O Celta segue crendo no soño da permanencia

Dominio Público Praza Pública

A penúltima xornada da primeira división foi francamente boa para o Celta. De feito, era moi difícil imaxinar que fora mellor. O conxunto vigués solventou o seu choque ante o Valladolid por 0-2 con goles de Cabral e Iago Aspas de penalti e recibiu grandes novas do resto dos campos. Exceptuando a Osasuna, ningún dos seus rivais na loita pola permanencia conseguiu a vitoria. O Deportivo perdeu 3-1 en Málaga, o Zaragoza 4-0 no campo do Betis e o Mallorca empatou a cero no Calderón diante do Atlético de Madrid. Así, o Celta, que empezaba a xornada na última posición e moi lonxe da salvación, mantén vivas as esperanzas de quedarse na primeira división.

O Celta, que empezaba a xornada na última posición e moi lonxe da salvación, mantén vivas as esperanzas de quedarse na primeira división

Coa súa vitoria, o conxunto celeste sitúase antepenúltimo con 34 puntos, a un da permanencia. As derrotas dos seus rivais provocaron que se abaratase a salvación, polo que os 37 puntos que sumaría na última xornada poderían ser suficientes. Coas permanencias matemáticas de Granada e Osasuna, o panorama preséntase con catro equipos implicados e tres postos que levan a segunda, xa que ningún equipo está descendido.

O Deportivo ten 35 puntos, o Celta e o Zaragoza 34 e o Mallorca 33. Na última xornada, todos xogan na casa, se ben os partidos de Celta e Mallorca semellan os máis asequibles. Os vigueses reciben en Balaídos ó Espanyol, que só se xoga acceder a unha novena posición que podería levar a Europa nun caso moi difícil. Pola súa parte, o Mallorca medirase no seu campo a un Valladolid que non se xoga nada.

Deportivo e Zaragoza teñen partidos sobre o papel máis difíciles: os herculinos reciben en Riazor a unha Real Sociedade que se xoga a Champions League, mentres que o Atlético de Madrid será o rival do Zaragoza na Romareda. Agora mesmo, o Deportivo é o que está fóra dos postos de descenso, polo que é o único que depende de sí mesmo. Non obstante, se non gaña, unha vitoria do Celta deixaría ós celestes na primeira división. Unhas contas moito máis sinxelas das que se podían esperar. A ilusión da salvación está máis viva que nunca en Balaídos.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.