O Aragón foi demasiado rival para o Cangas

Unha acción no Cangas-Aragón © balonmancangas

O Cangas Frigoríficos de Morrazo caeu ante o Balonmán Aragón por 25-32 este sábado no Gatañal nun encontro da cuarta xornada da liga Asobal de balonmán. O conxunto aragonés, que conta os seus partidos por vitorias, demostrou ser un dos equipos a seguir na categoría e superou o Cangas, recentemente ascendido. O Cangas suma unha vitoria en catro partidos e sitúase no undécimo posto dos 16 equipos da competición.

A vantaxe acadada polo Aragón no último tramo da primeira metade foi definitiva

O Balonmán Aragón conseguiu unha vantaxe,ó final definitiva, no último tramo da primeira metade. Antes, o Cangas realizou un inicio prometedor. Ós 11 minutos gañaba 4-2 e o Aragón levaba 6 minutos sen marcar. A anotación era baixa, o que favorecía ó Cangas, segundo equipo menos goleador da Asobal polo de agora.Pero só foi un espellismo. Mariano Ortega, adestrador do Aragón, solicitou un tempo morto que cambiou o rumbo do partido. Nos 19 minutos restantes do primeiro período os aragoneses endosaron un parcial de  13-4 ós locais.

O Cangas non acertaba nos seus ataques e era incapaz de conter ás internadas dos xogadores visitantes. Só o facían con faltas e ás veces con exclusións de 2 minutos. En ataque, o conxunto galego pasouse 10 minutos sen marcar entre o 14 e o 24 do primeiro acto. Entre mentres, o Aragón seguía ó seu ritmo. Os tempos mortos de ‘Pillo’, o adestrador local, tampouco conseguían variar a dinámica. En resumo, o Aragón xa se afastara no marcador ó descanso ata o 8-15. Os 8 goles amosan o desacerto ofensivo do conxunto cangués.

O Cangas amosou unha mellor versión tras o descanso. Máis intenso, máis enchufado, máis loitador. Sobrepúxose á exclusión de Amarelle e aumentou o seu índice goleador. Pero o Aragón seguía marcando e mantiña a súa vantaxe no electrónico. Co paso dos minutos, incluso foi a máis. Conseguiu a renda máxima do encontro co 13-22. Reaccionou o Cangas grazas ós tantos do central David García, máximo goleador con 7 goles, e do extremo dereito montenegrino MarkoLasiça. Así, colocouse a cinco goles do Aragón no 18-23, e tamén máis tarde no 19-24 e no 20-25. Eran os mellores minutos do Cangas, tamén posibilitados por algunhas paradas de mérito de JaviSantana.

Non obstante, os locais seguían sumando exclusións, seis ó longo de todo o partido por só dúas do Aragón. No tramo final, o equipo de Mariano Ortega volveu afastarse no marcador da man de Antonio Cartón, máximo goleador do partido con oito goles. O extremo dereito suma 29 tantos en catro partidos e é o máximo goleador do seu equipo na presente liga Asobal. Finalmente, o Cangas maquillou o marcador ata o 25-32 final. Sete goles abaixo para un equipo que terá que loitar para lograr a salvación na máxima categoría do balonmán español.

Tamén convén subliñar que o Gatañal dedicou un sentido minuto de silencio a Juan Soliño, encargado do mantemento da pista e pai de dous xogadores do Cangas, Suso Soliño e Rubén Soliño, que faleceu recentemente.

Unha acción no Cangas-Aragón © balonmancangas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.