O Cangas paga o curtocircuíto ofensivo

© Balonmán Cangas

O Balonmán Cangas Frigoríficos do Morrazo perdeu este sábado 22-27 diante do Fertiberia Puerto Sagunto no Gatañal. Esta derrota, xunto coa vitoria do Octavio en Aranda de Duero, complica a permanencia dos cangueses, que vivirán un novo capítulo na vindeira fin de semana. O Cangas recibirá o Cuatro Rayas Valladolid, o Octavio ó Ciudad Encantada de Cuenca e o Quabit Guadalajara ó Balonmán Aragón. O Fertiberia Puerto Sagunto, que viña de disputar a fase final da Copa do Rei, baseou o seu triunfo en 16 minutos, os sete últimos da primeira metade e os nove primeiros da segunda, nos que endosou ós locais un parcial de 7-1, é dicir, o Cangas só marcou un gol en 16 minutos. Esa escasa bagaxe en ataque condenouno á derrota.

O Fertiberia Puerto Sagunto, que viña de disputar a fase final da Copa do Rei, baseou o seu triunfo en 16 minutos, os sete últimos da primeira metade e os nove primeiros da segunda, nos que endosou ós locais un parcial de 7-1

A primeira metade caracterizouse pola igualdade. Ata o minuto 25 ningún equipo se puxo con vantaxe de dous goles. Íker Serrano desde o pivote e o montenegrino Mirko Milasevic con lanzamentos desde segunda liña facían dano polo Puerto Sagunto, mentres David García coa axuda esporádica de Serafín Pousada e Rosales replicaban para o Cangas. Pasaban os minutos, pero nin a exclusión do visitante Ángel Fernández nin os tempos mortos cambiaban a película. O Cangas probou nalgunha ocasión a defensa 4-2 con marcaxe individual sen éxito. Dani Cerqueira poñía o empate a 10 no minuto 23, pero desde entón todo cambiou.

O Puerto Sagunto apertou en defensa e mantivo a efectividade en ataque. Emerxeu o lateral Juan Antonio Vázquez, que primeiro marcou o 10-11, e o Cangas acusouno.  Despois, nunha xogada polémica moi protestada no Gatañal, na que o público reclamou pasivo tras varios golpes francos para os visitantes, Milasevic facía o 10-12 que abría oco por primeira vez no encontro. Dúas exclusións case simultáneas, do visitante Castellá e do local Amarelle, non cambiaron o guión. Suso Soliño errou un sete metros e de novo Juan Antonio Vázquez poñía o 10-13 co que se chegaba ó descanso. Antes, o lateral do Puerto Sagunto xa se levara a reprimenda do Gatañal por protestar unha acción a un dos colexiados.

Aínda que o Cangas era consciente de que tiña que remontar tres goles, nos primeiros dez minutos do segundo acto seguiu a dinámica do final da primeiro. O Cangas atopábase unhas veces coa ordenada defensa rival, outras coas intervencións do porteiro Pablo Hernández, outras cos postes... e noutras era o desatino no lanzamento o que impedía o tanto cangués. O certo é que o Cangas só logrou un gol neses dez minutos, obra do extremo Adrián Pumar, o que supoñía un total de 17 minutos cun só gol a favor. Esa falta de efectividade ofensiva, ante un Puerto Sagunto que seguía vendo porta sobre todo grazas a Milasevic, pagouna cara o Balonmán Cangas. Cando se deu conta, o marcador tornárase moi adverso: 11-17 para o Puerto Sagunto.

O Cangas atopábase unhas veces coa ordenada defensa rival, outras coas intervencións do porteiro Pablo Hernández, outras cos postes...

O adestrador local foi o primeiro que buscou a reacción cun tempo morto. Suso Soliño marcou á contra o 12-17 que deu motivos para crer a un Gatañal moi enchufado que berrou “Fuera, fuera” cando os visitantes se excederon nun tempo morto, e protestou cada decisión arbitral adversa. O Cangas aproveitou a exclusión de Íker Serrano para acurtar distancias, uns tres ou catro goles que se mantiveron nos seguintes minutos. Valles anotou por dúas veces para os visitantes sobrepoñéndose á defensa 4-2 dos locais, ós que lles custaba transformar os sete metros: David García errou un e despois Suso Soliño só marcou no rexeite.

O conxunto morracense debe gañar o vindeiro sábado no Gatañal ó Cuatro Rayas Valladolid, na penúltima xornada, para continuar unha temporada máis na liga Asobal

Emerxeu entón o central visitante Rubén Ruiz con dous goles que devolvían a renda de cinco para o Puerto Sagunto. O Cangas aproveitou a exclusión de Milasevic para volver achegarse grazas á achega dos seus xogadores máis talentosos, David García e Adrián Rosales, pero o conxunto valenciano volveu situarse con vantaxe de cinco goles, demasiada vantaxe a seis minutos do final. Rubén Ruiz e o extremo Morñigo destacaron nun último tramo no que o Puerto Sagunto pechou o triunfo por 22-27 e condenou ó Cangas a sufrir unha semana máis na loita pola permanencia. O conxunto morracense debe gañar o vindeiro sábado no Gatañal ó Cuatro Rayas Valladolid, na penúltima xornada, para continuar unha temporada máis na liga Asobal.

© Balonmán Cangas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.