Non haberá, pois, tres equipos galegos na ACB, unha circunstancia que se deu por última vez na tempada 1993-94, cando coincidiron Breogán, Club Ourense Baloncesto e o OAR Ferrol, que descendeu nesa ocasión
Non puido ser. O Obradoiro fixo os deberes na derradeira xornada da Liga ACB e derrotou no Sar ao Joventut (97-71). Pero a vitoria de Granada ante Gran Canaria (74-67) condenou o equipo adestrado por Moncho Fernández ao descenso á LEB Ouro despois de 13 tempadas consecutivas. Durante gran parte da tarde o milagre semellou posible: o Obradoiro dominaba claramente e o Granada perdía no seu encontro -chegou a estar 13 puntos abaixo (38-51)-, pero a remontada final dos nazarís acabou coas opcións compostelás.
O Obradoiro militará a vindeira tempada na LEB Ouro e non acompañará a Breogán (salvado o venres, na penúltima xornada) e Basquet Coruña na máxima categoría. Non haberá, pois, tres equipos galegos na ACB, unha circunstancia que se deu por última vez na tempada 1993-94, cando coincidiron Breogán, Club Ourense Baloncesto e o OAR Ferrol, que descendeu nesa ocasión.
A primeira incógnita que deberá resolver o Obradoiro é a continuidade de Moncho Fernández
O Obradoiro deberá agora preparar o equipo para unha estadía -esperemos que o máis curta posible- na segunda categoría, na que coincidirá co COB Ourense e na que pode atopar -á espera da resolución do segundo ascenso á ACB- rivais de peso, coma Estudiantes, San Pablo Burgos ou Lleida, ademais do Palencia, tamén descendido da ACB.
A primeira incógnita que deberá resolver o Obradoiro é a continuidade de Moncho Fernández, ao que aínda lle resta un ano de contrato, e que leva 14 anos adestrando o equipo.
Durante 13 anos o Obradoiro converteu Compostela nunha cidade de baloncesto
Durante 13 anos o Obradoiro (coas súas distintas denominacións: Blusens Monbus, Río Natura Monbus ou Monbus Obradoiro) converteu Compostela nunha cidade de baloncesto e o Multiusos do Sar nunha fortaleza na que milleiros de seareiros vibraron en tardes e noites máxicas.
O equipo foi quen de conseguir ano tras ano a permanencia, con maiores ou menores dificultades, e chegou a finalizar nunha meritoria 8ª posición (na tempada 2012-13), a súa mellor clasificación, que lle permitiu xogar os play-off polo títulos.
O Basquet Coruña convértese no sexto equipo galego que chega á máxima categoría
O Obradoiro deixa a súa praza ao Basquet Coruña, que o venres confirmou o seu ascenso cunha vitoria en Melilla que completou unha tempada moi regular na que se demostrou superior aos seus rivais grazas ao xogo colectivo e a un gran xogo ofensivo. O equipo laranxa, que aínda deberá completar os requisitos económicos que impón a ACB para a súa admisión (o pagamento dun canon de dous millóns de euros dividido en catro pagamentos anuais, elevar o seu orzamento a un mínimo de 2,5 millóns de euros e mellorar o seu recinto de xogo), convértese no sexto equipo galego que acada a máxima categoría do baloncensto español.
Antes, foi a quenda do Bosco Coruña (na tempada 1968-69), o Breogán de Lugo (27 tempadas na máxima categoría), o desaparecido OAR Ferrol (que militou 13 tempadas en Primeira División e posteriormente na ACB), o COB Ourense (10 tempadas en ACB) e o Obradoiro (15 tempadas na máxima categoría).