O Celta saca un valioso punto de San Mamés

Unha xogada do encontro © Celta de Vigo

O Celta empatou 1-1 este sábado pola tarde contra o Athletic de Bilbao no novo estadio de San Mamés. Adúriz adiantou o conxunto local no minuto 6 ao transformar un penalti por man de Sergi Gómez, mentres que Nolito igualou de disparo cruzado no minuto 28 da segunda metade. O colexiado Fernández Borbalán anulou un gol de Adúriz que suporía o 2-0 por fóra de de xogo inexistente no primeiro minuto do segundo tempo.

O Athletic, que empezaba o partido en zona de descenso, foi moi superior na primeira parte, pero o Celta entoouse na segunda para obter un punto nun escenario complicado. Así, á espera do que ocorra no resto de partidos da xornada, o conxunto vigués mantense sexto na táboa con 13 puntos e segue sen perder a domicilio esta temporada. O Athletic saíu ao partido moi enchufado e tratando de esquecer a mala xeira de resultados. Desde o primeiro momento impuxo un ritmo moi alto e un xogo rápido e vertical que o Celta non soubo contrarrestar. Non estivo á altura dun partido sumamente físico, senón que se limitou a conter as acometidas rivais.

Sergi Gómez supliu o sancionado e mancado Fontás na única novidade do ‘once’ céltico. Cando o Athletic xa levaba varias chegadas, aos cinco minutos de partido, un remate de Adúriz a centro de Susaeta tocou no brazo do central catalán, case á altura do ombro. Aínda que non se aprecia voluntariedade, o árbitro andaluz Fernández Borbalán foi ao punto fatídico. Adúriz non fallou e puxo o primeiro. O tanto deu ás ao equipo de Valverde, que completou unha excelente primeira media hora. Cun Celta descoñecido que non atopaba os seus mellores homes en ataque, o Athletic dominaba e chegaba unha e outra vez, sobre todo por medio de balóns aéreos. Laporte e Adúriz probárono con senllos remates de cabeza, e Susaeta cun disparo desviado coa esquerda. O meta do Celta Sergio tivo que lucirse ante outro remate de cabeza de Adúriz, e un minuto despois, no 24, o colexiado anulou un gol a Adúriz porque o balón centrado superara a liña de fondo. A decisión semella atinada.

O Athletic estaba desatado, sobre todo grazas ás aparicións entre liñas de De Marcos, que actou como mediapunta e non como lateral dereito. Non obstante, contra a media hora o Celta empezou a parecerse ao equipo que ilusiona este curso. A medida que baixou a intensa presión local, o conxunto celeste comezou a trenzar algunhas xogadas de certo perigo.

Contra a media hora o Celta empezou a parecerse ao equipo que ilusiona este curso. A medida que baixou a intensa presión local, o conxunto celeste comezou a trenzar algunhas xogadas de certo perigo.

Krohn-Delhi non atinou a sacar un bo centro para Larrivey cando encaraba a Gorka, Orellana rematou de cabeza un centro ao lateral da rede, Laporte despexou un centro de Orellana para que empurrara Larrivey e o dianteiro céltico errou no control cando se quedaba só contra o meta local.

A segunda metade comezou co gol anulado a Adúriz por un fóra de xogo que non existiu. O dianteiro do Athletic estaba en liña co último defensor céltico. Co paso dos minutos, o partido abriuse e convertiuse nun continuo ida e volta. O tanto podía chegar en calquera das dúas porterías. Tívoa por dúas veces Adúriz nun remate de cabeza e nun disparo que non precisou con Sergio batido.

O Athletic non atinou, e o Celta aproveitouno. Os homes importantes xa aparecían con máis asiduidade e Berizzo meteu a Pablo Hernández e a Charles por Krohn-Delhi e Álex López. Máis madeira para buscar o empate. Xusto despois de entrar o segundo dianteiro, Nolito fixo unha parede con Orellana no pico esquerdo da área e definiu de disparo cruzado coa dereita. 1-1 a falta dun cuarto de hora. O gaditano segue en estado de graza.

Non lle servía o empate ao Athletic, que apertou nos últimos minutos buscando o gol da vitoria. Mesmo meteu a Toquero para acabar con dous puntas, mentres que Berizzo volveu ao esquema orixinal substituíndo a Larrivey polo canteirán Borja Fernández. Aínda así, a ocasión máis clara dos últimos minutos foi para Nolito, que rematou cunha vaselina demasiado alta. Orellana viu o quinto cartón marelo e perderá o próximo partido contra o Levante, mentres que Sergio abortou a última do Athletic parando unha falta de Ibai. Visto o visto sobre o céspede, o Celta pode dar por bo o punto obtido este sábado en San Mamés.

Unha xogada do encontro © Celta de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.