O Celta gáñalle ó Sevilla grazas a un xenial Iago Aspas

Un momento do partido © Liga BBVA

O Celta logrou a súa terceira vitoria consecutiva en Balaídos por 2-0 ante un Sevilla menos entoado que en anteriores encontros. Iago Aspas volveu ser o mellor do seu equipo. Forzou e transformou un penalti por unha discutida man do sevillista Maduro na barreira dunha falta. Foi ovacionado cando o adestrador o substituíu. De Lucas pechou o marcador no minuto 84.

Javi Varas non puido enfrontarse ó equipo ó que aínda pertence ó sufrir unha luxación nun dedo durante o quecemento. Substituíno Sergio, quen protagonizou algunha intervención decisiva durante a segunda metade. Balaídos rexistrou a mellor entrada da temporada, máis de 19.000 espectadores, que remataron cantando a Rianxeira. O municipal vigués estase a converter nun fortín para o Celta, un equipo distinto coma local que coma visitante. Tanto é así que logrou todos os seus puntos, nove, na casa. Onte amosou a cara boa, a cara de local. É oitavo á espera do que ocorra na xornada deste fin de semana. Agora, despois do parón polas seleccións, tocaralle o tramo máis complicado do calendario: Bernabéu, na casa ante o Deportivo e Camp Nou. De aí a importancia dos tres puntos de onte pola noite.

O municipal vigués estase a converter nun fortín para o Celta, un equipo distinto coma local que coma visitante. Tanto é así que logrou todos os seus puntos, nove, na casa

Chegaba o Sevilla sen tres titulares no medio do campo: Medel, Trochowski e Rakitic. O seu adestrador, Míchel, que tivo que ver o partido desde un palco por sanción, deu entrada a Campaña, Kondogbia e o dianteiro Babá, polo que formaba con dous puntas.

Roberto Lago estivo a piques de protagonizar outro erro defensivo cunha cesión moi curta no primeiro minuto que obrigou a intervir ó debutante Sergio. O partido comezou cos dous equipos máis cómodos contragolpeando, pero co Sevilla con algo máis de posesión. As únicos aproximacións chegaban mediante córners ou disparos lonxanos. Así chegaron senllos remates de cabeza de Túñez e Spahic. Iago Aspas, que canalizaba todo o xogo ofensivo do Celta, disparou pouco despois cruzado coa perna dereita, pero Palop despexou a córner.

Ningún xogador do Sevilla ocupaba a banda esquerda, pero o conxunto andaluz creaba bastante perigo pola dereita grazas a dupla Cicinho-Navas

Ningún xogador do Sevilla ocupaba a banda esquerda, pero o conxunto andaluz creaba bastante perigo pola dereita grazas a dupla Cicinho-Navas. Nunha desas internadas caeulle un balón franco na área a Kondogbia, pero non soubo que facer e disparou demasiado cruzado coa dereita, a súa perna mala. Na contra, o coreano Park dispuxo doutra ocasión para o Celta mediante un remate coa esquerda que atallou Palop tras tocar un defensa. Minutos frenéticos en Balaídos. O Celta cada vez atopábse máis cómodo coa pelota. As ocasións volvían a escasear. Iso si, o Sevilla tivo outra clara pouco despois da media hora de partido, cando Cabral tapou a Negredo un remate na área pequena a pase desde a dereita de Babá.

No descanso entrou Reyes por Babá para intentar solventar o burato do Sevilla na banda esquerda. Reyes situábase de mediapunta e Kondogbia tería que caer á banda. O Sevilla saíu coa intención de ter máis autoridade no xogo e de controlar máis o balón. Duroulle bastante pouco. Aspas seguía xerando perigo. No minuto doce da reanudación Paco Herrera introducía a Bermejo por un desaparecido Park. Unha acción de xogo perigoso de Navas sobre Roberto Lago brindaba unha falta ó Celta ó borde da área. Aspas lanzou e Maduro tocou co brazo ó cubrirse a cara. O colexiado Jesús Gil Manzano, que estaba xusto diante, decretou penalti. Míchel lamentábase no seu palco. Decisión difícil de comprender, pero correcta co regulamento na man. O propio Iago Aspas transformou a pena máxima.

O Celta estaba por diante a falta de media hora e pouco se vira do Sevilla tan eloxiado nas últimas datas

O Celta estaba por diante a falta de media hora e pouco se vira do Sevilla tan eloxiado nas últimas datas. Manu del Moral entraba por Campaña. O Sevilla aínda non estaba morto. Negredo disparou desviado nun remate na área ó gañarlle as costas a Túñez tras un saque de banda. Pouco despois, o propio Negredo obrigou a lucirse a Sergio tras un cabezazo a centro de Navas que se colaba pola escuadra. Fora a parada da noite. O Celta sufría, pero aguantaba. Xa se limitaba a contragolpear. Os trocos de Paco Herrera, dando entrada a Bustos e De Lucas por Álex López e Aspas, acrecentaron esa tendencia. Palop tivo que saír case ata o centro do campo para abortar unha contra celeste.

Soou a Rianxeira, coma nas grandes noites europeas. Balaídos era unha festa do celtismo

Pouco despois, De Lucas facía o gol da sentencia ó rematar de cabeza un centro coa esquerda de Augusto Fernández. Sergio celebrábao efusivamente na súa meta. Balaídos xa respiraba tranquilo e comezaron os cánticos. Soou a Rianxeira, coma nas grandes noites europeas. Balaídos era unha festa do celtismo.

Un momento do partido © Liga BBVA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.