O Liceo confirma a Galicia na elite do hóckey mundial

O Liceo, recibido no Concello da Coruña © Roberto Gómez

Vinte anos despois, o Liceo volve gañar a Liga. O equipo coruñés rachou así coa hexemonía catalá no hóckey sobre patíns e confirmou a Galicia na elite mundial dun deporte que o ano que vén contará tamén con outro equipo da terra, o Cerceda, na súa máxima categoría estatal, onde o resto de equipos volverán ter a súa sede exclusivamente en Cataluña.

O Liceo gañou vinte anos despois a Liga, que conquistara o Barcelona en 14 das súas últimas 16 edicións

No último partido ante o Lleida e grazas a un gol de Josep Lamas nos últimos minutos (3-4), o conxunto coruñés mantivo a vantaxe sobre un Barcelona que gañou 16 dos últimos 14 campionatos da OK Liga e que supera en orzamento o resto de clubs da competición, o que indica o meritorio dun título que non mide a regularidade e non se basea en eliminatorias. Nesas nas que o Liceo xa demostrara a súa capacidade gañando as dúas últimas edicións da Copa de Europa.

Faltáballe a Liga ao equipo coruñés para confirmar que as glorias de Martinazzo, Huelves, Pujalte, Duarte ou o propio Carlos Gil -actual adestrador e gañador do primeiro campionato do Liceo como xogador- seguen moi vivas. E para berrar ben alto que é un dos mellores clubs do mundo e da historia do hóckey sobre patíns.

Do que non hai dúbidas, e só datos, e de que este conxunto é, e de seguro será durante décadas, a entidade máis laureada do deporte galego. Sete ligas, nove copas do Rei, seis Copas de Europa, tres Copas da Cers, dúas Recopas, seis Supercopas europeas e cinco Copas Intercontinantais adornan un palmarés que suma xa 38 títulos. Malia ter todo en contra desde que se fundara hai 41 anos e desde que hai algo máis de 30 abrise por primeira vez as súas vitrinas. Só o Liceo pode co dominio que vén do leste. Porque dos 43 títulos do campionato español disputados ata a data, 36 foron conseguidos por equipos cataláns. Das 70 Copas do Rei, 60 viaxaron tamén cara a Cataluña. O resto, quedou en Galicia.

O equipo coruñés suma xa 38 títulos desde que se fundara hai 41 anos e confírmase como o club máis laureado de Galicia

A marcha de Augusto César Lendoiro da presidencia, hai vinte anos, parecía condenar o Liceo a unha época máis austera en títulos, superado en seguimento polo fútbol na cidade e sometido ao dominio dunha Cataluña onde o hóckey é algo máis que un deporte. Sendo sempre, xunto ao Barcelona, o rival a bater, os de verde e branco teiman desde hai anos na súa fórmula para manterse no máis alto: promesas novas e canteira, axudada polo agromar dun deporte que prendeu con forza na Coruña e nos seus arredores.

Así, o campionato de Liga baseouse principalmente en sete xogadores: dous cataláns (Jordi Bargalló, declarado mellor xogador da competición, e Xavi Malián), un asturiano (Toni Pérez), dous rapaces arxentinos (Lucas Ordóñez e Matías Pascual) e dous galegos (os irmáns Josep e Eduard Lamas, fillos do presidente), sempre axudados por mozos da casa como Añón ou Bodelón.

O Liceo gaña a Liga no mesmo ano no que o Cerceda regresa á elite e o Dominicos á segunda categoría

Porque a base é o futuro dun Liceo no que ata tres dos seus principais xogadores (Malián, Pérez e Eduard Lamas) colleron folgos no Cerceda, club que acaba de ascender á OK Liga logo de desvincularse definitivamente do club coruñés hai catro tempadas. O éxito do Liceo e das sementes que plantaron os seus éxitos durante anos son tamén os dun equipo cercedense que xogará na elite cun plantel cheo de galegos e cuxo regreso á máxima competición coincide tamén coa volta do Dominicos -o outro único equipo que rachou o dominio catalán nos 90 acadando unha Copa do Rei- á segunda categoría.

Na vindeira tempada, é moi probable que o Barcelona, como vén facendo nos últimos anos, pesque no caladoiro liceísta algunha das súas estrelas. Pero o Liceo seguirá dando guerra. A mesma que lle permite pelexar entre os mellores malia ter todos os elementos na súa contra.

O Liceo celebra un gol © Roberto Gómez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.