O 'Manifesto por un ciclismo crible', a debate

Dominio Público Praza Pública

Elos e Canelas, o blog de ciclismo de Praza, publica en galego o texto difundido por L’Equipe, La Gazzetta dello Sport, The Times, Het Nieuwsblad e Le Soir, e propó un debate sobre el.

Ofrecemos a tradución á lingua galega para en posteriores posts debater sobre a postura que adoptaron

O pasado sábado 27 de outubro de 2012, cinco xornais europeos publicaron unha editorial conxunta sobre a situación do ciclismo profesional. O francés L’Equipe, o italiano La Gazzetta dello Sport, o británico The Times e os belgas Het Nieuwsblad (flamengo) e Le Soir (francófono) asinan o chamado Manifesto por un ciclismo crible. Os autores amosan a súa preocupación pola situación derivada das tramas de dopaxe e a súa confianza no futuro deste deporte, aproveitando esta crise para esclarecer as responsabilidades relativas ao caso Armstrong e facer cambios contundentes na xestión do ciclismo internacional. Ofrecemos a tradución á lingua galega para en posteriores posts debater sobre a postura que adoptaron:

 

MANIFESTO POR UN CICLISMO CRIBLE

Somos un grupo de xornais de catro países (Bélxica, Gran Bretaña, Francia e Italia) que levamos contando a historia do ciclismo dende hai un século. Este deporte é a nosa paixón e temos unha grande confianza no seu futuro. Tamén estamos moi preocupados pola situación actual. Na longa lista negra de escándalos de dopaxe que ensobreceron o horizonte do ciclismo nos últimos anos hai que sumar o caso Armstrong, as confesións de varios dos seus ex compañeiros de equipo e o informe da Axencia Americana Antidopaxe (USADA); nel apúntase a un mal funcionamento ou a complicidade da Unión Ciclista Internacional (UCI). Ademais, están tamén os informes desacougantes que se filtraron na investigación de Padua e en xaneiro abrirase o xuízo da Operación Puerto en Madrid.

Estas recente revelacións amosan claramente que xa non podemos confiar na UCI ou nos xefes de equipo cómplices no engano. Porén, as responsabilidades recaen en todas as persoas involucradas no ciclismo: sindicatos, directivos, patrocinadores, organizadores e pilotos. Cremos que as cousas melloraron recentemente. Cremos nunha nova xeración de corredores, pero entendemos que é imposible seguir coas mesmas estruturas, o mesmo funcionamento, as mesmas regras e os mesma xente.

É por iso que hoxe recomendamos:

  • Que a UCI recoñeza as súas responsabilidades no caso Armstrong e que se desculpe.
  • A constitución, baixo responsabilidade da Axencia Mundial Antidopaxe (AMA), dunha comisión neutral e independente para investigar o funcionamento e a responsabilidade da UCI no caso Armstrong e a loita contra a dopaxe en xeral para denunciar posibles complicidades, erros e abusos.
  • Que a organización dos controis das carreiras máis importantes sexa directamente responsabilidade da AMA e as axencias antidopaxe.
  • Que as penas de suspensión aplicables nos casos de dopaxe sexan máis severas e que os grupos deportivos se comprometan a non fichar por dous anos máis aos corredores suspendidos por máis de seis meses.
  • A restauración dun “pacto de cabaleiros” que estipule que un ciclista que é obxecto dunha investigación por dopaxe sexa automaticamente suspendido polo seu equipo.
  • Unha maior implicación e unha maior responsabilidade dos patrocinadores que financian e lle dan nome aos equipos.
  • A reforma da UCI World Tour, o seu sistema de puntos e a concesión de licencias, que manteñen un sistema pechado e opaco. Tamén propoñemos que as licencias xa non se expidan aos directores de equipo, senón aos patrocinadores.
  • A convocatoria dun “Estado Xeral da Bicicleta” antes do inicio da temporada 2013 coa fin de definir unha nova organización e novas regras.

Agardamos sinceramente que o mundo do ciclismo saiba aproveitar a oportunidade que se lle ofrece para unha reforma en profundidade.
Asinantes: Het Nieuwsblad-L’Equipe-Le Soir-The Times-La Gazzetta dello SportDe Telegraaf (Países Baixos), El País, Süddeutsche Zeitung (Alemaña) e The Sydney Morning Herald (Australia) expresaron o seu apoio a esta iniciativa, participaron nos debates e compartiron ideas aínda que preferiron manter a súa independencia editorial. El Periódico de Catalunya adheriuse tamén a este manifesto.

Os diarios promotores desta iniciativa crearon tamén unha conta en Twitter chamada @changecycling onde agardan ir contando a evolución destas reivindicacións (aínda que de momento anda un pouco parada). Tamén propoñen o debate nesa rede social co hashtag #changecycling.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.