O camiño que trae de volta a selección galega

Un siareiro, coa bufanda da selección galega no derbi CC-BY-SA Zelia García

A Federación Galega de Fútbol (FGF) traballa para que a selección volva disputar partidos amigables neste ano 2014. Xusto cando se acaban de cumprir cinco anos desde o último partido do combinado profesional - e despois de que a Xunta decidise non colaborar na organización dese tradicional encontro de Nadal-, a FGF confirma que negocia coa súa homóloga catalá para organizar dous enfrontamentos: un ao rematar a Liga e outro durante as festas en decembro. Confirmouno a pasada semana en Radio Coruña-Cadena Ser o seu presidente, José García Liñares, que agora explica a Praza os detalles dunha iniciativa que fai case segura a volta da Irmandiña máis dun lustro despois.

Agás sorpresa, a selección galega volverá xogar máis de cinco anos despois do seu último encontro

E hai unha figura que é clave neste máis que probable regreso da selección galega, como tamén o fora na reestrea de 2005 e na reivindicación que antes fixera o mundo do fútbol e da cultura galega por un equipo propio. É Fernando Vázquez, actual técnico do Deportivo e ex seleccionador xunto a Arsenio, un dos artífices de que Galicia se poida enfrontar a Cataluña neste ano. O outro, Johan Cruyff. Si, o ex futbolista, ex adestrador e ex técnico do combinado catalán. Ambos os dous coincidiron hai un mes na Coruña, con motivo da inauguración do primeiro campo da Fundación que leva o nome do holandés e do Congreso de Adestradores onde deu unha conferencia. Explícao García Liñares.

Fernando Vázquez aproveitou unha visita a Galicia de Cruyff, ex seleccionador catalán, para propor a celebración dun partido entre ambos os dous equipos

"Coincidimos Vázquez, Cruyff e eu comendo e Fernando insistiulle bastante a Johan sobre a posibilidade de organizar un partido entre Galicia e Cataluña; a Cruyff tamén lle pareceu boa idea e logo decidín falar co presidente da Federación Catalá para poñernos en marcha", confirma o tamén alcalde de Cerceda, que aclara que ambos os dous adestradores coincidiron no bo momento tanto do fútbol galego como catalán e na idoneidade dun encontro que xuntaría moi bos xogadores por ambos os dous conxuntos.

"Nin a nivel federativo nin a nivel político hai demasiado interese en que se fagan eses partidos, pero sería bonito porque dispoñemos dun grupo de rapaces en Galicia que sería interesente ver xogando xuntos", dixera Fernando Vázquez antes do derbi entre Deportivo e Lugo. E seica se puxo mans á obra nunha xuntanza na que  houbo dúbidas sobre as reticencias que podería haber nalgún estamento público polo risco de politización do partido, máis aínda tras o proceso soberanista aberto en Cataluña.

"É un partido, nada máis; eu quero liberarme de calquera tema político neste ámbito porque a selección é de todos os galegos e non duns partidos determinados; nin tan sequera consultei co meu partido porque eu teño claro que non quero que a política estea presente", explica García Liñares, que desexa tamén que o encontro "vaia máis aló do simbolismo" e lembra cando lanzou a idea de crear un campionato estatal autonómico para "darlle máis oficialidade" á Irmandiña. "Pero non hai datas libres para organizalo", explica. A alternativa: disputar un ida e volta con Cataluña, unha solución que convence a dúas bandas porque supón tamén un "aforro importante", xa que cada unha das federacións ocuparíase dos gastos do rival. Para a Xunta, que sempre xustificou a supresión da selección galega no seu excesivo gasto, non suporía gasto ningún.

"É un partido, nada máis; non quero que a política estea presente porque a selección é de todos", di o presidente da Federación

"A FGF traballa xa para buscar xeitos de financiar o encontro, a través das entradas, que serían moi baratas, e de patrocinadores", insiste García Liñares, que aclara, porén, que "aínda está todo por facer", pero que as negociacións van por bo camiño. Para o presidente da Federación, non hai dúbida de que "un partido entre dúas autonomías" do Estado e con tanta tradición futbolística tería "moita máis relevancia" que os encontros que, pola falta de fondos, se ven obrigados a organizar Cataluña e Euskadi, as únicas que manteñen o encontro de Nadal. "Uns acaban de xogar contra Cabo Verde e outros contra Perú, dous rivais menores que nin tan sequera enchen os estadios", argumenta.

Pero hai máis. Logo do incendio que destruíu o santuario da Virxe da Barca en Muxía, o Real Madrid ofreceuse tamén para xogar un partido amigable que a FGF pretende que sexa contra a selección galega. Sería outra das opcións para a volta da Irmandiña. "De non ter ningún a ter tres", bromea Liñares, que confía en que, cando menos, se celebre un dos tres encontros que ten en mente. Sería o regreso dun combinado profesional que saltou ao céspede por última vez hai máis de cinco anos en Riazor, ante Irán, onde destacou Nacho Novo, ferrolán que xogaba en Escocia e que chegou ao estadio a poucos minutos de que comezase o partido. "Agora non sería complicado formar un equipo porque temos moitos e bos xogadores na elite; todo sería máis doado", conclúe o presidente da Federación.

Vázquez celebra unha vitoria en Riazor © D. Sport
Cruyff, na súa última visita a Galicia © F. Johan Cruyff

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.