O Compostela volve para quedar

Os xogadores do Compostela celebran o ascenso tras vencer o Xove Lago © SD Compostela

Xusto cando se cumpren 50 anos da súa fundación, a histórica SD volve sacar a cabeza. O Compostela acadou a pasada fin de semana o ascenso matemático a Terceira División logo de dous anos na Preferente, á que chegou, unha vez máis, empurrada polos problemas económicos. Pasoulle en 2004, cando os impagos o levaron da Segunda B á categoría rexional, ou hai dous anos, cando ao descenso deportivo seguiulle outro administrativo. Agora regresa convencido de non volver cometer os mesmos erros. Paseniño, pero seguro. “Non nos preocupan tanto os ascensos como asentar un club serio e solvente”, di o seu presidente, Antonio Quinteiro, principal artífice do rexurdir dunha entidade que marca o fomento da canteira e a estabilidade como os seus principais obxectivos.

Non hai présa por recuperar glorias pasadas. Foron demasiados os golpes nos últimos anos, con cambio de nome incluído e intentos doutros equipos santiagueses por ocupar no corazón dos afeccionados o sitio do Compos. Non foi posible. “O sentimento da SD espertou; estamos recuperando a paixón polo club e manter e aumentar isto debe ser a principal misión dos que estamos agora e dos que virán despois”, engade o presidente, que colleu a nave branquiazul hai tan só uns meses tras a marcha definitiva do excéntrico José María Caneda, cun carácter tan complexo que fixo diluír os seus méritos deportivos entre as continuas polémicas. 

"Manter e aumentar o sentimento polo Compos é a misión dos que estamos agora e dos que veñan"

“Sabemos que os resultados deste traballo coa base veranse a longo prazo, pero o compromiso desta directiva foi apostar pola canteira porque cremos que é fundamental para o futuro da entidade”, asegura Quinteiro, que aspira "a que o primeiro equipo sexa o reflexo do que se faga desde abaixo”. Porque o fútbol galego pasou das épocas douradas a unha terrible crise que levou por diante o Compostela, pero que tamén mantén históricos como Pontevedra, Ourense ou Racing na categoría que acaban de recuperar os santiagueses. Incluso Deportivo e Celta se decataron, se cadra tarde, de que a canteira era o futuro. Máis aínda en tempos de escaseza. No último encontro de coruñeses e vigueses, seis e sete xogadores da base participaron nos seus encontros respectivamente. 

Se cadra pola canteira, pola seriedade e polo realismo que difunde a directiva, desta vez a afección compostelanista amósase máis confiada. O pasado domingo, nun encontro de categoría rexional, as bancadas de San Lázaro xuntaron máis de 3.000 espectadores para celebrar o ascenso dun conxunto no que se mesturan prometedores futbolistas da comarca con históricos que achegan a súa experiencia como Manuel Castiñeiras (ex de Eibar, Tenerife ou Racing de Ferrol) ou Maikel (debutante en Primeira co Deportivo e con ampla experiencia en Segunda e Segunda B). Todos dirixidos por outro galego, o técnico pontevedrés Anxo Casalderrey. 

A aposta é pola canteira: "O primeiro equipo debe ser o reflexo do que se faga desde abaixo"

Quinteiro sabe das dificultades económicas “dunha crise mundial que afecta a todos”, pero está convencido tamén de que “o proxecto económico e deportivo será fácil de cumprir”. “Cando vaiamos xunto ás institucións e ás empresas comprobarán a solvencia e seriedade dun proxecto viable”, insiste, logo de “agradecer” o apoio que até o de agora recibiu a entidade por parte das administracións e do mundo empresarial santiagués. "Sen eles non poderiamos facer o que fixemos esta tempada", engade o presidente, que cre que se recuperou de novo "a esperanza no Compostela". "Estou seguro de que seremos máis fortes", remata confiado o máximo dirixente dun club que hai quince anos militaba en Primeira e que chegou a loitar cos grandes da Liga. Os rapaces que agora conforman, e conformarán, a canteira da SD aspiran a converterse naqueles Fabiano, Passi, Ohen, Penev, Bellido, José Ramón ou Nacho. Daquela, o obxectivo estaría máis que cumprido. Aínda que os éxitos na elite tarden en chegar un pouco máis. 

O Compostela celebra o ascenso © SD Compostela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.