"O Deportivo baixou a Segunda, pero o seu sentimento non"

Afección deportivista, en Riazor ante o Athletic © SonRadiofusión

Un repaso á temporada e á reacción sentimental do deportivismo ante as dificultades do seu club. Ese é o principal argumento de Depor Vida. Crónica da tempada 2012/2013, unha obra editada por Radiofusión e escrita polos xornalistas Rosabel Candal e Xerardo Porto que sae á venda en varias librerías e que xa se pode mercar a través de Internet.

"En Mallorca responderon ao descenso con pitadas aos xogadores e á directiva. En Zaragoza queimaron contedores. Na Coruña en cambio, a afección permaneceu en Riazor aplaudindo aos seus xogadores, que choraban desolados no centro do campo". Esa reacción é unha das que intentan explicar na obra os seus autores, que se puxeron mans á obra en canto Fernando Vázquez aterrou no banco branquiazul e "vista a grande ilusión que lle estaba devolvendo a un Deportivo case moribundo que, ante todo, precisaba recuperar a alegría e o sorriso, fose cal fose o resultado final da Liga", tal e como explica Rosabel Candal.

A obra pretende "render homenaxe ao verdadeiro capital do equipo, a súa afección"

Malia que son varios os libros escritos arredor do Deportivo ou do fútbol galego, Candal e Porto quixeron "facer algo diferente, unha crónica da intensa tempada que lle rendese homenaxe ao verdadeiro capital do equipo herculino, que é a súa afección, e tamén aos seus xogadores máis destacados". Así, a obra repasa, a través de percepcións propias e de artigos publicados en medios de comunicación, blogs, entrevistas e outras obras o sentir dos branquiazuis e todo o que aconteceu no campionato: "desde Oltra a Paciencia, Vázquez, pasando por Valerón e Juan Domínguez, a estratexia futbolística, a lembranza do raposo de Arteixo, os problemas económicos... todo!".

É un intento por deixar como legado escrito as lembranzas dunha campaña que, malia o seu fatídico final, volveu engrandecer un club que se atopa no seu peor momento -deportivo e económico- do último cuarto de século. E aínda así, move mareas de seareiros. Cada vez máis. "Hai moi poucos clubs en todo o Estado que poidan presumir de ter unha hinchada tan fiel e comprometida", explica Rosabel Candal, que valora que nesta tempada, "co Dépor na UCI de novo, o Pódese se convertese nun sentimento que durante meses invadiu as redes e as mentes dos deportivistas" e que sinala a viaxe masiva a Valladolid como un dos momentos do ano. "O que pasará no futuro está por escribir, pero é seguro que seguirá dando para encher moitas páxinas", recoñece.

"Se os deportivistas saben de algo é de non ter medo; por iso o futuro é máis esperanzador que triste", di unha das autoras

Malia a enorme débeda e a situación concursal do club, Candal considera que "se os deportivistas saben de algo é de non ter medo, e por iso no futuro do fútbol herculino haberá máis esperanza que tristura". "O Deportivo descende a Segunda na clasificación da Liga, pero non no sentimento", engade, tras destacar as palabras de Fernando Vázquez -que vén de ser renovado polo club por tres anos-  ao pouco de aterrar en Riazor. "Estaba totalmente alucinado coa afección, xa que en postos de descenso, o sentimento semanal era como se estivese na Champions. De seguro que iso seguirá así", confía unha das autoras.

"Cando o Deportivo descendeu a Segunda, hai dúas tempadas, a afección volcouse como nunca co seu equipo, batendo unha marca de socios. Demostrou iso que se canta de que ser dos que gañan é moi fácil, pero ser do Deportivo nos parece mellor", insiste Candal. Deste ano tamén, aínda que volver á categoría de prata sexa, desta vez, bastante máis grave. "O gran prexudicado desta tempada é o fútbol galego, que queda cun equipo menos na máxima categoría e sen poder gozar do derbi", continúa, ao tempo que propón "unha fonda reflexión" sobre a situación na que se atopa o balompé do país... "Se é que o fútbol galego existe, aspecto que tamén é abordado no libro", lembra.

"Fronte á globalización, prestarlle maior atención ao valor propio pode ser máis que interesante"

Precisamente, e en canto esta relación entre país e deporte, Rosabel Candal cre que "fútbol e patria sempre estiveron moi atados e quizais o Deportivo pecou nos últimos anos de non apostar moito pola canteira galega". "Si o fixo en maior medida, por exemplo, o Celta e creo que fronte á globalización, prestarlle maior atención ao valor propio pode ser máis que interesante", comenta, consciente do camiño canteirán e máis galego polo que circulará a partir de agora o club coruñés.

"A reacción da afección do Deportivo tras o veto ás estreleiras é algo que debe encher de orgullo o fútbol deste país"

"Que se prohibisen as estreleiras en Valladolid e a afección do Deportivo respondese nas xornadas seguintes portando bandeiras galegas no estadio de Riazor é algo que pode encher de orgullo ao fútbol deste país", destaca tamén Candal, que cre que intensificar aínda máis a identificación do equipo con Galicia só pode ser positivo para o club. Tamén no banco. "Fernando Vázquez é desas persoas que son máis que un adestrador; é máis que unha técnica, é psicoloxía, é sentimento galego, é saber deportivo", di. "O de Castrofeito dixo que quería alegría e motivación e conseguiuno aínda que non lle dese tempo a lograr un resultado final satisfactorio. Xunto con Arsenio Iglesias, é dos adestradores galegos que máis partidos en Primeira teñen dirixido e supón un símbolo para o fútbol deste país", remata.

© SonRadiofusión

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.