"A Mariña está a morrer e necesitamos solucións". Esta idea nucleou a nova manifestación convocada polo persoal da fábrica eólica de Vestas, que este sábado percorreu as rúas de Viveiro coa participación masiva da cidadanía da localidade e dos concellos próximos, unhas 3.500 ou 4.000, segundo as cifras achegadas pola Policía Local.
Hai uns días a multinacional dinamarquesa anunciou a presentación dun ERE que podería afectar a 115 traballadores, agudizando a crise industrial que vive a comarca da Mariña
Hai uns días a multinacional dinamarquesa anunciou a presentación dun ERE que podería afectar a 115 traballadores, agudizando a crise industrial que vive a comarca da Mariña, especialmente afectada polas dúbidas sobre a continuidade de Alcoa. Pídese a paralización deste ERE e a continuidade dos postos de traballo, nunha demanda que nos últimos días vén recollendo o apoio unánime de todos os secotores da sociedade viveirense.
O vindeiro martes 5 de outubro celebrarase unha mesa de conversas na que xa está confirmada a participación de representantes do Goberno central, da Xunta e do comité de empresa. A dirección de Vestas tamén foi convidada, pero aínda non confirmou a súa asistencia.
O persoal reclama unha saída alternativa ante o peche anunciado pola empresa e a implicación das distintas administración para procurar unha solución, que podería pasar por atopar un comprador para a factoría. Este sábado na marcha incidiuse en que "sen industria non hai futuro" e reclamáronse medidas que impulsen a creación de postos de traballo na Mariña.
O persoal reclama unha saída alternativa ante o peche anunciado pola empresa e a implicación das distintas administración para procurar unha solución
O presidente do comité de empresa da fábrica de Chavín, Daniel Mariño, puxo o foco nos últimos días en que este non é un peche que chegue tras unha xeira de malos resultados empresariais. Ben ao contrario, subliña, a factoría "é rendible" e achega beneficios á compañía. Simplemente, sospeitan, trátase dunha deslocalización para poderen lograr maximizar eses beneficios a costas das condicións laborais noutro lugar. E todo, censurou, nas costas "de 115 familias da comarca".
Este domingo o obreiro da factoría e ex-ciclista profesional Alejandro Paleo partirá da fábrica para percorrer en bicicleta os 2.800 quilómetros que separan Viveiro de Aarhus (Dinamarca)
A manifestación deu continuidade á celebrada o pasado sábado, tamén cunha gran participación da cidadanía, e nos vindeiros días continuará o calendario de actos de protesta e reivindicación. Este domingo o obreiro da factoría e ex-ciclista profesional Alejandro Paleo (que militou no Xacobeo-Galicia nos anos 2008 e 2009) partirá da fábrica para percorrer en bicicleta os 2.800 quilómetros que separan Viveiro de Aarhus (Dinamarca) onde quere entregarlle en man aos directivos da compañía unha carta para pedir que reconsideren o peche.
O martes 4 de outubro, ademais, está convocada unha manifestación en Santiago de Compostela, que con saída no centro comercial das Cancelas rematará ante a sede da Xunta en San Caetano, esixindo unha maior implicación do Goberno galego para deter o peche da factoría. A marcha coincidirá coa mesa industrial do marte e que espera sexa determinante para o inicio da procura de solucións para a planta. O mércores celebrarase unha segunda reunión do período de consultas do ERE extintivo.