O Celta cede a vitoria cun gol en propia porta no minuto 92

© LFP

O Celta desaproveitou un 2-0 e acabou perdendo dous puntos tras encaixar un gol desafortunado de Jonny en propia meta no minuto 92. Foi un centro desde a dereita que tocou na súa coxa e entrou inevitablemente na portería de Sergio, para o desánimo xeral de Balaídos. Así, o Celta, que acusou un notable baixón físico na última media hora, empatou 2-2 coa Real Sociedade en partido da terceira xornada de liga que se disputou onte pola noite en Balaídos.

O conxunto celeste adiantarase 2-0 con goles de Orellana e Larrivey, pero a Real Sociedade igualou con goles de Aguirretxe e de Jonny en propia porta. Así, queda con cinco puntos de nove disputados na zona media-alta da táboa. O Celta atopou moitas dificultades para implantar o seu xogo de posesión e combinacións rápidas que tan bo sabor de boca deixou nas dúas primeiras xornadas.

Os celestes acusaron un notable baixón físico na última media hora

A primeira media hora foi trabada, de imprecisións e poucas ocasións, cunha Real Sociedade que presionaba arriba e impedía que o Celta tivera fluidez no xogo. Nese escenario, aínda que ningún dos dous equipos dominaba con claridade, a Real Sociedade estaba máis cómoda sobre o céspede de Balaídos. Os donostiarras tiveron a ocasión máis clara dos primeiros minutos nunha incursión de Xabi Prieto na área, que rematou só diante dun Sergio que se luciu cunha gran intervención. Pouco despois intentouno desde lonxe o mexicano Vela.

Tivo outra a Real Sociedade nun remate de cabeza a saída dun córner, pero o Celta comezou a espertar a partir do minuto 20 con algunhas chegadas de certo perigo: un disparo de falta de Nolito e un centro que non empalou ben Álex López. Entre medias o propio Nolito chocou co meta realista Zubikaray nun lance por un balón dividido, aínda que os dous puideron continuar no encontro.

Así transcorría o choque ata que o Celta se adiantou no minuto 28. Montou unha contra veloz tras un córner para a Real Sociedade que acabou con Krohn-Delhi centrando desde a esquerda e co enrachado Orellana rematando de cabeza o primeiro tanto dos galegos. Tres goles en tres xornadas sitúan ó chileno como pichichi provisional da primeira división.

O panorama cambiou tralo gol céltico. Entón si, o Celta empezou a sentirse a gusto, a facerse dono do balón e a tocar con certa facilidade. Foron os mellores minutos no partido dos de Berizzo, contra unha Real Sociedade afectada polo gol en contra. Nolito por dúas veces, Krohn-Delhi e Larrivey probaron fortuna antes do descanso, pero o 2-0 non chegaría ata a reanudación.

Precisamente o dianteiro arxentino aproveitou un centro desde a dereita de Jony no minuto 3 para anticiparse ó meta Zubikaray e rematar ó poste. Con moita fortuna, o balón volveulle a Larrivey, que, caíndose preto da liña de gol, rematou semella que co brazo, nunha acción que parece involuntaria. Así, o Celta poñíase 2-0 e parecía sentenciar o encontro nada máis comezar a segunda metade.

Tivo algunha ocasión máis o conxunto galego por medio de Krohn-Delhi e Larrivey nos seguintes dez minutos, pero a partir de entón baixou en prestacións e a Real Sociedade foise arriba na busca da remontada. O técnico visitante, Jagoba Arrasate, fixo dous trocos ofensivos no minuto 59 de partido que resultarían decisivos: Aguirretxe polo tocado Vela e Chory Castro por Rubén Pardo.

Tivo a sentenza o Celta nalgunha contra, sobre todo nun remate de cabeza de Orellana, pero a insistencia donostiarra atopou premio no minuto 92

O conxunto donostiarra empezou a frecuentar a área céltica e realizou algunhas chegadas sen remate ata que, no minuto 69, un moi activo Chory Castro disparou coa zurda, Sergio rexeitou de forma inocente e Aguirretxe remachou en boca de gol o 2-1. A Real Sociedade seguiu atacando contra un Celta cada vez máis canso que só era quen de contragolpear. Entrou Sergi Gómez polo mancado Cabral no segundo troco de Berizzo, despois da entrada da fichaxe de verán Pablo Hernández por Álex López.

Chory Castro e Aguirretxe nalgunha aparición metían o medo en Balaídos. Íñigo Martínez probou desde o centro de campo, pero foise alto, mentres Granero atopouse co pau da portería de Sergio. Tivo a sentenza o Celta nalgunha contra, sobre todo nun remate de cabeza de Orellana, pero a insistencia donostiarra atopou premio no minuto 92, con esa acción desafortunada de Jonny tralo centro de Granero. O Celta perdeu dous puntos para decepción do público de Balaídos, que rexistrou unha entrada de máis de 19.000 espectadores nunha noite de sábado para presenciar un partido televisado en aberto.

Un dos goles do Celta © LFP
© LFP
© LFP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.