O Cangas cae ante o poderío ofensivo do Granollers

Os xogadores do Cangas, ante o Granollers Dominio Público Praza Pública

O Balonmán Cangas perdeu este sábado no Gatañal ante o Granollers por 31-35. Foi un partido con moitos goles no que os ataques superaron ás defensas e no que conxunto cangués non puido conter a poderosa liña ofensiva rival, na que destacaron o o central lituano Malasinskas, autor de dez goles, e Eloy Félez, que marcou sete.

O adestrador do Cangas, Víctor García ‘Pillo’, probou varias variantes defensivas para deter a sangría de goles, mesmo cambiou varias veces de porteiro, pero non conseguiu conter ó ataque rival durante demasiado tempo. O porteiro visitante, Gonzalo Pérez, completou unha actuación moi destacada realizando varias paradas decisivas para o seu equipo. O Cangas segue décimo terceiro clasificado na Asobal tres puntos por riba da zona de descenso.

O partido comezou con moitos goles no Gatañal: os ataques impoñíanse claramente ás defensas. O Cangas acadou cedo unha vantaxe de tres goles no 6-3, grazas a varios tantos de Adrián Rosales e David García. Moisés Blanxart marcou dous dos primeiros goles dos visitantes desde o extremo dereito. A vantaxe mantívose ata o 8-5 que campaba no marcador ós once minutos de partido.

Non obstante, nese momento o Granollers axustou a defensa, en ocasións formando cun 5-1 mixto con marcaxe sobre David García, e o Cangas atascouse en ataque. O conxunto catalán empatou a oito no minuto 15 grazas ós goles de Malasinskas, e posteriormente empezou a abrir distancia no electrónico. Coa achega de Félez e do extremo Ferrán Solé o Granollers conseguiu poñerse 10-15 a tres minutos do descanso, aproveitando a exclusión de Adrián Rosales.

O Cangas era incapaz de ver porta ante a ordenada zaga visitante e o acerto do seu porteiro: só marcou dous goles en 16 minutos. Nin os tempos mortos de ‘Pillo’ nin meter a Kevin García por Javi Santana na portería local detiña ó ataque rival. Nos últimos minutos do primeiro tempo, a exclusión de Ferrán Solé posibilitou que o Cangas se achegase no marcador ata o 13-15 para dar esperanza o público local de cara á segunda metade. Un gol do Granollers poñía o 13-16 co que se chegou ó descanso.

No inicio do segundo acto mantívose a distancia de tres ou catro goles a favor do conxunto catalán ata que, ós dous minutos, con 14-18, o Cangas dispuxo unha defensa 4-2 con David García e Adrián Pumar sobre Malasinskas e Eloy Félez. A partir de entón o ataque visitante atascouse e o Cangas comezou a roubar balóns en defensa e a saír á contra con perigo. O decorado cambiou, tanto como para que o Cangas volvese igualar a contenda a 18 no minuto seis.

O marcador continuou equilibrado nos seguintes minutos nos que  o Granollers daba e o Cangas respondía, ata que se chegou ó empate a 22. Un sete metros moi protestado polo bando local permitía ó Granollers marcharse de dous goles, e despois de tres con gol de Malasinskas, a pesar de estar cun menos pola exclusión de Félez. O Cangas conseguiu achegarse a un gol  no 24-25, pero entón o conxunto catalán logrou a vantaxe ó final definitiva. Un sete metros e dous goles máis de Raúl Campos, ademais da achega constante de Malasinskas, as paradas de Gonzalo Pérez e dous erros consecutivos de ‘Sera’, permitiron ó Granollers poñerse 25-30 a dez minutos do final.

O Cangas non se deu por vencido e seguiu crendo na vitoria, pero o equipo  visitante lograba manter a vantaxe. Achegouse o Cangas no 30-33 e dispuxo a defensa 4-2 para non encaixar, pero non deu resultado. O partido estaba sentenciado e o Granollers marchouse 30-35, marcador maquillado no último minuto cun tanto de Adrián Pumar. O resumo é que o Balonmán Cangas foi incapaz de deter o ataque visitante durante moito tempo e encaixou demasiados goles como para poder pensar en levarse o partido.

Por último, cabe resaltar que os xogadores do Cangas saíron ó Gatañal cunha pancarta co lema “Estafados” en apoio á plataforma de afectados polas Participacións Preferentes e Obrigacións Subordinadas da antiga Caixanova. Membros da plataforma atopábanse ademais vendo o encontro nun sector do Gatañal vestidos con camisetas amarelas en sinal de protesta.

Os xogadores do Cangas, ante o Granollers Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.