Ata hai moi pouco, a compañía eólica danesa Vestas subliñaba o seu "compromiso" con Viveiro e con Galicia para eloxiar a boa marcha e as perspectivas de futuro da súa fábrica de compoñentes de aeroxeradores na localidade mariñá. Hai apenas dous anos, a propia empresa deu en advertir, para defender ante a Xustiza a regularización urbanística do seu complexo na parroquia de Chavín, que o seu eventual peche suporía un "verdadeiro drama" para comarca.
Ningún destes argumentos foi tido en conta para, esta mesma semana, comunicar por sorpresa ao persoal e acto seguido facer pública a súa intención de pechar antes de fin de ano. Alegando razóns de "competitividade" e de integración dos seus negocios de eólica terrestre e mariña, Vestas anuncia que clausura a fábrica que dá emprego a máis de cen persoas e di, sen maior concreción, que procurará recolocar a cando menos unha parte dun plantel que este sábado se botou á rúa en Viveiro xunto a unha multitude.
Unhas 2.500 persoas, segundo cálculos da Policía Local viveirense que cita El Progreso, participaron nunha mobilización que prevé ser a primeira dun amplo calendario contra o peche. Volveron, outra volta, a ecoar na Mariña consignas como "queremos traballar e non emigrar". Non en van, a concentración centrábase en rexeitar o peche de Vestas, mais tamén en todos os demais síntomas dunha crise industrial mariñá que ten no aínda difuso futuro de Alcoa o seu máximo expoñente. Non en van, persoal de Alcoa acudiu a Viveiro para apoiar o persoal mobilizado de Vestas.
Tras manifestar o seu "compromiso" coa comarca e cualificar como "drama" a posibilidade dun peche para xustificar o seu encaixe urbanístico en Viveiro, Vestas anunciou por sorpresa que prevé pechar antes de fin de ano aínda que a factoría "é rendible", subliña o comité de empresa
O presidente do comité de empresa da fábrica de Chavín, Daniel Mariño, puxo o foco ante a concorrencia en que este non é un peche que chegue tras unha xeira de malos resultados empresariais. Ben ao contrario, subliña, a factoría "é rendible" e achega beneficios á compañía. Simplemente, sospeitan, trátase dunha deslocalización para poderen lograr maximizar eses beneficios a costas das condicións laborais noutro lugar. E todo, censurou, nas costas "de 115 familias da comarca".
Tamén a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro (PSdeG), subliña que a factoría mariñá de Vestas ten "beneficios e boa produtividade", polo que é o momento de "premer" por todas as vías, a da mobilización pero tamén a política, para que a empresa "reconsidere" o peche. Alén de representantes municipais, á mobilización acudiron líderes sindicais como o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, así como representantes de todas as principais forzas políticas, caso do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, ou de voceiros locais e provinciais do BNG e do PP.