Un pasiño máis e o Celta volverá á elite. E farao como poucas veces o fixo, cheo de galegos no equipo e sumando unha morea de puntos, os necesarios para lograr o ascenso nunha das ligas de Segunda máis esixente dos últimos anos. Os celestes volverán cos grandes cinco anos despois e logo dunha reconstrución que deu os seus froitos. Tras os sufrimentos económicos, tras pasar por unha lei concursal e despois de sufrir incluso para se manter na categoría de prata, o club vigués retorna pola porta grande.
Ninguén dubida. Un empate chégalle ao Celta e ao seu rival para cumprir cos obxectivos. Lóxico que ninguén pense nin por un momento en arriscar un ascenso co que a bancada e o club celeste levan soñando anos. Xusto desde aquel encontro ante o Getafe, do ano 2007, cando unha vitoria lle fora insuficiente para lograr a permanencia en Primeira.
O Celta e os seus xogadores gañaron en madurez; aprenderon do golpe do ano pasado, ao igual que o seu adestrador
Moito cambiou desde entón. Naquel encontro, Oubiña era o único galego nun equipo titular ateigado de estrelas que decepcionaron, e moito, polo seu rendemento. O domingo, ante o Córdoba, os de Paco Herrera volverán saltar ao campo cun equipo netamente galego, cheo de canteiráns e coa ilusión de moitos mozos que nunca xogaron na máxima cateogoría. Nin co seu equipo de toda a vida nin con ningún outro.
E volverán máis maduros tras unha tempada, a pasada, na que os fatídicos penaltis de Granada deixaron sen opción de ascenso aos vigueses. Son moitos os que ven naquel golpe o principio do ascenso que agora chega. Todos aprenderon da traxedia, o primeiro o seu adestrador, que soubo dosificar un equipo que o ano pasado chegou moi canso á recta final. Pero tamén os futbolistas, moitos deles rapaces aínda, que souberon levantarse fose cal fose a adversidade.
Como fixeron tras o cruel derbi de Riazor, cando encadearon outras dúas derrotas consecutivas que parecían afundir o equipo na depresión da tempada pasada. Nin moito menos. Agarrados á solvencia de Túñez, á experiencia de Oubiña, ao todoterreo Álex López, á maxia de Orellana ou á calidade e acerto de Iago Aspas, o Celta sumou trece partidos sen perder e once vitorias, sete delas seguidas.
A aposta por Aspas como ariete e Bermejo como mediapunto foi outro dos acertos dun Herrera ao que o Celta debe moito
Aí apareceu Aspas, a bandeira dun equipo, beneficiado pola aposta de Herrera, un adestrador ao que o Celta debe moito. Apostou por Bermejo na mediapunta e o de Moaña como principal referencia atacante, cando o lóxico sería pensar no contrario. E saíulle perfecto. O galego destapouse como un excelente goleador, mentres que o veterano cántabro converteuse nunha excelente referencia de apoio para o mediocampo. Un acerto máis dun técnico que prescindiu dun Trashorras que xa ninguén bota de menos por Balaídos.
E foi o mesmo Herrera o que sempre insistiu en que se podía. Que o ascenso era máis que posible Incluso despois de que Borja lle dese ao Deportivo a vitoria no derbi da segunda volta cando xa non quedaba tempo e logo de que o Valladolid superase o Celta na clasficación. Os vigueses perderon co Hércules e os pantasmas do pasado volveron á Madroa. “Non ascendemos directo”, escoitóuselle a máis dun afeccionado. O técnico afastou os medos de vez e tirou duns xogadores con orgullo. Seis vitorias consecutivas e un ascenso ao alcance da man despois de remontadas épicas como a que lograron con dez ante o Xerez.
Volverá o Celta a Primeira nun Balaídos ateigado por segunda vez cunha afección á que lle costa acudir ao estadio pero que é fiel como poucas. “Prefiro os 15.000 de sempre animando até o final que 30.000 que non se escoiten tanto”, di un veterano xornalista con anos de experiencia seguindo o equipo celeste. Ben seguro que na elite haberá máis. Porque o equipo o merece e porque o seu mérito é grande. Moi grande.
Galicia regresa á elite do fútbol pola porta grande para vivor #onosoderbi onde mellor se vive
Regresa o Celta á máxima categoría e alí espera o Deportivo. Regresa Galicia á elite para vivir #onosoderbi onde mellor se vive. Na Primeira, nesa categoría da que nin un nin outro deberían saír nunca. Pero esa será outra historia e outra loita. A da tempada que vén. Mentres, o fútbol galego gozará do momento. Dunha época histórica.