O Celta respira no tempo de desconto

Dominio Público Praza Pública

O pasado luns ante o Mallorca o Celta encaixaba un gol no minuto 93 que lle custaba a derrota. Non era a primeira vez que o Celta perdía puntos nos últimos minutos, pero onte foi o conxunto celeste quen se levou outro partido dramático ante o Zaragoza con gol de Mario Bermejo tamén no minuto 93. Un gol vital que vale dous puntos e que lle permite abandonar a última posición e colocarse a dous puntos da salvación, pero, sobre todo, lle permite seguir crendo na permanencia.

Un gol vital que vale dous puntos e que lle permite abandonar a última posición e colocarse a dous puntos da salvación, pero, sobre todo, lle permite seguir crendo na permanencia

Así, o Celta gañou 2-1 ó Zaragoza en Balaídos. Na primeira metade adiantouse o Zaragoza con gol de Sapunaru no 26 e dez minutos máis tarde empataba o Celta cun tanto de cabeza de Álex López. Balaídos rexistrou os primeiros asubíos co marcador en contra, pero viuse arriba despois alentado polo seu equipo. Pola súa parte, o Zaragoza queda no último lugar despois de quince partidos, todo o 2013, sen gañar. Mesmo Manolo Jiménez podería ser destituído nas próximas horas.

Abel Resino mantivo a idea do Celta en Mallorca: a liña de defensa menos adiantada, tres medios centros con Álex López nunha posición máis liberada, Bermejo en punta en detrimento de Park e Jonathan Vila acompañando a Túñez no centro da zaga. Así, o Celta sufriu menos atrás e Álex López destacou chegando con frecuencia a área rival. O partido comezou cunha xogada polémica: unha aparente falta de Sapunaru a Bermejo cando se quedaba só en realidade inexistente. O colexiado Del Cerro Grande decretou o primeiro cartón do partido para o romanés e Álex López disparou alto.

Non obstante, nos primeiros minutos o Celta soamente foi capaz de superar a intensa presión do Zaragoza con balóns longos.  O conxunto maño fíxose co mando do encontro, e tivo a súa primeira ocasión nun bo disparo desde lonxe de Pintér despexado por Javi Varas. Antes o céltico Jonny  xa vira o segundo cartón do choque por agarrar a Montañés. O Celta espertou co paso dos minutos adiantando a liña de presión, ata que no minuto 15 o pé do meta Roberto sacou un disparo de Álex López tras un mal despexe da zaga maña.

Uns minutos máis tarde, no 26, cando mellor estaba o Celta, unha falta lateral botada por Apoño foi rematada ó fondo da rede por Sapunaru. En efecto, os centros laterais foron onte as accións máis perigosas para a portería celeste. O gol en contra foi un duro golpe para o Celta e para Balaídos, que asubiou o seu equipo. Non obstante, cando parecía que o partido se rompía, un bo centro de Augusto desde a dereita foi rematado entre Álex López e Sapunaru, tocou no traveseiro e botou claramente dentro da portería de Roberto. Era o gol do empate, un tanto deu ás a un Celta que veu arriba e afogou a saída de balón do Zaragoza ata o descanso, pero sen xerar ocasións claras.

Na segunda metade seguiu o dominio celeste, aínda que non con tanta intensidade. O Celta creou perigo por medio doutro disparo de Álex López, dun tiro de Natxo Insa dentro da área abortado pola zaga aragonesa e dun remate de Túñez que se marchou fóra por pouco. O Zaragoza reaccionou cun bo disparo de Postiga desviado por Javi Varas e con outra falta lateral que Rochina rematou fóra. Mentres, Orellana entraba por Álex López no Celta e Víctor substituía a Rochina nos visitantes.

Abel foi polos tres puntos metendo a Park polo defensa Jonny e atrasando a Augusto ó lateral, mentres o Zaragoza xa se conformaba co empate

O partido non decaeu en intensidade pero si en ocasións. Só Orellana conseguiu inquietar á meta rival cun mal disparo desde unha posición escorada. Pouco despois, unha nova falta lateral rematou con Varas desviando un cabezazo de Sapunaru e chocando co seu compañeiro Jonathan Vila. O porteiro levou a peor parte, pero puido continuar. Abel foi polos tres puntos metendo a Park polo defensa Jonny e atrasando a Augusto ó lateral, mentres o Zaragoza xa se conformaba co empate. Por outro lado, sucedíanse os cartóns marelos para os dous equipos: o Celta rematou con sete amoestados por catro do Zaragoza.

A mellor noticia é que Iago Aspas cumpriu onte o último dos seus catro partidos de sanción e poderá estar o sábado ante o Levante noutra final para evitar o descenso

O conxunto celeste seguiuno intentando por medio de Orellana, Park e Bermejo, e o Zaragoza tamén tivo a súa nun lanzamento de falta de Apoño ó lateral da rede. Foi no minuto 93 dos 95 que tería o choque, curiosamente o minuto fatídico da semana anterior, cando Bermejo rematou á rede unha internada pola esquerda de Orellana para delirio do contaxiado público de Balaídos. Un Balaídos que rexistrou onte media entrada, unhas das máis pobres dos últimos tempos, nun partido importantísimo pero con moi mal horario e televisado en aberto. Non obstante, a mellor noticia é que Iago Aspas cumpriu onte o último dos seus catro partidos de sanción e poderá estar o sábado ante o Levante noutra final para evitar o descenso.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.