O Celta saca un punto da Rosaleda

Dominio Público Praza Pública

O Celta obtivo un empate na súa visita ó campo do Málaga. Nunha primeira metade de dominio local adiantouse o Málaga con gol de Demichelis tras varios rexeites, pero o Celta foi mellor na segunda, na que empatou por medio de Augusto Fernández. Nun final trepidante no que os de Pellegrini asediaron a meta celeste, De Lucas tivo o gol da vitoria no minuto 91, pero o porteiro Caballero adiviñou o caneo do xogador catalán.

Nun final trepidante no que os de Pellegrini asediaron a meta celeste, De Lucas tivo o gol da vitoria no minuto 91, pero o porteiro Caballero adiviñou o caneo do xogador catalán

Paco Herrera, como adoita facer en campos complicados, dispuxo un trivote no centro do campo con Borja Oubiña, Natxo Insa e con Álex López máis adiantado. Atrás, Jonny e Demidov substituían ós mancados Hugo Mallo, xa operado do xeonllo, e Túñez. Pola súa parte, o Málaga afrontaba o choque despois de dous partidos co Barcelona e antes do terceiro, a volta da eliminatoria da Copa do Rei.

O encontro comezou con ritmo na Rosaleda, cun Málaga apertando arriba. Os locais dominaban e os vigueses chegaban ó ataque de cando en cando. Catro aproximacións do Málaga e dúas do Celta foron a bagaxe dos primeiros dez minutos. Dous disparos de Buonanotte e dúas caídas de Santa Cruz á parte esquerda, aproveitando a inexperiencia de Jonny, para os de Pellegrini e un disparo de Álex López e un centro de Iago Aspas desde a dereita que non encontrou rematador para o Celta. As caídas de Iago Aspas á dereita para buscar ás cóxegas á defensa rival foron unha constante durante todo o partido.

Paco Herrera, como adoita facer en campos complicados, dispuxo un trivote no centro do campo con Borja Oubiña, Natxo Insa e con Álex López máis adiantado

Tras eses primeiros dez minutos, baixou a intensidade do choque e o Celta sacudiuse o dominio local. No minuto 15, un saque de banda rematou, tras deixada preciosa de Iago Aspas, nun tiro escorado de Krohn-Delhi que sacou a córner Caballero. Seguiron uns minutos sen ocasións nos que o Málaga volveuse facer co mando das operacións. O Celta nin sequera era quen de saír á contra con criterio.

No 33, Iago Aspas rouboulle a carteira os centrais locais no medio campo e foise só ata a meta rival, pero quedou sen forzas e disparou moi frouxo ante Caballero. Era a máis clara dos celestes ata o momento. O Celta perdoara, e, como di a lei do fútbol, se perdoas págalo. Tres minutos despois, nunha xogada embarullada na área celeste, Demichelis acabou marcando para o Málaga tras varios rexeitamentos. Os locais adiantábanse merecidamente, non tanto polas ocasións, pero si polo xogo despregado. No Celta quedáronse pedindo man de Santa Cruz, unha man que non parece a simple vista, e que lle custou o cartón marelo a Javi Varas. Cinco minutos despois, o colexiado Estrada Fernández volveu alterar ós ánimos célticos ó non sinalar falta nun derribo claro de Wellington a Iago Aspas, noutra das súas caídas á dereita. As protestas do moañés custáronlle outro cartón.

O Celta saíu con máis ambición tralo descanso, mentres o Málaga dábase por satisfeito co resultado. O xuíz de liña volveu perxudicar ó Celta ó levantar a bandeira cando Iago Aspas, que estaba en liña co último defensor, se quedaba só diante de Caballero. De Lucas entrou por Natxo Insa para dar máis mordente arriba. O catalán íase á esquerda, Krohn-Delhi retrasaba a súa posición cara o dobre pivote e Álex López mantíñase na mediapunta.

Á media hora do segundo tempo, Krohn-Delhi viu unha entrada polo centro de Álex López e, tras un rexeitamento, o balón quedoulle franco a Augusto, que definiu o empate ante Caballero

Entre tanto, o Celta seguía xerando ocasións, aínda que non moi claras. Un tiro alto de Krohn-Delhi, dous remates de cabeza de Augusto e un man a man desperdiciado por De Lucas foron as seguintes, ata que, á media hora do segundo tempo, Krohn-Delhi viu unha entrada polo centro de Álex López e, tras un rexeitamento, o balón quedoulle franco a Augusto, que definiu o empate ante Caballero. O Celta atopaba o seu premio merecido tralo seu esforzo da segunda metade.

Paco Herrera non se conformou e introduciu outro troco ofensivo: Mario Bermejo por Álex López. Cabral tivo o gol nun remate coa zurda tras un córner que se marchou alto, pero o Málaga volveu dar mostras de que quería gañar. O Celta volvíase repregar coa entrada de Bellvís por Iago Aspas, co que De Lucas se colocaba de dianteiro. Os locais asediaron a meta céltica nun final trepidante no que Varas sacou un disparo desde preto de Portillo primeiro e un remate de cabeza de Demichelis despois. Pero o Celta tamén puido gañar. No minuto 91 un erro monumental dos dous centrais do Málaga deixou só a De Lucas diante de Caballero, pero o porteiro adiviñou perfectamente o seu caneo cara a esquerda e abortou a ocasión. Por algo o meta arxentino é o menos goleado da primeira división.

Un punto que, xunto ós resultados do sábado, sitúao cuarto por abaixo, é dicir, primeiro dos que se salva do descenso

Así, o Celta suma o seu segundo partido sen perder como visitante en toda temporada, o seu cuarto punto a domicilio. Un punto que, xunto ós resultados do sábado, sitúao cuarto por abaixo, é dicir, primeiro dos que se salva do descenso. Un triunfo do Deportivo igualaría a herculinos e celestes a 19 puntos, pero os de Paco Herrera seguirían fora do descenso pola diferenza de goles. Aínda así, o Celta debe sumar nunhas próximas xornadas que se antollan asequibles para afastarse dos postos de abaixo.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.