O vindeiro 30 de decembro farase 12 anos dende que o Consello da Xunta aprobou, sen facelo público, abonar 1,03 millóns de euros á consultora KPMG para elaborar un "diagnóstico preliminar sobre a viabilidade da fusión das caixas de aforros galegas". O informe, que inicialmente ían pagar Caixa Galicia e Caixanova, fora contratado pola Xunta o día 22 do mesmo mes, cando a compañía xa levaba vinte días elaborándoo.
Anos despois, o Goberno galego de Alberto Núñez Feijóo daría en amosar os documentos cos que xustificara aquela operación: era un contrato de "emerxencia" e ningunha outra empresa podía abordalo, por iso contratou directamente a KPMG, sen mediar concurso público ningún. A finais de xaneiro de 2010, a Xunta sinalara que KPMG realizara unha "auditoría" que "avalaba" a fusión das caixas, aínda que en realidade o realizado non era unha auditoría e, como a propia consultora reiterou en varias ocasións, non daba o seu visto e prace á unión que deu lugar á despois quebrada Novacaixagalicia.

Nos anos seguintes, a Xunta -igual que outros gobernos de cores políticas diversas- seguiron contratando a KPMG, unha das principais consultoras internacionais, para diversos servizos. Unha das últimas encomendas produciuse a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, e consistiu na falida busca de investidores para evitar o peche da factoría de compoñentes eólicos que Vestas quere pechar en Viveiro.
Vestas fixo público que se reunira con dous fondos de investimento propostos por KPMG, "contratada pola Xunta" e que os encontros acabaron sen avances pola "ausencia de interese" na compra. Un terceiro fondo, di a multinacional, "xa manifestou non ter interese, polo que non houbo reunión"
Os portais públicos de contratación do Igape non amosan, cando menos polo momento, contrato específico ningún para esta operación con KPMG. Si consta neles, por exemplo, un contrato de algo máis de 130.000 euros asinado a principios de 2019 para un "servizo de captación de investimentos foráneos para Galicia" e outro semellante, asinado en 2015, por 264.000 euros.
Foi a propia Vestas a que, ao dar por fracasado o proceso o pasado 16 de decembro, fixo público o papel de KPMG na intermediación da Xunta. Sinala a multinacional danesa que o día 9 do mesmo decembro "mantivo encontros con dous fondos de investimento" propostos "por KPMG, empresa contratada pola Xunta". Ambos encontros, asegurou, "saldáronse sen avances" pola "ausencia de interese firme e real" destes investidores "na compra das instalacións de Vestas en Viveiro". Houbo un "terceiro fondo de investimento proposto por KPMG" que "xa manifestou non ter interese na operación, polo que non houbo reunión".
Sempre segundo a versión de Vestas, eses dous fondos de investimento propostos por KPMG para dar cumprimento á encomenda da Xunta "resaltaron que a operación non encaixa nos seus modelos de negocio" e que, simplemente, "acudirón á xuntanza" porque o pediu a consultora. "Coincidiron en que, en calquera caso, aspirarían á compra dunha unidade produtiva completa, incorporando plans de produción a longo prazo" ou "un plan industrial con ordes e pedidos" para así "rendibilizar o investimento, máis adiante", revendendo a fábrica.
A Xunta asegura que "atopou" tres investidores "interesados na propiedade da planta" e que "renuncian ante os atrancos impostos" por Vestas
Con este pano de fondo, Vestas segue adiante co "cese de actividade" en Viveiro e o conseguinte ERE, cuxa motivación defende por "obsolescencia dos produtos, sobrecapacidade de produción e redución de demanda en Europa". A Xunta, que no mesmo 9 de decembro asegurou "ter identificados tres posibles compradores para a factoría de Viveiro", mantén que Vestas "debe continuar coa actividade da fábrica alén do 31 de decembro para non frustrar un posible proceso de venda".
Segundo a Consellería de Emprego, en realidade os fondos de investimento si estaban "interesados na propiedade da planta" e foran "atopados pola Xunta", pero "renuncian ao seu propósito ante os atrancos impostos" por Vestas. A multinacional, defende o departamento que dirixe María Jesús Lorenzana, "non se atopa interesada en vender, non queren que ningún outro competidor adquira a factoría e leve a cabo un proceso de reindustrialización". Segundo Lorenzana, "imos continuar traballando na busca doutros compradores".