Oscar Quant (Sabín Fernández) naceu nas Palmas en 1977 pero sempre viviu en Ferrol e dende moi novo uniu as súas dúas paixóns: o baloncesto e a música, a música e o baloncesto. Cos cadetes do Club Baloncesto OAR Ferrol foi dúas veces campión galego e chegou a ser sexto no campionato de España da categoría. De igual xeito, lidera dende hai anos a banda Quant, ademais de formar parte doutros proxectos, coma os Skyhooks, unha basket-roll band na que precisamente se fusionan música e baloncesto.
Agora vén de publicar Bailando sobre el parqué (Editorial Milenio), un libro na que enlaza historias e momentos nos que deporte e cancións se cruzaron, explorando a permanente relación entre xéneros musicais, bandas e artistas con baloncestistas consagrados. E así polas páxinas aparecen Kareen Abdul Jabbar, Dirk Nowitzki, Dennis Rodman, Michael Jordan, LeBron James ou Steve Curry pero tamén Pearl Jam, Mick Jagger, Ray Charles ou Prince. Falamos con el sobre unha obra que se presenta este sábado ás 19 horas na FNAC da Coruña.
"O jazz ten moitísimas conexións co baloncesto. Kareem Abdul Jabbar declarou que foi mellor xogador grazas a escoitar este xénero. Melloraba o seu xogo de pés"
Paseando polo libro escoitamos jazz, soul, rockpsicodelia, hip-hop... Hai algún xénero especialmente vinculado ao basket?
Penso que actualmente, en Estados Unidos en especial, o xénero hip-hop é o que máis se asocia ao basket. Nos anos 70, nas mesmas rúas e canchas nas que naceu o streetball (pachangas nas canchas de barrio, a pé de rúa) apareceron os primeiros mc's e rappers. Na actualidade a estética do baloncesto prevalece na moda do hiphop: pantalóns amplos, camisolas de xogadores, gorras de equipos NBA....
Que papel xoga a música negra, tendo en conta o dominio destes xogadores no baloncesto estadounidense?
O jazz ten moitísimas conexións co baloncesto. Kareem Abdul Jabbar declarou que foi mellor xogador grazas a escoitar este xénero. Melloraba o seu xogo de pés. Wayman Tisdale foi un gran xogador que tivo unha moi interesante carreira musical, e un músico coma Wynton Marsalis admite que os acompasados movementos dos xogadores na cancha inspiraron moitos dos seus solos de trompeta.
Quen non tarareou “Hit the road, Jack” de Ray Charles cando algún adversario foi eliminado por faltas persoais?
Cres que o papel que a música xoga no basket é maior que noutros deportes, sobre todo o fútbol? Por que?
O fútbol parece un monstro tan enorme que parece devoralo todo. Pero non coñezo outros deportes tan vinculados á música como o baloncesto, a cantidade de cancións dedicadas a xogadores, equipos ou mesmo adestradores é longuísima. Ademais daquelas cancións que os bos afeccionados xa relacionamos inequivocamente con xogadas ou lances do xogo... Quen non tarareou “Hit the road, Jack” de Ray Charles cando algún adversario foi eliminado por 5 (ou 6) faltas persoais?
"A miña favorita é a sorprendente relación entre Dirk Nowitzki e o gran David Hasselhoff, historia que o libro relata en profundidade"
En todo caso, na túa vida sempre estiveron moi unidas unha e a outra, non?
Xoguei en todas as categorías inferiores do tristemente desaparecido O.A.R. Ferrol, mesmo cheguei a xogar na selección galega... Paralelamente desenvolvín unha gran afección aos discos, cancións e grupos que tempo despois puiden imitar, montando as miñas propias bandas (Quant, SkyhookS) onde plasmo todo isto.
O libro está repleto de anécdotas, nas que aparecen a relación entre Kareen Abdul Jabbar e o jazz, Rodman e Pearl Jam, Grateful Dead e a selección de Lituania, ou Michael Jordan e Michael Jackson. Tes algunha favorita?
