Chega á sede danesa de Vestas o traballador de Viveiro coa carta contra o peche: "A fábrica é produtiva e dá ganancias"

Alejandro Paleo, á dereita, coa caravana que o acompaña no percorrido de Viveiro a Dinamarca coa bicicleta © PedaleoxEmpleo

Alejandro Paleo, traballador da eólica Vestas en Viveiro, chega á sede da multinacional en Dinamarca para trasladarlle aos directivos da empresa a necesidade de manter os 115 postos de traballo na Mariña

"Traballamos con seguridade e con calidade e o sector eólico está en auxe, non é normal o que nos están facendo". Alejandro Paleo culmina este venres a travesía en bicicleta que o levou a percorrer os 2.776 quilómetros que separan a fábrica de Vestas, en Viveiro, da sede central da multinacional dinamarquesa, situada na cidade de Aarhus. 

″Supostamente, os nosos xefes nos van recibir. Non sabemos aínda de que maneira, pero están avisados para que poidamos falar con eles ao chegar. Xa nos dixeron que temos que levar os certificados COVID", conta a Praza.gal Alejandro Paleo. E así sucedeu, só que nese encontro non atoparon "solucións" xa que a resposta da empresa foi que o asunto ten que ser abordado polo comité na mesa industrial e na de negociación do ERE. 

"Temos unha carta reclamando que manteñan os nosos postos de traballo porque non vemos normal que nos cerren a fábrica sendo produtivos como somos e dando ganancia", contaba Paleo antes do encontro na sede de Vestas. A misiva dos traballadores de Viveiro chegará ao CEO da multinacional, Tommy Rahbek Nielsen, que estaba fóra de Dinamarca á chegada da expedición galega.

A multinacional con sede en Dinamarca anunciou un ERE para os 115 traballadores e traballadoras da fábrica situada na parroquia de Chavín, en Viveiro, como paso previo ao peche antes de que remate o ano. Unha decisión coa que non contaba o plantel de traballadores, pois aseguran que "é rendible" e ven nesta manobra da empresa danesa unha maneira de abaratar custes con cargo a deslocalizar a produción e rebaixar as condicións laborais. 

Viveiro botouse á rúa en multitudinarias manifestacións desde que se coñeceu a intención da dirección de Vestas, e Alejandro Paleo, de 39 anos e que leva 11 traballando na fábrica, colleu a bicicleta na que foi corredor profesional para levar á sede central en Dinamarca as súas reivindicacións. "Non vou con etapas definidas, imos facendo ata onde podemos. Comezamos ben as primeiras semanas, pero agora veu todo de golpe", relata.

"A empresa en si é a número un do sector eólico. Outra cousa é que non nos manden produción para a nosa fábrica de Viveiro", salienta Paleo

A recta final complicouse para Alejandro Paleo e a expedición que o acompaña tanto pola situación da climatoloxía como polos sucesivos percances coa bicicleta. Así resume a penúltima xornada antes de emprender a ruta cara a Aarhus: ″Xa saímos tarde porque non tiña roupa seca, puxéraa na secadora pola noite pero resulta que fallou todo e tivemos que buscar en Hamburgo un sitio para secala. Cando arrancamos xa eran as dez. Despois chegamos a un pobo que estaba todo en obras e non había forma de cruzar unha ponte. Tiveron que collerme coa caravana e pasarme ao outro lado, para o que tivemos que dar un rodeo de 16 quilómetros. E pinchei tres veces. Foi un día de contratempos″.

"Vestas en Viveiro é produtiva e dá ganancias. A empresa en si é a número un do sector eólico. Outra cousa é que non nos manden produción para a nosa fábrica, para mandar ao mellor para a China ou India, que é o que están a facer. Están reubicando todo alí porque carga de traballo teñen moitísima", argumenta Alejandro Paleo na súa derradeira etapa sobre dúas rodas xa en Dinamarca. 

"Ao mellor a solución pasa por atopar un comprador, o sector eólico está en auxe en aquí temos 115 traballadores formados", apunta Paleo

Alejandro Paleo móstrase optimista sobre a reacción da empresa danesa á súa chegada e conta con poder trasladar o sentir dos compañeiros da fábrica de Chavín. Van ter un tradutor, polo que ademais de entregar esa carta de todos os traballadores de Viveiro, poderán falar cos xefes da empresa na sede central: "Polo menos sabemos que non puidemos facer máis". 

"Imos con ilusión e coa esperanza de que poida haber algún cambio. Que cambie Vestas? Pois igual é difícil e a decisión xa está tomada, pero hai que loitar ata o final, iso téñoo clarísimo. Ao mellor a solución pasa por atopar un comprador, o sector eólico está en auxe en aquí temos 115 traballadores formados que saben traballar no sector. E se os políticos queren, poden conseguilo", defende Paleo, que se reuniu con representantes galegos no Parlamento europeo, onde lle trasladaron que os fondos europeos van apostar polas enerxías renovables.

"Cada vez se complica máis que todo volva estar ben", lamenta o traballador de Vestas

"Chegou un punto no que xa non é o apoio que teñas, agora ves que está peligrando todo. Isto é unha bola que se está facendo cada vez máis grande e cada vez se complica máis que todo volva estar ben. Se agora pecha Alcoa e a saber o que pasa con Vestas... Imaxínate como queda A Mariña, queda totalmente descolgada. Estamos todos envorcados porque vemos que hai un serio problema", razoa Alejandro Paleo. 

Trece días pedaleando, durmindo poucas horas, xa se notan as horas e o cansazo: "Cando chegue a casa vou ter un baixón moi grande porque xa me noto que teño as defensas baixas, sáenme aftas na boca, pero aínda así sigo. Falo cos compañeiros, procuro ter a mente en branco pero moitas veces vou repasando o que lles vou dicir aos xefes". 

"En canto rematemos aquí, tiramos para Viveiro para seguir loitando cos compañeiros", di Paleo

"Non me arrepinto porque estou falando do pobo, dos meus compañeiros de traballo, da miña familia, de min... Todo ten un por que, pero si que se me fixo duro. En canto rematemos aquí, tiramos para Viveiro para seguir loitando cos compañeiros. Estamos agradecidos a todo o mundo que nos axudou a que isto fora posible. Oxalá isto teña un bo final dalgunha maneira", resume. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.