O Liceo toca a gloria cun novo título de Liga

O Liceo celebra en Reus o seu oitavo título de Liga © HC Liceo

Hemeroteca

Nun deporte que é case relixión en Catalunya, o Liceo volveu erguer o seu stick desde Galicia para reivindicarse e acadar o máis difícil. O equipo coruñés proclamouse por oitava vez campión de Liga de hóckey sobre patíns logo de vencer o Reus na súa casa (2-5) no terceiro partido do play-off polo título e resolver con claridade a final (3-0). 

O Liceo celebra a súa oitava Liga coincidindo co seu 50º aniversario e cos 40 anos do seu primeiro título

O equipo máis laureado de Galicia suma outra copa máis a unha vitrina que contempla 43 títulos e que engade esta Liga ás dez Copas do Rei -a última o pasado ano-, seis Copas de Europa, tres Copas CERS, dúas Recopas ou cinco Copas Intercontinentais.  

Gañou a Liga o Liceo nunha competición onde 11 dos 13 restantes equipos son cataláns e onde o Barcelona só deixou escapar dous dos anteriores 25 títulos, precisamente ante o equipo galego (2013) e o Reus (2011). Os culés gañaran os oito últimos campionatos. 

O Liceo celebra en Reus o seu oitavo título de Liga © HC Liceo

Os tantos de Marc Grau, Álex Rodríguez, Dava Torres, Jordi Adroher e César Carballeira asinaron unha vitoria de mérito que puido coa resistencia dun Reus que nunca se rendeu nun recinto que foi unha caldeira na busca dun cuarto partido que non chegou. 

O título chega para o Deportivo Liceo no ano que celebra o seu 50º aniversario e o 40º do seu primeiro título. E sopra as candeas como campión de Liga, con importantes logros na súa canteira, un equipo filial na segunda categoría e o seu equipo feminino na elite. 

Todo nunha cidade que resiste como aldea gala, como reduto dun deporte que ten en Catalunya case o 70% do total de deportistas federados de toda España e máis da metade dos clubs. Galicia, segunda en equipos e terceira en licenzas, ten o seu estandarte na Coruña, unha localidade que pode presumir de contar con tres conxuntos na segunda división: o filial do Liceo, o Dominicos -campión da Copa do Rei en 1990- e o Compañía de María. 

Unha canteira con centos de rapaces que, malia a preponderancia lóxica do hóckey catalán, é representada no Liceo co seu capitán, Dava Torres, e co internacional César Carballeira. Coma antes o fixeran os irmáns Lamas, Willy Duarte ou os Avecilla. E como o fai desde o banco o adestrador, o coruñés Juan Copa, formado na canteira do Dominicos e que segue acumulando títulos no seu palmarés e no do club verde e branco. 

O Deportivo Liceo celebra un gol na final da Liga no Pazo dos Deportes de Riazor © HC Liceo

O Liceo proclámase campión de Liga a poucos días de que se cumpran 40 anos do seu primeiro título, precisamente tamén contra o Reus, en Alcoi, na final da Copa do Rei celebrada no verán de 1982. Era a primeira vez que un equipo non catalán erguía un trofeo e o club galego lográbao tan só unha década despois da súa fundación, do seu nacemento no Colexio Liceo La Paz. Alí onde os sticks de hóckey aínda comparten patio e devoción coas pelotas de fútbol. 

Este sábado, ás 19 horas no Pazo dos Deportes de Riazor, o Liceo brindará a Copa a todos os seus afeccionados, nunhas celebracións que tamén chegarán ao Colexio Liceo La Paz. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.