O Celta paga a súa falta de pegada coa primeira derrota da temporada

Un momento do Celta-Villarreal © LFP

O Celta sufriu esta tarde a primeira derrota do curso ó caer por 1-3 fronte ó Vilarreal en Balaídos nun partido tolo con moitísimas ocasións para os dous equipos. O conxunto céltico dominou durante moi boa parte do choque, atacou sen reservas e dispuxo de múltiples ocasións, pero pecou de falta de efectividade cara ó marco defendido por Asenjo.

Pese á derrota, o Celta continúa sexto na táboa con 12 puntos de 21 posibles

O Vilarreal púxose 0-2 en dous minutos grazas a dous zarpazos de Moi Gómez, Larrivey acurtou distancias antes do descanso para o Celta, e Mario puxo a sentenza no tempo de desconto. O submarino amarelo dedicoulle o triunfo ó seu adestrador Marcelino, que perdeu ó seu pai nos últimos días. Nos últimos minutos foi expulsado o central Fontás por dobre cartón marelo e se perderá o vindeiro partido contra o Athletic de Bilbao. Pese á derrota, o Celta continúa sexto na táboa con 12 puntos de 21 posibles.

Berizzo dispuxo o seu once de gala dos primeiros partidos, con Hugo Mallo xa consolidado no lateral dereito. Pola contra, o Vilarreal, que xogou e goleou o pasado xoves en Europa League, chegaba con moitas baixas en defensa. De feito, o canteirán Adrián Marín tivo que actuar no lateral esquerdo.

O dominio alterno e a ausencia de ocasións marcaron os primeiros minutos. Non obstante, a partires do primeiro cuarto de hora, o Celta empezou a impoñerse grazas ó dominio do balón e a súa habitual presión alta. Mario desbotoulle a primeira ocasión clara a Nolito cando se dispoñía a rematar en boca de gol un centro de Orellana, e o propio Nolito tivo outras dúas nun disparo escorado primeiro e nun remate que se marchou alto despois.

O Vilarreal empezou a contragolpear con certo perigo, e aproveitou as dúas primeiras chegadas claras para asestar un golpe durísimo ó partido. As dúas co mesmo nome propio: Moi Gómez

Non concretou o Celta a súa superioridade e pagouno caro. O Vilarreal empezou a contragolpear con certo perigo, e aproveitou as dúas primeiras chegadas claras para asestar un golpe durísimo ó partido. As dúas co mesmo nome propio: Moi Gómez. Primeiro, no minuto 32, rematou un centro de Cheryshev tras unha grande cabalgada do exmadridista, e despois, no 34, recuperou un balón en campo contrario e definiu desde a frontal pegado ó pau dereito de Sergio.

O Celta acusou o golpe por uns minutos, nos que o Vilarreal puido facer o terceiro tras unha mala saída de Sergio nun córner, pero refíxose nos últimos compases do primeiro tempo. Primeiro Asenjo sacou unha man marabillosa a un disparo de Krohn-Delhi que ía á escuadra, e despois, no 44, Larrivey aproveitou unha perda inocente de Víctor Ruiz para marcar o 1-2 e dar esperanzas á parroquia de Balaídos de cara á segunda metade.

O conxunto de Berizzo saíu algo frío tralo descanso e puido encaixar o terceiro nun disparo de Mario que salvou fenomenal Sergio e nun remate alto de Uche tras un mal despexe de Krohn-Delhi. Non obstante, pasados uns minutos o Celta comezou a asediar á portería de Asenjo. Atacaba e atacaba, recuperaba moi rápido e tiña ó Vilarreal pechado na súa área. Primeiro tívoa por medio de Krohn-Delhi e despois Bruno sacou na liña de gol un remate de Fontás, pero non atinou a facer o empate.

Moveu entón Marcelino o banco metendo a Jonathan Dos Santos e a Vietto para deter o acoso e derribo celeste. A fatiga foi aparecendo nos xogadores do Celta  co paso dos minutos e o Vilarreal contragolpeaba cada vez con máis perigo. Berizzo tamén realizou trocos: primeiro Jony por Planas, despois Levy, que tivo unha moi clara, por Radoja e por último a Charles por Álex López para queimar todas as naves.

O Celta non atinou, pero o Vilarreal si. O lateral Mario puxo a sentenza no tempo de desconto ó culminar unha contra tras un pase de Vietto. Mesmo Uche puido anotar o cuarto, pero o marcador non se moveu do 1-3

Mentres, sucedíanse as chegadas nas dúas áreas, ata que, a catro minutos do final, unha entrada de Fontás sobre Uche nunha contra clarísima custoulle o segundo cartón marelo e a conseguinte expulsión. Aínda con dez homes, o Celta tivo o empate nun remate de cabeza de Larrivey que sacou noutra grande intervención Asenjo.

O Celta non atinou, pero o Vilarreal si. O lateral Mario puxo a sentenza no tempo de desconto ó culminar unha contra tras un pase de Vietto. Mesmo Uche puido anotar o cuarto, pero o marcador non se moveu do 1-3. Primeira derrota da temporada para un Celta ó que pouco se lle pode reprochar visto o visto sobre o céspede de Balaídos, que rexistrou unha entrada de máis de 22.000 espectadores nunha soleada tarde de domingo.

Un momento do Celta-Villarreal © LFP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.