O Deportivo ten unha semana para librarse da liquidación

Os xogadores do Deportivo aplauden a afección © D. Sport

Unha semana. Ese é o prazo que lle queda ao Deportivo para evitar o descenso administrativo a Segunda División B e, xa que logo, a súa desaparición. O que semellaba unha quimera para moitos está cada vez máis perto para un club que leva sete meses en concurso de acredores, pero que nin dá conseguido un convenio nin arranxa as débedas que manteñe cos futbolistas. Non saldalas antes do 31 de xullo podería supoñer a fin. Do "malo será" de hai tan só uns días, o presidente branquiazul, Augusto César Lendoiro, pasou este luns a "non poder garantir" que o equipo compita para o ano que vén na categoría de prata.

Lendoiro pasou en tan só uns días do "malo será" ao non ser quen de garantir que o Deportivo competirá en Segunda División

A última pedra no camiño deste Deportivo é a máis grande. E curiosamente, o que parecía unha vantaxe á hora de afrontar as débedas converteuse no risco que máis achega o club coruñés ao abismo. O xuíz do concurso de acredores, Rafael García, decidiu o pasado domingo que os futbolistas só teñen dereito a cobrar de maneira inmediata a parte proporcional dos seus contratos desde a entrada do club en concruso o pasado mes de xaneiro.

Deste xeito, o Deportivo vería o descenso administrativo máis cerca - tal e como confirmou o presidente da Liga, Javier Tebas - porque, aínda pagándolle aos xogadores as cantidades que autoriza o xuíz, seguiría debéndolles os cartos e podería ser excluído das competicións oficiais, tal e como indica a Lei do Deporte que bate, neste caso, coa lei concursal. Lendoiro ve na situación "un absurdo" e cre improbable o castigo para o club, pero xa non o descarta como hai unhas semanas.

O auto do xuíz que non permite saldar todas as débedas cos xogadores convértese agora no principal risco para o club galego

Xa que logo, os administradores están autorizados polo xuíz a pagarlles aos xogadores a parte proporcional dos seus contratos de xaneiro a xuño. Pero os futbolistas presentaron este mes ante o sindicato da Asociación de Futbolistas Españois (AFE) as denuncias por impago necesarias para que poidan recibir os cartos que se lles adebedan ou poder optar a unha compensación.

Mentres, xuíz e Liga diverxen sobre a prevalencia ou non da lexislación concursal sobre a normativa do fútbol profesional. E mentres tamén, o Deportivo segue sen atopar unha solución aos dous graves problemas: saldar as débedas que impidan o seu descenso administrativo e amañar  un convenio que satisfaga aos acredores e ao club que, incriblemente, di querer pagar a totalidade da débeda (156 millóns) e non acepta unha quita superior ao 30%. As razóns de fondo, para moitos, que Lendoiro así non tería que asumir responsabilidae ningunha.

Lendoiro insiste en non apostar pola quita malia que semella o máis beneficioso para a entidade branquiazul

Pero o urxente é a débeda aos xogadores e as denuncias duns futbolistas que xa anunciaron que non renunciaban a cobrar o 100% do que se lles adebeda. Solucións -que deben ser inminentes e producirse axiña- hainas, pero todas son complicadas a estas alturas e pasan case exclusivamente pola retirada das denuncias. A primeira, e improbable, que o plantel retire estas demandas ao ver en risco a continuidade do club, pero arriscándose a perder todo. Outra, tamén difícil, que un terceiro asegure o pagamento destas débedas aos futbolistas e que estes si acepten retirar así as denuncias. A terceira, e a máis probable, a sinatura dun convenio que garanta de maneira especial as cantidades debidas ao plantel, o que suporía que, posiblemente, o resto de acredores se considerasen prexudicados. No entanto, para calquera das partes, a liquidación da entidade sería o menos beneficioso. Nese caso, todos sairían perdendo e ninguén vería un peso.

En xogo, unha entidade de máis de 106 anos de historia, seis títulos, unha masa social de 25.000 socios e o risco de cargar sobre as costas a desaparición dun símbolo deportivo. Case nada.

Augusto César Lendoiro, presidente do Deportivo © D. Sport

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.