Novo veto a bandeiras nacionalistas nun partido do Obradoiro

Bandeiras nacionalistas nun partido da selección galega Dominio Público Praza Pública

Continúan os vetos a determinadas bandeiras en recintos deportivos. Desta vez, de novo no Multiusos Fontes do Sar, onde varios afeccionados denuncian que un axente de seguridade lles quitou unha estreleira durante o partido disputado este domingo entre o Obradoiro e o Gran Canaria. Hai menos dun mes, outro seareiro denunciou tamén que fora ameazado cunha multa de 3.000 euros se non retiraba unha bandeira idéntica. Nesta ocasión, o argumento foi que o símbolo "incitaba á violencia".

A Policía argumenta que a bandeira galega coa estrela "incita á violencia"

"Veu un garda de seguridade e pediunos que a retiraramos; nós dixémoslle que a quitariamos se se identificaba, pero non o fixo; logo volveu, arrancouna da bancada e marchou rápido", explica Xosé Cabido, quen denunciou a Praza un feito que non é a primeira vez que ocorre na cancha do Obradoiro. "Logo chegaron varios axentes da Policía Nacional e o responsable de seguridade do pavillón", continúa un dos afectados, que explica que o que lle argumentaron as forzas de seguridade foi que a bandeira "non era oficial, tiña unha estrela e incitaba á violencia".

Os afeccionados presentarán unha denuncia pola retirada da bandeira galega da bancada

Segundo a Policía, a colocación da bandeira podía "atentar contra a Lei do Deporte", algo que foi negado incluso polo Ministerio do Interior logo dunha polémica semellante con bandeiras catalás. "Os gardas de seguridade chegaron a recoñecer que algúns afeccionados manifestaran o seu malestar coas estreleiras nalgún partido anterior", recoñece Cabido, que explica que os seareiros afectados conseguiron o número de identificación dos gardas de seguridade, pero que algún deles tamén tivo que identificarse ante a Policía.

Así, os afeccionados teñen pensado presentar unha denuncia, aínda que están á espera dunha resposta dos seus avogados para determinar se o destinatario da demanda é o Obradoiro ou a empresa de seguridade do pavillón. Hai tan só tres semanas, a Policía obrigou a outro seareiro a retirar unha bandeira galega coa estrela vermella que penduraba dun valado do Sar. Baixo ameaza dunha multa de 3.000 euros, un axente vestido de paisano advertiulle ao implicado da infracción que podería supor a súa actitude.

Ademais, numerosos afeccionados do Celta queixáronse hai varias semanas de que varios axentes de policía impediran o paso ás bancadas do estadio Santiago Bernabéu con bandeiras galegas coa estrela vermella con motivo do encontro disputado entre o equipo vigués e o Real Madrid. As redes sociais expresaron tamén o malestar polo trato recibido por parte da Policía nun recinto onde adoitan exhibirse bandeiras preconstitucionais ou de ideoloxía fascista.

Tampouco foi esta a primeira vez que ocorreu algo semellante nun desprazamento de equipos galegos. Hai anos, nun encontro en Pamplona entre o Deportivo e o Osasuna, varias bandeiras galegas foran requisadas por axentes na entrada ao estadio do Sadar. Incluso en Riazor se lembran advertencias do mesmo tipo non hai moito tempo.

Un seareiro do Barcelona foi multado con 3.000 euros por lucir unha 'estelada' no Santiago Bernabéu

A polémica chega a Galicia logo de que un afeccionado do Barcelona fora multado o pasado mes de decembro con 3.001 euros por introducir unha estelada (bandeira independentista catalá) no Santiago Bernabéu. Daquela, o propio Ministerio de Interior recoñecera que estas bandeiras non constituían "ningún tipo de infracción" da Lei contra a Violencia no Deporte, pero aclaraba que poderían ser confiscadas se a autoridade policial presente no recinto deportivo considera que supoñen un risco de alteración de orde pública.

Bandeiras nacionalistas nun partido da selección galega Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.