O novo e difícil futuro concursal do Deportivo

Augusto César Lendoiro, presidente do Deportivo © D. Sport

A piques de cumprir 25 anos na presidencia do Deportivo, Augusto César Lendoiro afronta o seu trago máis difícil. Desde este luns, o club coruñés atópase oficialmente en situación de concurso de acredores. Afogado polas débedas, e especialmente polo embargo de Facenda, o equipo branquiazul optou pola suspensión de pagos e por poñerse en mans dun administrador concursal que, a partir de agora, decidirá, controlará e indagará sobre a xestión e a situación económica da entidade.

O embargo de Facenda empurrou o club a un concurso de acredores que Lendoiro intentou evitar sempre

De nada serviu a considerable rebaixa da débeda dos últimos anos nin o necesario ascenso a Primeira acadado a pasada temporada. Foi precisamente aquel descenso á categoría de prata a que acabou por precipitar un concurso que hai uns anos parecíalle  unha "vergonza" a Lendoiro. "Dáme pena, pero non vergonza", aclara agora o máximo dirixente do Deportivo, consciente de que non quedaba outra alternativa para un club no que xogadores e técnicos levan varios meses sen cobrar.

O embargo de todos os ingresos por parte de Facenda e a imposibilidade de pactar unhas condicións favorables para o pago fraccionado ao fisco desta débeda -uns 34 millóns recoñecidos pola entidade pero bastante máis segundo outras fontes-obrigaron a un concurso que, curiosamente, podería afrouxar un chisco a soga que apertaba o club desde hai tempo. No entanto, a liberación dos dereitos de cobro dos dereitos televisivos (uns 10 millóns de euros que aliviarían a situación económica) terá que esperar a que a xuíza escoite o administrador concursal e a Facenda antes de levantar o embargo.

A empresa de Francisco Prada, que foi administrador concursal no Celta, encargarase tamén do concurso do Deportivo

Será o economista galego Francisco Prada, experto en concursos, o que exerza desde a súa empresa como administrador concursal do Deportivo. Como xa fixera co Ourense e co Celta, en cuxas situacións concursais participou, será quen fiscalice de aquí en diante a xestión económica do club, pero tamén quen determine as causas e os culpables da situación.

O equipo coruñés únese así a unha enorme lista de clubs da Liga española que están (ou estiveron) en concurso. Atendendo aos antecedentes, Lendoiro insiste en reclamar un trato idéntico ao recibido por outros clubs e adoita facer referencia ao Celta, que accedeu a unha importante quita dunha débeda de máis de 80 millóns. A do Deportivo ascende a perto de 100. Pero non todo foron facilidades no caso do club vigués, onde o capital persoal do seu actual presidente, Carlos Mouriño, evitou a súa desaparición en varias ocasións.

Pero o Deportivo, e esa é unha pregunta recorrente, non accedeu daquela ao concurso voluntario. Faino agora e os tempos xa non son os que eran. A profunda crise económica e a aposta do Goberno central por levar a cabo medidas exemplarizantes cos clubs de fútbol non lle puxeron nada fácil as cousas a un Deportivo que culpa tamén á falta de apoio institucional e mediático na súa cidade das elevadas esixencias de Facenda. Os intentos -máis ou menos insinuados- desde a directiva branquiazul por conseguir un apoio masivo da súa afección contra o presunto trato discriminatorio da Administración non tiveron demasiado éxito.

A maioría dos afeccionados son conscientes de que sería pouco entendible o apoio cego a un club de fútbol mentres os telexornais falan día a día de desafiuzamentos, desemprego e dificultades económicas. Os títulos e éxitos acadados nos últimos vinte anos semellan tamén frear os reproches a un Lendoiro que, malia todo, xa non conta co mesmo apoio que antes.

Pero se de algo non ten queixa Lendoiro é da afección, que segue apoiando masivamente un equipo que traslada a súa difícil situación económica ao plano deportivo. Situado en postos de descenso e con  novo adestrador desde hai dúas semanas, o conxunto coruñés aposta todo ou nada a unha salvación que é condición indispensable para asegurar a viabilidade do club.

As esixencias económicas e a necesidade de quedar en Primeira obrigan o club a unha continua ollada a curto prazo

Esta esixencia deportiva, unida á económica, empurrou o club a unha ollada a curto prazo que se ve como o mal menor entre a bancada. Apoiado no axente portugués Jorge Mendes, Lendoiro conformou un equipo no que a base son xogadores portugueses cedidos e con data de caducidade na Coruña dirixidos por un técnico luso. A falta de liqudez obriga o club a unha reinvención constante que se intenta evitar agora renovando unha base de futbolistas nos que a canteira debería comezar a coller o protagonismo prometido.

“Queremos que a metade do plantel proceda da canteira en 2015”, dixo Lendoiro non hai moito. Pero as esixencias pódenlle a un equipo que ascendeu a Primeira hai medio ano cunha presenza máis que notable de ex fabrilistas. Bergantiños, Juan Domínguez, Laure, Lassad ou Xisco acabaron por ser protagonistas dun equipo que apuntaba á política de base que o Celta asumiu hai varios anos, curiosamente tamén logo de entrar en concurso e de constatarse a súa difícil situación económica.

A refundación centrada en Abegondo é unha da esperanza duns afeccionados que saben, no entanto, que manterse en Primeira é a única opción posible para afrontar con certas garantías o difícil camiño que supón o concurso de acredores. Agora empeza un difícil percorrido que, como case sempre no fútbol, será moito menos complicado se a pelotiña acaba entrando na portería.

 

Os xogadores do Deportivo aplauden a afección © D. Sport
Augusto César Lendoiro, presidente do Deportivo © D. Sport

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.