produza o segundo.
Dáse a casualidade de que Vestas obtivo esta sentenza parcialmente favorable aos seus intereses mentres, en Viveiro, o persoal da súa fábrica se mobilizaba infrutuosamente polo mantemento de todos os postos de traballo na vila mariñá. Finalmente, a reconversión da factoría de Chavín provocou que só se mantivesen apenas unha vintena de empregos do total de 115 cos que contaba.