A que máis me sorprendeu foi o pasado baloncestístico de moitos músicos de primeiro nivel: Mick Jagger, Prince, Arthur Lee... Pero a miña favorita é a sorprendente relación entre Dirk Nowitzki e o gran David Hasselhoff, historia que o libro relata en profundidade.
"A relación de gran amizade de Seikaly e Bertín Osborne vén da tempada que o pívot xogou en Barcelona, relación afianzada nas longas festas da noite barcelonesa"
Tamén citas algunhas que tiveron lugar en España, e por aí aparecen Loquillo e Epi ou Rony Seikaly e Bertín Osborne. Que os relaciona?
Loquillo e Epi compartían equipo na súa xuventude. Toda esa xeración dos 80 e 90, (Solozábal, Flores, Jimenez) foron homenaxeados no videoclip de Loquillo da canción: “Memorias de jóvenes airados”. A relación de gran amizade de Seikaly e Bertín ven da tempada que o pívot xogou en Barcelona, relación afianzada nas longas festas da noite barcelonesa... Seikaly non chegou a rematar a tempada...
"O xogador a quen gostaría de facerlle unha canción é Kurt Rambis"
O libro está prologado por Raúl López. Como conseguiches que participase? Que une ao baloncesto e a música na súa vida?
Púxenme en contacto con el ao través dun amigo en común, dende o primeiro momento mostrouse moi aberto a participar, pero cando leu os primeiros capítulos, xa me dixo que lle parecía unha idea xenial. É un gran melómano, e os seus gustos punks sorprenderán a moitos e moitas.
Raúl López cita os seus xogadores e cancións favoritas. Cales son os xogadores e equipos que marcaron a túa vida? Algúns xa pasaron polas túas cancións, pero sobre que xogador che gustaría compoñer un tema?
Por suposto o equipo da miña cidade, OAR Ferrol. Naquela época case era o único motivo polo que sentirse orgulloso da nosa comarca. A outros niveis, foi moi importante cando, a mediados dos 80, chegaba a NBA ás nosas vidas: Magic Johnson, Larry Bird e Michael Jordan marcaron a miña xeración. Pero o xogador a quen gostaría de facerlle unha canción é Kurt Rambis.
"Non me gusta nada a nostalxia ferrolá… Actualmente temos o Universitario na división de honor feminina, e ao Basketmi na primeira división de baloncesto en cadeira de rodas"
Hai cidades de baloncesto e hai cidades de fútbol? Ferrol ten unha relación especial co baloncesto? Mestúrase nesta relación unha parte de nostalxia do pasado?
Non me gusta nada a nostalxia ferrolá… Actualmente temos ao Universitario na división de honor feminina, e ao Basketmi na primeira división de baloncesto en cadeira de rodas. Ferrol ten unha gran tradición neste deporte pero tamén un gran presente, e espero que un aínda mellor futuro.
En que se parece un concerto a un partido de baloncesto?
Pois por moi raro que poida parecer, son rituais moi semellantes. Un grupo de calquera estilo ten comportamentos moi parecidos a un quinteto titular, todos xogamos nunha mesma harmonía e estratexia, pero tamén todos temos o nosa xogada individual, o noso solo de guitarra… O que se vive nun vestiario coma nun camerino, os nervios previos, quentar os músculos ou a voz… é o momento de poñer en práctica todo o ensaiado e adestrado, o setlist poderían ser as nosas xogadas técnicas.
“Por moi raro que poida parecer, un concerto e un partido de baloncesto teñen rituais semellantes”
Ademais de Quant, estás noutro proxecto, Skyhooks, que leva á práctica esta suma de baloncesto+rock&roll Como xurdiu e que novidades ten a banda?
Gústanos dicir que somos a primeira basket-roll band da historia. Todas as nosas cancións xiran ao redor do mundo da canastra: xogadores, partidos, lembranzas ou situacións do propio xogo… outras veces o basket sérvenos como pretexto para falar doutros temas máis profundos, como o paso do tempo ou historias de amor ambientadas nunha cancha. Estamos gravando xa o noso primeiro disco longo, co cal esperamos acadar o noso primeiro anel da NBA.