Curioso paradoxo o deste Liceo. Hai un ano, ao tempo que A Coruña se enchía de bágoas polo descenso do Deportivo, o equipo verde e branco alcanzaba a súa quinta Copa de Europa. Lonxe de celebrar, e por respecto ao luto da cidade, a entidade liceísta viu como o seu enorme éxito se escurecía na mesma xornada polo drama do principal conxunto da urbe. Agora, e un ano despois, o seu triunfo volve quedar un pouco descolorido. O mesmo día no que o Depor recuperaba a categoría perdida e os afeccionados enchían as rúas de ledicia, o Liceo revalidaba o título continental. Ante o todopoderoso Barcelona (cun orzamento superior ao de todos os equipos da Liga xuntos) e con dous tantos nos últimos segundos (2-4), o equipo de hockey volveu facer historia, sumando ao seu palmarés outro título. O máis importante deles: unha Liga Europea con tanto mérito como insuficiente é a repercusión e o recoñecemento que merecería. Ese que todos lle teñen na Coruña, pero que quedará sempre ensombrecido polo fútbol.
Hai un ano, o Liceo foi campión de Europa o mesmo día que descendía o Deportivo; agora revalida o título no mesmo día do ascenso branquiazul
Porque o Liceo pode seguir presumindo de ser o club máis laureado de Galicia. E serao por moito tempo. Unha ollada á súa vitrina engade lustre a un conxunto que suma 6 Copas de Europa, 6 Ligas, 9 Copas do Rei, 3 Copas Cers, 4 Copas Intercontinentais ou 5 Supercopas de Europa. No entanto, as últimas vitorias chegan noutro tempo, lonxe daquelas épocas nas que os verde e brancos tiñan o mellor plantel do Estado e loitaban, incluso á hora de facer fichaxes, co todopoderoso Barça.
O Liceo celebra coa Liga Europea os 40 anos da súa fundación e os 30 do seu primeiro título
Os tempos cambiaron e o poderío do club catalán é incontestable, pero só en medios e en cartos. En títulos e en ilusión, o Liceo segue superándoo, tanto que incluso agora, cando a crise económica afoga, foi capaz de gañarlle a Copa de Europa. Ao mesmo conxunto que, ano tras ano, ficha os mellores xogadores do Liceo ou de calquera club onde destaquen. O mesmo domingo, Pablo Álvarez e Reinaldo García, ata hai ben pouco na Coruña, sufriron a vitoria dos seus ex compañeiros. Cun Bargalló excelso, a achega dos canteiráns Lamas e o eterno Carlos Gil no banco, os liceístas volven triunfar no continente. Desta vez, con dous tantos no último minuto do encontro e cando todos pensaban xa na prórroga. Todos o celebran, xusto no ano no que o equipo 40 anos da súa fundación e 30 do seu primeiro título.
Malia todo, o éxito non terá toda a luz que merece. Tan só un día despois de levantar a Copa de Europa, o presidente do club, Eduardo Lamas, volveu queixarse do escaso apoio das administracións. Máis aínda cando o que pide, comparado cos cartos que se moven noutros deportes, é ben escaso, e cando non cansa de lembrar que o seu equipo conta cuns 1.000 rapaces na súa canteira. Esa é a súa teima e a de todos os integrantes dun Liceo que puido compartir gloria co Deportivo nos festexos do ascenso. Desta vez si houbo festa rachada, pero moita menos da que merece un equipo histórico.