Rematada a tempada, o baloncesto galego busca o seu sitio. Un sitio que, por historia, lle corresponde no máis alto, pero que as dificultades económicas dificultaron ou poden dificultar no futuro. Co Obradoiro na ACB, o Breogán na LEB Ouro e o COB Ourense ascendido á mesma categoría, o Básquet Coruña agarda á reestruturación das segunda e terceira categoría para saber se sobe ou non un chanzo. Pero os cartos mandan.
O pasado luns, Raúl López, presidente do Obradoiro, decidiu buscar axudas nos concellos da área metropolitana santiaguesa. O club compostelán, apoiado por unha masa social envexable e abondosa, vese agora obrigada a reunir un capital de algo máis de tres millóns de euros para se converter en sociedade anónima e poder así seguir competindo na ACB, na elite do baloncesto. Volver ver o Barça, o Madrid ou o Baskonia ten o seu prezo. Alto nestes tempos de crise.
O presidente do Obradoiro busca apoios para reunir o capital que lle permita ao club converterse en sociedade anónima e seguir en ACB
A resposta dos alcaldes á directiva do Obradoiro é un fiel reflexo da situación. Na sociedade e no deporte. Bos desexos, ánimos e apoio a un equipo cun enorme mérito, pero nin unha soa promesa de apoio económico. Non hai cartos e, de telos, empregalos nun equipo de elite tampouco sería o mellor visto. Lonxe quedan os tempos nos que as administracións pelexaban por ocupar espazo nas camisolas dos conxuntos máis representativos das súas localidades.
Case o mesmo día, o COB Ourense foi recibido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que felicitou o equipo polo seu ascenso á LEB Ouro. Outro éxito dun conxunto que recupera o seu sitio, que non é outro que, cando menos, a segunda categoría do básquet estatal. Alí encontrarase co Breogán, para revivir antigos derbis e duelos de rivalidade que tan falta fan para animar as competicións. O club lucense, outro dos históricos no baloncesto español e que caba de recibir a distinción ao Mérito do Deporte Galego, quedou ás portas do ascenso á ACB tras perder no play-off.
COB e Breogán revivirán derbis na LEB Ouro; o Básquet Coruña espera a reestruturación da categoría para acompañalos
Tampouco a situación económica é folgada en Lugo ou en Ourense, pero aí seguen, loitando pola elite e xuntando milleiros de persoas cada fin de semana nos seus pazos. Ademais, e no caso do Breogán, o bo traballo coa canteira segue dando os seus froitos. Con varios rapaces destacando nas seleccións inferiores, o éxito do Estudiantes de Lugo a nivel estatal, acadando o cuarto posto do Campionato de España, caentdo tan só fronte a monstros como o Real Madrid, Joventut ou Barcelona.
Na Coruña, o club tamén leva anos traballando con bo tino cos rapaces. Centos de cativos que adestran coa ilusión de xogar algún día nun equipo que está na LEB Prata, pero que aspira a que a reestruturación de categorías que prepara a Federación lle dea unha praza en Ouro. Alí atoparíase co COB e co Breogán, todos eles mirando con ilusión un chanzo máis arriba, cara a esa ACB onde compite, e con forza, o Obradoiro, o mesmo que precisa tres millóns de euros para seguir facendo gozar ao Sar.