O Balonmán Cangas derrota o quinto clasificado da Asobal nun final trepidante

Un momento do Cangas-Cuenca © Luigi

O Cangas gañoulle este sábado 24-23 no Gatañal ó Ciudad Encantada de Cuenca, quinto clasificado, no regreso da liga Asobal tralo Mundial gañado pola selección española. O conxunto cangués dominou na primeira metade, pero sufriu moito na segunda e levouse o choque nun final tan intenso como igualado grazas a un gol de Adrián Rosales e a dúas paradas do meta Javi Santana no último minuto. O público do Gatañal, moi enchufado durante todo o encontro, celebrou o agónico triunfo do seu equipo ante un conxunto da zona nobre da táboa.

O público do Gatañal, moi enchufado durante todo o encontro, celebrou o agónico triunfo do seu equipo ante un conxunto da zona nobre da táboa

O resultado foi inverso ó de hai dous meses na Copa do Rei, cando os manchegos venceron 23-24. O adestrador visitante, Zupo Equisoaín, coñecido no mundo do balonmán tanto polos seus triunfos no Portland San Antonio como polo seu carácter, foi expulsado ó final da primeira metade polas súas continuas protestas ó dúo de colexiados castelán-leonés. Na segunda estivo nun pasadizo detrás da zona dos bancos e nalgún momento deulle algunha indicación ó seu axudante.

O Cangas comezou o partido moi sólido en defensa, e o porteiro Javi Santana interviña cando tiña que facelo. Así, ós sete minutos o Cangas gañaba 4-1 con tres goles consecutivos do lateral dereito Sera. Non obstante, o conxunto manchego reaccionou grazas primeiro ó extremo Álvaro Pérez-Ortiz  e, máis tarde, o arxentino Pablo Simonel, auténtico pesadelo para a zaga local.

O Cangas buscaba solucións cambiando a defensa 6-0 á 5-1 mixta con David García marcando a Inestrosa, o central e máximo goleador do Ciudad Encantada de Cuenca. Guillermo Corzo, lateral cubano dos manchegos, foi dous minutos excluído por dar coa man a David García. O Cangas non aproveitou a superioridade, pero si o fixo o Cuenca cando Adrián Pumar correu a mesma sorte. En resumo, ós 16 minutos volvían as táboas (empate a 7) ó marcador do Gatañal. 

Coa igualada e a volta do excluído o Cangas volveu desequilibrar o marcador. Coa achega do capitán Suso Soliño, o conxunto local volveu cobrar unha vantaxe de ata catro goles no electrónico no 12-8. Pablo Simonel e os seus tantos daban aire ós manchegos, pero o Cangas mantivo a diferenza ata o descanso, ó que se chegou 14-11. Entre medias o adestrador visitante, Zupo Equisoaín, xa desesperado, pagara as súas penas protestando ós colexiados, que, tras amosarlle o cartón marelo, expulsárono para delirio do público do Gatañal.

O Ciudad Encantada de Cuenca reaccionou no comezo do segundo tempo. A pesares das intervencións efectuadas por Javi Santana, algúns lanzamentos ós paus e perdas dos locais, xunto a dous sete metros moi protestados e transformados por Inestrosa, posibilitaron que o conxunto manchego volvera empatar a 15 no minuto once da segunda metade. O porteiro visitante, Diego Moyano, de 42 anos, tamén contribuíu con algunhas paradas de mérito. O Gatañal animaba con máis énfase intuíndo que o final sería sufrido.

O Cuenca, que por momentos tamén defendía 5-1 mixto cunha marcaxe sobre o central David García, mesmo se puxo por diante. A exclusión do pivote local Fernando Eijo, facilitou que Simonel, Inestrosa e Moyano guiasen ó seu equipo ó 17-19. Non obstante, o Cangas volveu levar ás táboas ó marcador, que se mantivo igualado nos seguintes minutos. O 22-22 campaba no electrónico a falta de catro minutos para a conclusión. Final emocionante, e o número máis ben baixo de goles favorecía ós locais. Un gol de Inestrosa e outro de Suso Soliño colocaba o 23-23 a falta de dous minutos.

O sexto triunfo da temporada do Cangas na Asobal permítelle superar ó Octavio e situarse dous postos e tres vitorias por riba da zona de descenso

Tralo tempo morto de rigor nun final axustado, apareceron os dous xogadores do Cangas máis determinantes no partido. Javi Santana, ó que contabilizamos trece intervencións, realizou dúas paradas de mérito para manter ó seu equipo, e Adrián Rosales, lateral esquerdo e un dos máximos goleadores do choque con sete tantos, facía o gol da vitoria para o conxunto cangués. O Gatañal explotaba e respiraba ó mesmo tempo. O sexto triunfo da temporada do Cangas na Asobal permítelle superar ó Octavio e situarse dous postos e tres vitorias por riba da zona de descenso.

Un momento do Cangas-Cuenca © Luigi
Un momento do Cangas-Cuenca © Luigi
A celebración dos xogadores do Cangas CC-BY-SA Alexandre Boubeta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.