O Celta salva un punto cun xogador menos

Dominio Público Praza Pública

O Celta empatou a un gol esta tarde en Balaídos ante a Real Sociedade. O conxunto celeste quedou con dez pola expulsión de Augusto Fernández no minuto 4 da segunda metade, cando gañaba 1-0 con gol de Krohn-Delhi ó culminar unha parede con Iago Aspas. A Real Sociedade, que leva xa cinco xornadas consecutivas xogando contra dez homes, empatou despois cun remate de cabeza de Elustondo nun córner. Un Celta moi inferior no segundo tempo aguantou ata o final as acometidas realistas.

Un Celta moi inferior no segundo tempo aguantou ata o final as acometidas realistas

Iago Aspas, con molestias nas cervicais durante a semana, foi substituído no tempo de descanso. Paco Herrera saíu con tres dianteiros e rematou o encontro sen ningún deles e expulsado polo colexiado Paradas Romero. Un colexiado moi protestado en Balaídos, que amoestou a cinco xogadores celestes. Pranjic, nova fichaxe invernal do Celta, debutou na segunda metade.

O adestrador céltico dispuxo de saída con tres dianteiros, dous extremos e Borja Oubiña só na contención. Park e Bermejo acompañaban a Iago Aspas e os extremos tiñan que axudar máis a Oubiña no centro do campo. Incluso Bermejo, outrora dianteiro centro, tiña que apoiar a Oubiña en tarefas defensivas. Krohn-Delhi era o seu socio na creación, pero no Celta sobraban xogadores por diante e faltaban creadores de xogo. Por iso tiña que recorrer asiduamente ó balón longo. Iso si, tantos dianteiros permitíanlle ó Celta apertar moi arriba e saír ó contragolpe con moitos homes. Oubiña estaba moi só no centro do campo: cada vez que a Real Sociedade superaba a primeira liña de presión tiña superioridade na zona ancha e chegaba con comodidade ás proximidades da área rival. Carlos Vela destacou no ataque donostiarra.

O adestrador céltico dispuxo de saída con tres dianteiros, dous extremos e Borja Oubiña só na contención. Park e Bermejo acompañaban a Iago Aspas e os extremos tiñan que axudar máis a Oubiña no centro do campo

Os primeiros minutos transcorreron sen ningunha ocasión clara para ningún dos dous equipos. Ós vinte minutos Javi Varas parou un disparo desde a esquerda de Vela e Ifrán non atinou a rematar só ante o meta celeste. As chegadas a área rival do Celta non se traducían en disparos perigosos. A súa primeira ocasión foi ós 27 minutos: un disparo de Augusto que sacou Bravo. Catro minutos despois, Krohn-Delhi, o mellor do Celta hoxe, encontrou un balón preto da área, fixo unha parede con Iago Aspas e marcou o primeiro para o Celta. A deixada de tacón do moañés foi exquisita.

Iago Aspas comparecía en Balaídos tras anunciar a súa continuidade no Celta ata xuño cunha vendaxe no pescozo por unhas molestias nas cervicais. Resentiuse antes do descanso e foi retirado no entretempo. Dous intentos de Ifrán e un disparo de Krohn-Delhi que sacou Bravo foron o máis destacado antes de ir á caseta.

Álex López substituíu o dianteiro moañés, incorporándose un home máis ó centro do campo. Park foise á esquerda e Bermejo colocábase de nove, pero esta disposición duroulle moi pouco ó Celta. Ós catro minutos, Augusto Fernández viu o segundo cartón marelo por unha man que, pese a existir, era insuficiente como para deixar a un equipo con dez. O arxentino botábase as mans á cabeza, non podía crelo. O Celta aguantou os seguintes minutos, mesmo Park tivo unha boa ocasión coa esquerda. Pranjic debutaba e Park colocábase de nove.

Ós trece minutos, un remate de Elustondo nun córner tocaba no pau e se colaba na portería de Varas. Era o empate e aínda faltaba máis de media hora. Pouco despois, Herrera esgotaba os trocos, co risco que iso supón, retirando o punta que lle quedaba, Park, por un centrocampista como Natxo Insa. O Celta quedaba sen dianteiros, Álex López asumía a posición máis adiantada, pero, a partir dese momento, a Real Sociedade meteu na súa área a un Celta con moi pouca presenza en ataque. Mentres, o técnico visitante Montanier metía a Aguirretxe e a Griezmann, é dicir, o arsenal ofensivo. Precisamente Aguirretxe gozou dunha ocasión tras un erro de entendemento da zaga celeste.

O Celta continúa na carreira por evitar o descenso, unha carreira que se presume moi dura

Non obstante, a máis clara foi un disparo ó pau de Markel Bergara, xusto antes de que o colexiado se dirixira ó banco céltico para amoestar a Park primeiro e expulsar despois a Paco Herrera, segundo a acta, por protestar e por dicir: “El problema es que no os controlo a vosotros”. O partido agonizou tras un remate de cabeza desviado de Griezmann, que corroboraba as táboas en Balaídos: un punto que pode ser útil para o Celta nunha xornada na que os seus rivais directos enfróntanse a conxuntos da zona alta da táboa. O Celta continúa na carreira por evitar o descenso, unha carreira que se presume moi dura.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.