O Celta comeza unha temporada de ilusións

Plantel do Celta © Celta de Vigo

O Celta 2013-2014 botará a andar o vindeiro luns ás 10 da noite en Balaídos fronte ao Espanyol, curiosamente o mesmo rival contra o que logrou a salvación no último partido da pasada campaña. Por certo, antes dese choque haberá algúns actos conmemorativos polo 90 aniversario do club celeste.

O propósito cara ao novo curso é conseguir a permanencia sen tanto sufrimento. Para iso, o Celta prescindiu de Abel Resino poucos días despois de confirmalo, e contratou a Luis Enrique, ex adestrador de Barcelona B e Roma. O asturiano, amante do fútbol ofensivo made in Barça, resultou determinante para que varios xogadores recalasen no Celta, como o central Fontás, o centrocampista Rafinha e o atacante Nolito: tres das catro incorporacións deste verán. A de Rafinha, fillo pequeño de Mazinho, é especialmente ilusionante. O cuarto e último reforzo é Charles, autor de 30 goles a temporada pasada na segunda división co Almería.

Agora, o club celeste traballa na fichaxe dun lateral esquerdo que substitúa a Roberto Lago, que se marchou libre ó Getafe. Ion Aurtenetxe, descartado do Athletic de Bilbao por Valverde, é a opción que máis soa nos últimos días. Ademais, outros como o porteiro Yoel ou o dianteiro David Rodríguez volven de cesión, mentres que Hugo Mallo, xa recuperado da súa lesión de longa duración, será outra das caras novas do Celta 2013-2014. Por outro lado, o gabonés Levy Madinda será xogador do primeiro equipo de pleno dereito, e outros canteiráns como Rubén Blanco ou Santi Mina poderán alternar o primeiro equipo co filial da Segunda División B.

Se falamos de entradas, tamén hai que falar de saídas . A máis rutilante foi a de Iago Aspas, emblema do equipo a temporada pasada que marchou ao Liverpool inglés previo pagamento de arredor de nove millóns de euros. Foi o máximo goleador do equipo con 12 dianas das 37 que sumou, o que significa que por Balaídos vanse botar de menos os seus tantos. Se Charles, Nolito ou David Rodríguez non están acertados, o Celta pode pagalo, de feito a falta de gol é o principal problema do equipo na pretemporada. Só un gol en cinco partidos, e só unha vitoria, contra o Coruxo da Segunda División B. Tres derrotas por 1-0 e un empate sen goles foron os outros marcadores.

Natxo Insa, Christain Bustos e Quique De Lucas tamén marcharon de Vigo, e outro que podería seguilos nos vindeiros días é Túñez

Ademais de Iago Aspas, outros xogadores marcharon do Celta este verán. Roberto Lago marchou ao Getafe libre tras rematar contrato, Javi Varas, Pranjic, Park e Demidov regresaron aos seus clubs de orixe tras estar cedidos no conxunto vigués. Natxo Insa, Christain Bustos e Quique De Lucas tamén marcharon de Vigo, e outro que podería seguilos nos vindeiros días é Túñez. O central, titular durante a pasada temporada, é un dos descartes de Luis Enrique. Por outra parte, Bermejo e Samuel serán baixa boa parte da temporada tras mancarse o ligamento cruzado anterior. O cántabro rompeuno ao final da pasada campaña, mentres que Samuel volveu mancalo tras pasarse gran parte da última campaña inédito pola mesma rotura no outro xeonllo.

Luis Enrique estivo na boca de todos cando o Barcelona buscaba adestrador para substituír a Tito Vilanova, pero finalmente o conxunto azulgrana decantouse polo arxentino Martino e o adestrador asturiano permaneceu en Vigo e manifestou que non houbera conversas co Barcelona. Luis Enrique probou na pretemporada cunha defensa de tres centrais e retrasou a Toni ao carril zurdo vista a competencia que hai nas posicións de ataque. Se son só probas ou vai en serio saberémolo a partir do luns, cando o Celta principia a temporada.

Os equipos de Luis Enrique non adoitan comezar ben, pero despois van cara a arriba

Tras o Espanyol, o conxunto celeste enfrontarase ao Betis o domingo 25 ás once da noite en Sevilla e ao Granada en Balaídos ás sete da tarde do sábado 31. Outro dato a ter en conta é que os equipos de Luis Enrique non adoitan comezar ben a temporada, pero despois van cara a arriba. Comezando ben ou non, o obxectivo deste Celta é permanecer un ano máis na primeira división do fútbol español. Nas súas mans está conseguilo.

Plantel do Celta © Celta de Vigo
Xogadores do Celta, durante a concentración de verán en Melgaço © Celta de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.