Diana, Rebeca e Rosi: as tres rapazas de Valga que abriron camiño para as mulleres no fútbol

As tres xogadoras, retratadas por Lalo Villar para a Revista Más © Lalo Villar / Revista Más

En 1997 o Furia AC de Valga aliñou no seu equipo cadete a tres rapazas: Diana Rey Martínez, Rebeca Viñas Arning e Rosa Pardal Aragunde. Esta decisión forzou meses despois ao Comité Galego de Disciplina Deportiva a recoñecer o seu dereito e o de calquera cativa a xogar no fútbol federado

O fútbol feminino está en auxe. Os éxitos deportivos de seleccións e clubs, cada vez con máis apoios e visibilidade, medran en paralelo a crecemento da base, cun espectacular aumento das rapazas e mozas federadas, normalizando o feito de as mulleres xoguen ao deporte rei. Porén, non sempre foi tan normal e ata tempos moi recentes as cativas ás que lles gustaba o balompé atopaban grandes dificultades para poder competir sen obstáculos (e burlas). 

Neste proceso houbo pioneiras en moitos lugares, por exemplo en Valga. Nomes de mulleres que racharon cos atrancos de todo tipo e que fican na historia como as que abriron camiños polos que agora transitan as Vero Boquete ou Tere Abelleira e tantas e tantas cativas en todo o país.

En setembro de 1997 o Furia AC, refundado un ano antes, aliñou no seu equipo cadete a tres rapazas valguesas: Diana Rey Martínez, Rebeca Viñas Arning e Rosa Pardal Aragunde. A súa participación nun equipo federado maioritariamente masculino tivo unha forte repercusión, xa que a normativa federativa da época impedía a presenza de mulleres en competicións masculinas a partir de determinadas idades e, despois de xogar algúns partidos, non se lles permitiu facelo máis.

Diana (á dereita), Rebeca (á esquerda) e Rosa (abaixo), antes do partido no que se lles impediu xogar © Furia AC

O BNG levou esta semana ao pleno municipal a proposta para denominar as instalacións deportivas de Campaña como "Complexo deportivo Diana, Rebeca e Rosi". Porén, a iniciativa foi rexeitada polo PP, que conta con maioría absoluta

A decisión das propias xogadoras para defender o seu dereito a competir nas mesmas condicións que os seus compañeiros de equipo, co apoio do Furia AC e das súas familias, abriu un fondo debate que tivo unha grande repercusión mediática e deportiva. Varios meses despois, o 24 de abril de 1998, o Comité Galego de Disciplina Deportiva recoñeceu o dereito de Diana Rey, Rebeca Viñas e Rosa Pardal a xogar no fútbol federado e nas competicións organizadas pola Federación Galega de Fútbol, sen prexuízos nin limitacións por razón de sexo. 

En lembranza destes feitos, e a xeito de homenaxe ás tres veciñas, o BNG de Valga iniciou en marzo -coincidindo coa celebración do 8M- unha campaña para que o Concello poña o nome de Diana, Rebeca e Rosa ao complexo deportivo da Campaña, "recoñecendo tamén o papel xogado polo Furia AC e a súa directiva, que decidiron situarse do lado da igualdade, cando non era o máis doado".

Para Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, "máis pronto que tarde, este recoñecemento será inevitable. Porque hai nomes e feitos que, por moito que algúns intenten minimizar, acabarán ocupando o lugar que lles corresponde"

O BNG levou esta semana ao pleno municipal a proposta para denominar as instalacións deportivas de Campaña como "Complexo deportivo Diana, Rebeca e Rosi". Porén, a iniciativa foi rexeitada polo PP, que conta con maioría absoluta. O Bloque denuncia que no debate "o propio alcalde xustificou o seu voto en contra afirmando que non tiñan méritos suficientes 'para que unhas instalacións deportivas leven o seu nome'". 

Para o BNG, este argumento "reduce a unha cuestión cuantitativa o que foi, en realidade, un momento histórico no que tres rapazas que se enfrontaron a unha normativa discriminatoria e abriron camiño na loita pola igualdade no deporte". 

Diana, Rebeca e Rosa e o Furia AC, "convertéronse en protagonistas dun momento histórico que marcou un antes e un despois na loita contra as desigualdades existentes no deporte", di o BNG

Para Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, "temos claro que este recoñecemento non depende dun voto puntual. Diana Rey Martínez, Rebeca Viñas Arning e Rosa Pardal Aragunde xa son historia, e tamén o é o Furia AC como parte dese capítulo" e engade que "máis pronto que tarde, este recoñecemento será inevitable. Porque hai nomes e feitos que, por moito que algúns intenten minimizar, acabarán ocupando o lugar que lles corresponde". 

"Un modesto clube de Valga foi capaz de poñer en evidencia e dobregar ao machismo institucional no mundo do fútbol", di a formación nacionalista

A formación nacionalista subliña que "aquel episodio puxo en cuestión unha discriminación profundamente arraigada no fútbol, e un modesto clube de Valga foi capaz de poñer en evidencia e dobregar ao machismo institucional no mundo do fútbol". E destaca que Diana, Rebeca e Rosa, xunto con todo o Furia AC "convertéronse en protagonistas dun momento histórico que marcou un antes e un despois na loita contra as desigualdades existentes no deporte, e nunha demostración de que as inxustizas se poden cambiar cando as causas son xustas".

As tres xogadoras, noutra imaxe de Lalo Villar para a Revista Más © Lalo Villar / Revista Más

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.