O Cangas imponse ao Octavio nun derbi moi quente

Un intre do partido © Balonmán Cangas

Partido de tensión, de nervios, de agresividade... partido de rivalidade en definitiva o disputado este sábado no Gatañal. Un Gatañal que tiña gañas de volver recibir ao Octavio na liga Asobal tres anos despois e presentou o ambiente das grandes ocasións: metido no partido e facendo presión a rivais e árbitros desde o primeiro momento. Rafa Dasilva, veterano xogador do Octavio, ex do Cangas, era asubiado cada vez que interviña.

En canto ao xogo, o Cangas gañou finalmente 28-26 cunha gran remontada final posibilitada pola achega do capitán Suso Soliño, autor de sete tantos, seis deles nos últimos vinte minutos, incluído o que certificaba o triunfo cangués no último minuto. O Gatañal rematou recoñecéndoo como heroe do choque ao berrar “Suso, Suso”. O Octavio dominou no marcador a partir do tramo final da primeira metade, na segunda a súa vantaxe roldaba os tres, catro e ata cinco goles, pero os locais remontaron nos últimos doce minutos.

A actuación dos colexiados Ballano Dueñas e Belloso Pérez foi moi protestada no Gatañal, sobre todo polas continuas faltas en ataque sinaladas aos cangueses, que lle custaron algún gol, e polos numerosos ‘sete metros’ que decretaron a prol dos vigueses. O Gatañal berraba “¡Manos arriba, esto es un atraco!”, mentres os colexiados amoestaban o adestrador dos cangueses, Víctor García ‘Pillo’, polos seus acenos de disconformidade. Ata oito ‘sete metros’ lanzou o Octavio, sete deles transformados por ‘Cerillo’, que fallou o último a tres minutos do final.

A actuación dos colexiados foi moi protestada no 'derbi da ría'

Nos primeiros minutos as intensas defensas impoñíanse aos ataques e os goles non chegaban. O marcador mantívose igualado ata o empate a oito, a nove minutos da conclusión do primeiro acto. Entón o Octavio empezou a poñer terra de por medio grazas á boa defensa. Gozou dun 9-13 e foise ó descanso con 10-13.

O Cangas saíu disposto a igualar o choque na reanudación con dous goles rápidos. Non obstante, o panorama cambiou pouco despois. Dúas exclusións posibilitaron que o Octavio volvese escapar no marcador, ata o 14-19 que figuraba aos dez minutos do segundo tempo, tras bastante tempo do Cangas sen ver porta. Pero entón volveu á pista Suso Soliño, capitán do Cangas de 37 anos, e marcou o gol número quince do Cangas. O Octavio mantivo a diferenza nos seguintes minutos cos goles do sueco Filip Kallman, autor de cinco tantos, de Pablo Cacheda e do asubiado Rafa Dasilva. David García fallou un penalti para o Cangas, que se sostiña polas paradas do gardameta Javi Santana. A diferenza para o Octavio era considerable pero non definitiva.

Así chegabamos ao 19-24 a pouco máis de dez minutos para o final, cando todo cambiou. Grazas ós goles de Dani Cerqueira, autor de cinco tantos no partido, e, sobre todo, do incombustible extremo dereito Suso Soliño, o Cangas igualou a 24 a cinco minutos para o final. O marcador mantívose igualado por uns intres, nos que ‘Cerillo’ fallou un ‘sete metros’, ata que se chegou ó último minuto con empate a 26. Un gol do húngaro ‘Levi’ e un ‘sete metros’ transformado por Suso Soliño inclinaron a balanza para o Cangas no coñecido como “derbi da ría” .

O conxunto de 'Pillo' suma a cuarta vitoria da temporada e ascende ata o posto trece da clasificación

Un derbi dos dous únicos equipos galegos na Asobal que nas últimas cinco ocasións que se mediron saldouse con triunfo para o Cangas. O conxunto de ‘Pillo’ suma a súa cuarta vitoria da temporada e ascende ata o posto número trece dos dezaseis da Asobal e supera na táboa ao Octavio, situado agora na posición número catorce. Ambos deben seguir loitando para manter o seu posto na máxima categoría do balonmán español.

Tamén foi tarde de homenaxes no Gatañal. O deportista español máis laureado nos Xogos Olímpicos con cinco medallas, o cangués David Cal, fixo o saque de honra e recibiu do presidente do Cangas unha camiseta co número cinco. Tamén levaron a homenaxe do club cangués catro persoas históricas para o club, Francisco Martínez Prieto, Benjamín Costas, José Iglesias Acuña e Penelas, con motivo do seu 50 aniversario.

Plantel do Octavio, no Gatañal CC-BY-SA Alexandre Boubeta
Os xogadores do Cangas agradecen o apoio do público CC-BY-SA Alexandre Boubeta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.