O Coruxo levou un partido gris

Coruxo-Alcalá © http://coruxo.incondicionales.com

O Coruxo logrou este domingo a súa segunda vitoria consecutiva no Vao no primeiro encontro da segunda volta do grupo I de Segunda División B. Gañou 1-0 ó Alcalá, penúltimo da táboa, con gol de Jonathan Reguero, fichaxe invernal que leva dous goles en dous partidos. O conxunto de Antonio Gómez dominou o primeiro tempo, pero no segundo deu un paso atrás e o partido resentiuse.

O Coruxo logra a súa segunda vitoria consecutiva no Vao

Ambos equipos amosaron por que están entre os menos goleadores do grupo. O Coruxo tivo ocasións, sobre todo na primeira metade, para anotar algún gol máis, mentres o Alcalá, con só doce goles en vinte partidos, erraba constantemente no último pase e tamén no remate. O Coruxo esta perfeccionándoo grazas a Reguero, constante ameaza para a zaga rival; pero ao Alcalá, que suma catro xornadas sen marcar, cústalle sair dos postos de descenso. Máis arriba está o conxunto vigués, sexto a un só punto dos postos de promoción de ascenso.

O partido comezou cuns minutos de tenteo, pero cedo os locais fixéronse coa iniciativa do xogo. No minuto once, Centrón, tras gran xogada persoal, centrou desde a esquerda, tocou Pedro na dereita e Reguero anotou o primeiro a porta baleira. Así pois, Pedro Vázquez, que despois sería substituído,  debutaba con asistencia de gol. Os dous reforzos invernais do Coruxo empezan a sumar desde os primeiros días. Tralo gol chegaron os mellores minutos dos verdes no partido. O capitán Antúnez obrigou a intervir ó porteiro visitante cun disparo raso, Reguero non controlou para quedar man a man e, minutos despois, pediu un posible penalti. Con Víctor Besada maxistral na distribución, Reguero movéndose por todas partes e algúns detalles de Centrón, o Coruxo amosábase moi superior ó seu rival.

Os dous reforzos invernais do Coruxo empezan a sumar desde os primeiros días

O Alcalá achegábase moi de cando en vez e amosábase impreciso nos últimos metros. O colexiado anulou por xogo perigoso unha chilena ós 19 minutos no primeiro achegamento dos madrileños. Dez minutos despois Biendi disparou fora desde a esquerda. O Coruxo perdía o empuxe do tramo anterior, pero mantiña o dominio do partido. Un disparo alto de Costas e dous remates de cabeza do central Pazó, un deles en falta en ataque, foron as últimas ocasións dos locais no primeiro acto. O Alcalá tivo a máis clara do choque a seis minutos do descanso, cando Rubén Mesa non atinou a rematar cando quedou só diante do meta Christian.

Tralo descanso o Coruxo baixou o pistón e o Alcalá adiantou liñas. O adestrador visitante moveu o banquiño no intermedio e esgotou trocos ós 63 minutos de partido na busca do empate. O conxunto madrileño roldaba a área rival, pero non chegaba a rematar. Outro posible penalti na área madrileña e un disparo moi escorado de Reguero foron as únicas aproximacións locais nese lapso de tempo. O Coruxo gozaba das mellores ocasións nas contras e o capitán Antúnez gañaba peso no xogo. Un pase extraordinario seu nunha contra rematou cun disparo alto de Centrón ós 19 minutos do segundo tempo. O conxunto de Antonio Gómez puido sentenciar cun remate de cabeza do Central Yago Yao e con outro disparo do omnipresente Reguero detido por Juancho, meta do Alcalá.

A súa traxectoria segue sendo positiva e sitúase a un só punto da zona de promoción de ascenso

O reloxo pasaba para o conxunto madrileño, que tiña que ir cara arriba na busca do empate. Fíxoo con dous remates de cabeza de Iván García que se marcharon desviados e cun disparo de Tello, un dos ingresados na segunda metade, que despexou Christian. O Coruxo buscaba a sentencia sen premio por medio de Antúnez primeiro e de Iosu Villar máis tarde nun disparo que tocou en Reguero. Non obstante, a ocasión máis clara nese tramo final tívoa o Alcalá nas botas de Montero, pero, como ó longo de todo o choque, non atinou nos últimos metros.

O partido agonizou coa vitoria do Coruxo tras un segundo tempo bastante pobre por parte dos dous equipos. O resultado foi positivo para os verdes, pero o xogo non foi demasiado convincente. Aínda así, a súa traxectoria segue sendo positiva e sitúase a un só punto da zona de promoción de ascenso.

Coruxo-Alcalá © http://coruxo.incondicionales.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.