O Cangas afunde o Octavio nas Travesas

Un intre do encontro nas Travesas © Adrián Lorenzo

O Balonmán Cangas gañou este venres o derbi galego da Asobal na pista do Academia Octavio por 23-28. Un derbi dramático no que os dous equipos, igualados a puntos, xogaban a permanencia na máxima categoría e que rematou cos cangueses moi preto do obxectivo e cos vigueses nunha posición moi comprometida. Ademais nun derbi normalmente marcado polo factor campo, o Cangas logrou a súa primeira vitoria da temporada a domicilio oito anos e tres partidos despois do seu último triunfo nas Travesas.

Así, a falta de tres xornadas para o final, o Cangas queda a un triunfo da salvación con dous partidos no Gatañal á vista. Pola contra, o Octavio, ao que lle restan dous partidos fóra e un na casa, necesita dúas vitorias en tres partidos e involucrar na loita ao Quabit Guadalajara, que xoga mañá domingo na súa pista ante o Huesca.

O Cangas conseguiu a vantaxe decisiva de cinco goles entre os cinco últimos minutos do primeiro tempo e os primeiros sete do segundo nun partido cargado de tensión. Un tanto de Moisés Simes a falta de dous minutos sentenciaba a contenda e acentuaba os cánticos da numerosa afección canguesa desprazada ata As Travesas, aproximadamente unha cuarta parte dun pavillón cheo pero que igualou a contenda en termos ambientais e despediu ó seu equipo con berros de “que bote o Gatañal”.

O Cangas conseguiu a vantaxe decisiva de cinco goles entre os cinco últimos minutos do primeiro tempo e os primeiros sete do segundo

A igualdade e o baixo número de goles foron a constante dos primeiros minutos e de case todo o primeiro tempo. As defensas impoñíanse a uns ataques minguados polas ausencias nas formacións iniciais de Pablo Cacheda e David García, ambos centrais e xogadores de máis talento dos seus equipos, que volvían de lesión e non estaban a tope. Só houbo tres goles nos primeiros cinco minutos, seguidos por un lixeiro dominio local que acadou o seu punto álxido no 6-4 do minuto 13 tras dous goles do sueco Kallman. Foi entón cando Víctor García ‘Pillo’, o adestrador do Cangas, forzou con David García e o encontro cambiou: parcial de 3-0 para os visitantes que os poñía por primeira vez por diante 6-7.

Tras un tempo morto do adestrador local, Quique Domínguez, o Octavio situouse 9-8 arriba. Non obstante, dúas exclusións consecutivas para xogadores do Octavio, as dúas primeiras do encontro, xunto co troco á defensa 4-2 de ‘Pillo’, posibilitaron a reacción canguesa ata o 9-12. Unha reacción que mesmo puido ser maior se Suso Soliño non falla un sete metros e o porteiro local Jorge Lloria non intervén en tres ocasións. A saída de Pablo Cacheda, minguado polo xeonllo, apenas tivera impacto. Chegou entón a primeira exclusión para o Cangas, unha exclusión que non impediu, tempo morto de ‘Pillo’ de por medio, que os visitantes aproveitasen os últimos 20 segundos do primeiro acto para marcar e manter a renda de tres tantos, 10-13, antes do descanso.

Os primeiros minutos da segunda metade resultaron demoledores para o Octavio

Os primeiros minutos da segunda metade resultaron demoledores para o Octavio. Ao gol rápido de Fran González seguiulle un parcial de 4-1 do Cangas, con dous goles de Rosales, que deixou en mera anécdota a exclusión de Cerqueira, ex pivote do Octavio. O porteiro do Cangas, Javi Santana, que xogou cun peto amarelo, tamén contribuíu con varias paradas. O marcador estaba xa nun 12-17 que se ampliou a seis goles tras fallar o Octavio un penalti. Non obstante, reaccionou o conxunto vigués con dúas exclusións consecutivas do Cangas, a entrada de Chantada por Lloria na meta e as achegas de ‘Jabato’ e Kallman ata colocarse a tres goles, 17-20, mediada a segunda metade.

Foi o único amago de reacción dos locais, abortado por un Cangas que volveu poñer terra de por medio no 19-25. Senllos pares de goles de Rosales e David García, os máximos goleadores xunto a Cerqueira, achegaban o triunfo ó Morrazo. A falta de oito minutos o choque estaba visto para sentenza, máis aínda cando o Octavio fallou dous sete metros e non aproveitou tres exclusións consecutivas dos visitantes. Nervios, amago de tángana e Simes que marcaba o tanto da tranquilidade antes de que os xogadores do Cangas fosen cara os seus afeccionados a celebrar a vitoria. Na bancada estaba Sergio, porteiro mancado do Celta, que foi testemuña do derbi que o deixa o Cangas a un paso da permanencia e que condena ó Octavio a unha fazaña para manterse na Asobal.

O plantel do Cangas celebra a vitoria © Adrián Lorenzo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.