De Viveiro a Dinamarca polo futuro dos 115 empregos de Vestas: "a bicicleta aprendeume a loitar e a non tirar a toalla"

Alejandro Paleo, á esquerda, está a viaxar en bicicleta dende Viveiro a Dinamarca © PedaleoxEmpleo

Alejandro Paleo está a percorrer en bicicleta os 2.800 quilómetros separan a fábrica de Vestas en Viveiro coa sede central da multinacional dinamarquesa, situada na cidade de Aarhus

2.776 quilómetros separan a fábrica de Vestas en Viveiro coa sede central da multinacional dinamarquesa, situada na cidade de Aarhus. É a distancia que está a percorrer en bicicleta Alejandro Paleo, traballador da empresa, co obxectivo de entregarlle aos directivos da compañía unha carta asinada por todo o persoal, na que reclaman a continuidade da planta, despois de que Vestas anunciase un ERE que a final de ano deixaría sen emprego aos 115 traballadores da instalación viveirense. Paleo quere visibilizar a reivindicación do persoal dunha planta que mantivo nos últimos anos unha alta rendibilidade, nun sector eólico, ademais, en auxe. E busca que na sede da multinacional "coñezan os nosos nomes e as nosas caras" e "vexan que somos algo máis que números". 

O posible peche de Vestas enmárcase nun contexto de devalo en Galicia da industria vencellada ao sector eólico, con exemplos como a clausura de Gamesa, e nun momento de crise industrial na comarca da Mariña, marcada pola situación de Alcoa. Dende hai semanas o persoal da factoría está a levar a cabo mobilizacións en Viveiro, cun grande apoio de toda a veciñanza, e este martes fíxoo tamén en Compostela, onde unha marcha ante a sede da Xunta reclamou unha maior implicación do Goberno galego na procura de solucións.

"Vestas non pode pechar, somos profesionais do sector eólico. Pedimos que todos os partidos e administracións traballen todos na mesma dirección e que actúen para darlle a volta a esta situación", di

Mentres, Alejandro Paleo non deixa de pedalear. O domingo pola mañá partiu da factoría viveirense, entre os aplausos de centos de persoas e rodeado por ducias doutros ciclistas, moitos deles nenos e nenas. "Se non fose polo motivo desta viaxe, sería como un día de festa, con tanta xente, tantos nenos e tantos aplausos. Pero non era unha festa, era un día de reivindicación", di o traballador nun vídeo subido ás redes sociais. A conta de Facebook PedaleoxEmpleo vai facendo un seguimento, día a día, do seu percorrido, con imaxes e vídeos gravados polo ciclista e por dous compañeiros, Guillerme e Breixo, que o acompañan nunha caravana.

"Vestas non pode pechar, somos profesionais do sector eólico. Pedimos que todos os partidos e administracións traballen todos na mesma dirección e que actúen para darlle a volta a esta situación", di Alejandro Paleo noutro deses vídeos, no que recoñece que a viaxe de momento está a ser máis dura mentalmente que fisicamente. 

Paleo, de 39 anos de idade, leva 11 traballando na factoría de Vestas. Antes foi ciclista profesional, integrando as filas do Xacobeo Galicia nas tempadas 2008 e 2009

O seu obxectivo é chegar a Aarhus nun prazo máximo de 15 días, atravesando a Cornixa Cantábrica, Francia, Bélxica, Países Baixos e Alemaña, cruzando finalmente Dinamarca ata chegar á sede central da empresa, que se atopa no norte do país. Nas tres primeiras etapas percorreu xa máis de 600 quilómetros, con paradas en Lugones (Asturias), Maliaño (Cantabria) e Orio (Euskadi). Esta terceira etapa foi de momento a máis dura, por mor da forte chuvia que tivo que soportar en todo o percorrido.

Alejandro Paleo, de 39 anos de idade, leva 11 traballando na factoría de Vestas. Antes foi ciclista profesional, integrando as filas do Xacobeo Galicia nas tempadas 2008 e 2009, anos nos que co equipo galego correu carreiras por medio mundo, dende Malaisia a Turquía pasando por México, Italia ou Irlanda, ademais de España e Portugal. Despois da súa retirada do ciclismo profresional, seguiu competindo a gran nivel en competicións amateur, como o II Campeonato del Mundo Open, que se correu en Ourense en 2013, e no que resultou gañador na categoría Master 30.

"Ás veces vou acompañado, pero cando rodo en solitario é cando me empeza a dar voltas na cabeza a preocupación por todo o que está pasando e cando pensas nos teus compañeiros"

"A bicicleta aprendeume a loitar e a non tirar a toalla", destacou estes días nunha entrevista á Cadena Ser. E así continúa pedaleando un día tras outro, en ocasións acompañado por cicloturistas que atopa na estrada, aos que explica o motivo da súa viaxe e a situación de Vestas, e mesmo por algún ex-compañeiro do pelotón profesional, como David de la Fuente. "Ás veces vou acompañado, pero cando rodo en solitario é cando me empeza a dar voltas na cabeza a preocupación por todo o que está pasando e cando pensas nos teus compañeiros", explica nun vídeo, no que destaca estar "moi orgulloso de todos os meus compañeiros" e confía en que "esta loita vai servir para conseguir a continuidade da fábrica. "Se non tivésemos esperanza, non poderíamos seguir adiante", conclúe.

Manifestación en Compostela

Este martes o persoal de Vestas desprazouse ata Compostela para manifestarse ante a sede da Xunta

Este martes o persoal de Vestas desprazouse ata Compostela para manifestarse ante a sede da Xunta. Os traballadores instan ao Goberno galego a pór en marcha as medidas que sexan necesarias para evitar que a multinacional aplique o despedimento colectivo e peche a fábrica de Viveiro.

A marcha, que precedeu á reunión da mesa industrial (na que participa a Xunta, o goberno español, a empresa e a representación sindical), saíu do centro comercial As Cancelas, pasou polo edificio administrativo de San Caetano e rematou na EGAP, onde tivo lugar a xuntanza.

Manifestación dos traballadores de Vestas en Compostela, este martes © CIG

A xuntanza da mesa industrial finalizou co compromiso da empresa de buscar "unha posibilidade de reciclar ou transformar a produción". Porén, a compañía rexeitou retirar o ERE presentado

A xuntanza da mesa industrial finalizou co compromiso da empresa de buscar "unha posibilidade de reciclar ou transformar a produción", destacou a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana. Porén, a compañía rexeitou retirar o ERE presentado, cuxa tramitación se mantén en paralelo á celebración das mesas industriais e da procura de solucións.

Na xuntanza, o persoal rexeitou a proposta da empresa de transformar a fábrica de Viveiro nun centro subministrador de servizos ou de actividades de formación, unha opción que non garante o mantemento do emprego. Os traballadores reclaman que se elaboren en Viveiro "compoñentes que fabrica Vestas noutras factorías en Europa".

Os sindicatos esixen que a empresa paralice o ERE presentado, unha primeira medida imprescindible para buscar a continuidade da factoría e dos postos de traballo

Os sindicatos esixen que a empresa paralice o ERE presentado, unha primeira medida imprescindible para buscar a continuidade da factoría e dos postos de traballo. Na marcha participou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, destacou que mentres o ERE estea enriba da mesa "dificilmente se poderá crear un clima de boa fe e crer na vontade que expresa Vestas de acadar solucións e de establecer un diálogo amigábel, mais cando existe unha vontade manifesta das administracións públicas neste sentido e toda a sociedade da Mariña reclama a continuidade dos postos de traballo".

Manifestación dos traballadores de Vestas en Compostela, este martes © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.