O deporte feminino busca o seu "impulso" no medio da crise

Estefanía Hernández, tras proclamarse campioa de Europa Dominio Público Praza Pública

Compromiso por Galicia (CxG) organiza este sábado 21 de setembro no INEF da Coruña as Xornadas de Política Deportiva en Feminino, un encontro que pretende "conxugar unha visión de base e institucional da política deportiva engadíndolle a visión en feminino, moitas veces minorizada neste ámbito, onde aínda queda moitísimo por normalizar", segundo aclara a coordinadora do evento, adestradora de fútbol e membro da executiva nacional da formación galeguista, Pilar Neira.

CxG celebra este sábado no INEF da Coruña as 'Xornadas de Política Deportiva en Feminino'

"As mulleres tamén temos moito que achegar ao mundo do deporte", asegura Neira, que cre que actividades como a que se desenvolverá esta fin de semana na Coruña están "esquecidas polo conxunto das institucións e tamén polos propios partidos, malia os éxitos colleitados a nivel estata e internacional". Boa fe deles dan os últimos resultados de, por exemplo, a selección galega de fútbol praia ou o Burela de fútbol sala.

Nas xornadas intervirá Mercé Barrientos, presidenta da Federación Galega de Taekwondo e vicepresidenta de Mudegá, que charlará sobre as Novas tendencias do deporte federado en Galicia, así como Marta Souto, ex directora xeral de Deporte da Xunta, que fará  un repaso ás políticas institucionais e de xestión deportiva desde o goberno.

Tamén tomarán a palabra Shelia Sánchez, xogadora de fútbol sala, e a taekwondista Estefanía Hernández, que comezarán o programa cun relatorio sobre Como repercuten as axudas económicas na carreira dunha deportista. Esta última falou con Praza sobre a situación do deporte en xeral, afectado polos recortes sobre todo nas disciplinas máis minoritarias, e do feminino en particular. Campioa de Europa e da Universiada, bronce nun campionato mundial e con varios títulos estatais no seu poder, esta coruñesa cre que o taekwondo e a súa Federación Galega son un exemplo sobre a igualdade entre homes e mulleres no deporte.

"Sei que noutros deportes, a maioría, as mulleres están discriminadas e as axudas non adoitan ser igual para uns e outros, pero no taekwondo as axudas son exactamente iguais para uns e outros", explica Hernández, que cre que a chegada xa hai anos de Mercé Barrientos á presidencia da Federación Galega e os éxitos colleitados supuxo "un impulso" para outras mulleres e outros deportes. "Ela non foi só un exemplo en Galicia, senón que supuxo un pulo a nivel estatal no meu deporte, onde xa hai máis mulleres en xuntas directivas e federacións, pero tamén supuzo un impulso a nivel galego en moitos outros deportes onde as mulleres se están a incorporar á xestión das federacións", aclara.

"Se despois dos Xogos de Londres, onde a maioría de medallas españolas chegaron das mulleres, non collemos o impulso necesario, non sei cando será", di Estefanía Hernández

Malia todo, o caso é excepcional. Estefanía Hernández, coñecedora da situación de moitas outras deportistas, sabe que "queda moitísimo por facer, un longo traballo". "Se despois dos Xogos Olímpicos de Londres, onde a maioría de medallas para España chegaron das mulleres, non collemos o impulso necesario, non sei cando o imos conseguir", reflexiona esta taekwondista retirada xa logo de varias graves lesións. "Temos que facer forza pola nosa visibilidade e o noso recoñecemento", continúa quen sabe que "a discriminación feminina segue moi patente" na maioría de disciplinas. "No fútbol, por exemplo, estamos falando de dous deportes diferentes; calquera xogador de Segunda B gaña infinitamente máis que unha futbolista de elite e creo que pouca xente é capaz de nomear unha xogadora destacada máis aló de Verónica Boquete", conta.

A campioa de taekwondo chama a atención sobre a discriminación das mulleres e sobre os recortes que afectan agora aos deportes

Ademais, á discriminación que xa sofren as mulleres por selo engádeselle agora os recortes que afectan a todos os deportistas en xeral, máis a elas aínda. En taekwondo, tamén. "Está habendo moitas restriccións á hora de participar en campionatos; no último campionato de Europa cadete participaron  uns rapaces que antes non puideron ir a ningunha concentración nin competición por mor destes recortes e iso nótase moito", explica unha rapaza que grazas ás bolsas ADO puido vivir do deporte durante os seus tres últimos anos de carreira, un privilexio que, no entanto, implica un enorme esforzo e ter a sorte de cara. "Para recibir esas axudas tes que ser medallista en europeos ou mundiais cada ano e iso exixe rendir moito e soportar moita presión", explica.

Dominio Público Praza Pública
Estefanía Hernández, tras proclamarse campioa de Europa Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.