NWF, as outras historias do fútbol galego

NWF Magazine © NWF

North West Footbal Magazine. Así se chama un proxecto xornalístico que busca a outra cara do fútbol galego. O xornalista Pablo Varela é o encargado desta publicación que comezou "como un hipotético proxecto de fin de máster" pero que ten a idea de pervivencia e de se converter nun novo espazo para contar ese "contido humano que se agocha tras moitas das historias" deste deporte en Galicia.

NWF pretende converterse nun novo espazo para contar ese "contido humano que se agocha tras moitas das historias do fútbol galego"

Ao estilo das historias que contan programas como Informe Robinson ou revistas como Panenka ou JotDown, NWF busca ese nicho de mercado que si aparece en medios globais pero que non ten correspondencia na nosa terra. A publicación busca, en palabras do seu autor, "achegarse aos lectores usando exactamente o deporte como un motor de emocións, pero dentro da normalidade". Esa normalidade que representan figuras que van desde Sergio Lloves, xogador do Pontevedra que relata a súa aventura en Islandia; ata Dani Cancela, futbolista que acumula tempadas de experiencia en Hong Konk, pasando polas múltiples historias que regalan competicións domésticas como a Liga da Costa.

"Queremos achegarnos aos lectores usando o deporte como un motor de emocións, pero con normalidade", di o autor

"No xornalismo deportivo actual hai unha elevada nómina de excelentes profesionais, pero a cotío explótase un patrón de traballo que leva a unha idea errónea: afastar o deportista do concepto de persoa", explica Varela, que cre que é "imprescindible comprender que tras o futbolista ou o atleta hai un ser humano, coa súa particular historia detrás". O que busca Northwest Football Magazine é achegarse a estas historias.

Pablo Varela inspirouse en programas como Informe Robinson, de Canal Plus e cre que no caso do fútbol galego hai casos dabondo "interesantes" para tratar, sobre todo, desde o compoñente humano. "Algúns xa están tratados, pero coido que non tanto como se podería", di. A idea é buscar esas historias, tanto dentro como fóra das fronteiras. "O fútbol galego atópase nun momento clave, con proxectos de canteira que están comezando a dar resultados e que poñen a Galicia no punto de mira a nivel internacional. E isto tamén leva a que moitos xogadores de aquí perdesen o medo a buscar o protagonismo fóra da nosa terra, en países como Grecia, Austria e ata Hong Kong. Algúns volven e outros non, pero a súa determinación está dando un xiro ao panorama futbolístico autonómico", relata quen pretende dar un amplo espazo tamén ao fútbol modesto e ao feminino. "Interesa a competición, pero non tanto o resultado e a estadística como o esforzo que se atopa tras todo iso", aclara.

Varela aclara que a eterna emigración dos galegos "impulsa choques culturais" que propician historias "cun fondo de moito calibre"

A eterna emigración galega achega aínda máis posibilidades para investigar e atopar todas estas historias. "A emigración e a saída temporal de moitos galegos a outros países de Europa e América impulsou choques culturais que teñen un fondo de moito calibre", lembra. A política, os problemas económicos, a socioloxía... Todo cabe. "O fútbol é un deporte de masas, o que provoca que se atope vencellado practicamente a todo o que o rodea, en particular a política. Pero non só o fútbol, senón outras disciplinas como o ciclismo ou o baloncesto. Todo garda unha historia detrás. Todo ten un momento e unha anécdota que paga a pena descubrir", aclara.

Porque é difícil saber se a Pablo Varela lle gusta máis o fútbol ou as historias que arrodean o fútbol. "Encántame o fútbol, pero non o que se tenta transmitir agora. Nese senso son un nostálxico. Hai un erro de base que denota que quen toma as decisións no fútbol profesional non o fai mirando polo ben dos equipos ou dos seareiros", remata quen busca "definir" o seu proxecto final nas vindeiras semanas. O éxito dalgunha das publicacións anímano a buscar financiamento para "lanzalo definitivamente" na Rede. Non é doado e precisa dun número de lectores estable, pero os alicerces xa están postos.

NWF Magazine © NWF

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.