O Burela Fútbol Sala alerta da "situación de emerxencia económica" que pon en risco a súa supervivencia

Foto de familia dos e das integrantes dos diferentes equipos do Burela Fútbol Sala © Burela FS

"A delicada situación económica" que atravesa a entidade, cualificada como "de emerxencia", podería "comprometer a súa continuidade a curto prazo", informa a directiva do club

Hai uns días consumouse o descenso á segunda categoría do Burela Futbol Sala, o equipo que chegou a ser o mellor equipo do mundo e que dende o 2009 obtivo 6 Ligas, 7 Copas da Raíña, 6 Supercopas e dous trofeos continentais, entre eles a Champions en 2021. O descenso foi consecuencia directa da quebra do seu patrocinador, Pescados Rubén, a finais do ano 2024, unha situación que deixou a entidade sen os recursos necesarios para competir ao máximo nivel.

Nese momento sinalábase que, en todo caso, o clube tiña garantida a continuidade nesta segunda división (categoría na que tamén se atopa o equipo masculino), apoiado nunha canteira que tamén traballou con dedicación durante estes anos.

As xogadoras do Burela, erguendo a copa de campioas de Liga por sexta vez, en xuño de 2024 © Sabela Blanco - Manu Gil / CD Burela FS

O club realizou unha "solicitude formal de apoio" á Deputación de Lugo e á Xunta de Galicia. Ademais, está a manter contactos con empresas privadas e traballa na posta en marcha de "iniciativas de financiamento colectivo"

Porén, este venres a xunta directiva do o Burela Fútbol Sala fixo pública "a delicada situación económica que atravesa a entidade", cualificada como "de emerxencia" e que podería "comprometer a súa continuidade a curto prazo". A situación foi comunicada a socios e socias nunha asemblea na que se detallou a grave situación creada polas "obrigas financeiras derivadas de pólizas e préstamos formalizados no ano 2020, incluídas na débeda histórica adquirida da xestión anterior a 2025". 

Un dos principais riscos identificados é "o aviso de demandas polo incumprimento destes produtos bancarios, o que impediría afrontar pagamentos esenciais como Seguridade Social ou impostos e provocaría o cesamento da actividade da entidade laranxa".

A xunta directiva fai "un chamamento á responsabilidade colectiva para asegurar o futuro dunha entidade referente no deporte galego"

O presidente do club indica que xa se realizou unha "solicitude formal de apoio" á Deputación de Lugo e á Xunta de Galicia, ben en forma de patrocinio ben de financiamento. Ademais, o club está a manter contactos con empresas privadas e traballa na posta en marcha de "iniciativas de financiamento colectivo". Por exemplo, vai iniciar unha campaña de doazóns a través da Fundación Imdecum co obxectivo de mobilizar o apoio social e deportivo ao proxecto baixo o lema "25 anos de Historia. Corazón e Resistencia".

As xogadoras do Reyco Burela nun dos partidos desta tempada © Reyco Burela

O equipo feminino, que chegou a ser considerado o mellor do mundo e gañou unha vintena de títulos, entre eles dous continentais, descendeu a Segunda División hai unhas semanas

A xunta directiva afirma que a viabilidade do club para a próxima tempada "dependerá directamente do éxito das xestións abertas nas próximas semanas, tanto no ámbito institucional coma no privado". Indica, igualmente, que mantén un "compromiso coa transparencia" e que a súa prioridade é "manter os pagamentos ao persoal e provedores". Finalmente, fai "un chamamento á responsabilidade colectiva para asegurar o futuro dunha entidade referente no deporte galego".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.